A folga do sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada paralizou as estacións e alterou os desprazamentos escolares en toda Galicia debido a un seguimento "masivo" nas catro provincias, segundo os tres sindicatos convocantes (CIG, UGT e CCOO), dun paro ao que estaban chamados máis de 5.000 traballadores en Galicia.
Os sindicatos cifran o seguimento da folga por riba do 90%
As centrais sitúan o dato de seguimento por riba do 90% e "rozando" o 100% nalgúns casos. Pola súa banda, a Federación Galega de Transportes (Fegatramer) asegura que "discorre con normalidade", aínda que denuncia que nnas cidades bloqueáronse as saídas, en particular nas estacións, o que non tería permitido "dar cumprimento nin aos servizos mínimos", en palabras do seu portavoz Carlos García.
O persoal reclama negociar os catro convenios e as táboas salariais, que, segundo denuncian, levan sen actualizar dous anos no caso da Coruña e Pontevedra e cinco no de Lugo e Ourense. Ademais, en Vigo, na que este venres empezou fin de semana grande da Reconquista, o paro coincidiu coa folga da concesionaria do bus urbano, Vitrasa.
O persoal reclama negociar os catro convenios e as táboas salariais, que, segundo denuncian, levan sen actualizar ata cinco anos nalgunha provincia
Os sindicatos advirten que agora a patronal deberá "sentar de verdade". "Estabamos a negociar o IPC para A Coruña e Lugo e a oferta era do 0,8%. Isto é imposible. E en Lugo e Ourense nin sequera había negociación", dixo o portavoz do sector en UGT-Galicia, Miguel Campos, en Santiago.
O responsable do sector da CIG na comarca de Vigo, Carlos Lamosa, sinalou que a folga é resultado da actitude dunha patronal "inmobilista", que mantén salarios base por debaixo dos mil euros e que, para actualizar as nóminas, ofrece "un irrisorio 0,8%". "Rise dos traballadores", concluíu.
Raúl Rodríguez, de CCOO-Galicia, non descarta que o sector reedite un escenario como o vivido durante o ano 2017, cando o paro foi indefinido e o conflito prolongouse durante varias semanas. "A administración responsable aquí é a Xunta, que ten que mover ficha", advirte Campos, despois de trasladar as desculpas polos "danos causados" ás persoas usuarias.
A xornada, segundo os sindicatos, transcorreu "sen incidencias" e cun "éxito rotundo" máis aló de rodas picadas en Trives e petardos en Ourense. Durante o día, o desconcerto foi o máis habitual entre usuarios e usuarias que descoñecían a convocatoria de folga na súa maioría, ademais dun transvasamento de xente ás estacións de tren e o colapso nas paradas de taxis.
Ante a situación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chamou á "responsabilidade" dos folguistas e pediu que se cumpran os servizos mínimos establecidos. O xefe do Executivo galego aclarou que se trata dunha folga legal e que é un dereito dos traballadores, polo que mostrou o seu respecto de todos aqueles que deciden seguila.
A Xunta asegura que seis de cada dez rutas de transporte escolar non se realizaron
Segundo os datos da Xunta, o cumprimento dos servizos mínimos de autobuses dependentes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade situouse na contorna do 40% ata as 9 horas. O departamento autonómico respectar o dereito a folga pero advirte de que "hai unhas regras de xogo que hai que cumprir" e lamenta que a presenza de piquetes nas estacións "estea a impedir o cumprimento dos servizos mínimos e a prestación dos servizos por aqueles traballadores que non desexan facer folga, ademais da afección ao transporte de escolares".
En resumo, o cumprimento de servizos mínimos teríase situado durante a mañá no 37% no bus interurbano e no 41,5% no transporte escolar compartido.
Ademais, a Consellería asegurou que no caso das rutas escolares, estaba prevista a realización de case 1.800 servizos pero acabáronse prestando algo máis de 700, o 41,5%. Seis de cada dez desprazamentos fixados a colexios e institutos non se fixeron. Onte mesmo, a Xunta advertira de que o transporte escolar non se viría afectado.