Pedro Sánchez anuncia un plan de saúde mental dotado con 100 millóns

Anxo Lugilde intervén no faladoiro sobre saúde mental na Moncloa © Goberno de España

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou este sábado un Plan de Accióhn 2021-2024 de Saúde Mental dotado con 100 millóns de euros. 

Anxo Lugilde, que presenta un libro sobre a súa loita contra a depresión, intervén no acto da Moncloa, alerta da falta de psicólogos ereclama máis recursos

"É unha prioridade para este Executivo. Desde o ano 2009 non se renova a estratexia de saúde mental, é unha folla de ruta que pretende avanzar con pasos afianzados cara á mellora da saúde mental", explicou Sánchez durante o acto institucional celebrado na Moncloa e no que se levou a cabo tamén un faladoiro, moderado por Quique Peinado, no que, entre outros, participou o xornalista galego Anxo Lugilde, autor d'A vella compañeira, obra que presenta estes días e na que conta a súa experiencia logo de ter sido diagnosticado con trastorno depresivo

Así, Lugilde reclamou máis recursos, alertou da falta de psicólogos e pediu á ministra de Sanidade, Carolina Darias, que faga un especial esforzo coas persoas que se atopan soas. 

Pedro Sánchez presenta o plan de saúde mental © Goberno de España

Sánchez anunciou o impulso á formación sanitaria en saúde mental, unha campaña de visibilización e un teléfono 24 horas para atender condutas suicidas

Na explicación do plan, Pedro Sánchez explicou que impulsará a formación sanitaria en saúde mental, lanzará unha campaña para visibilizar os problemas neste eido e crearase un teléfono 24 horas para ofrecer atención e apoio ante a conduta suicida. Tamén anunciou a incorporación da especialidade de psiquiatría infantil á formación sanitaria especializada, sumando estas prazas ás xa ofertadas. 

"As accións concertadas van ser froito do consenso e serán referendadas polo Consello Interterritorial", destacou Sánchez, que afondou na necesidade de mellorar a atención, que "debe ser de calidade tanto na atención hospitalaria como na primaria". 

En canto á promoción do benestar emocional, Sánchez advertiu de que se porá o foco na infancia e na adolescencia, así como nos grupos sociais máis vulnerables. "Temos que analizar os problemas, facerlles fronte co apoio das sociedades científicas e da sociedade civil", aclarou. 

"Non podemos normalizar que tantas persoas necesiten pastillas para poder durmir ou para erguerse e vivir", di Sánchez

"Ninguén está a salvo, precisamos unha sociedade que facilite, alivie as vidas destas persoas e dos que os rodean, cun compromiso sanitario e político onde poidamos afrontar este gran reto que temos por diante", insistiu o presidente do Goberno, que animou a "pasar do silencia" sobre estas doenzas "ao debate, e do debate á acción". 

"Non podemos normalizar que tantas persoas necesiten pastillas para poder durmir ou para erguerse e vivir. Non podemos normalizar que o traballo produza ansiedade nin que o sufrimento se viva en soidade. Debemos dar resposta inmediata aos que teñen problemas de saúde mental e abrir un gran debate social", manifestou tras advertir de datos "moi crus" sobre esta realidade. 

Pedro Sánchez presenta o plan de saúde mental © Gobierno de España

Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), dixo, en 2030 os problemas de saúde mental serán a principal causa de discapacidade no mundo e que máis de 300  millóns de persoas viven con algún tipo de depresión. En España, engadiu. o 5,8% da poboación confesa sentir ansiedade e case o mesmo sofre depresión. "Entre nenos de 4 a 14 anos, o 13,2% corre risco de sufrir algún tipo de problema de saúde mental e a porcentaxe é cinco puntos maior en nenos que en nenas", subliñou. 

Ademais, o 10,8% dos españois consumiu tranqulizantes, relaxantes ou pastillas para durmir e, no que respecta aos suicidios, Sánchez lamentou que un total de 3.671 falecmentos en 2019 en España foron pro este motivo. 

Tamén incidiu Sánchez que desde que comezou a pandemia, a porcentaxe de persoas con poucos recusos aumentou, o que incrementou tamén a depresión e a falta de esperanza. "A desigualdade social ten que ver cun aumento moi importante dos problemas de saúde mental", dixo. A ministra Darias engadiu que varios estudos insisten en que as consecuencias da COVID na saúde mental "foron importantes" e que acompañarán os vindeiros anos. 

Darias sinalou que a Estratexia de Saúde Mental incluirá accións que combinan prevención, diagnóstico e tratamento de persoas con problemas de saúde mental, con propostas concretas. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.