Illamento, estigma e difícil acceso a especialistas: a desatención á saúde mental agrávase no rural

Atención á saúde mental no rural, nunha imaxe difundida por Feafes © Feafes

As asociacións de familias e persoas con enfermidade mental denuncian a "desatención" que a dispersión, o illamento e a falta de servizos provocan no rural

Os problemas na atención á saúde mental en Galicia, á cola do Estado en cobertura e recursos, agraváronse coa chegada da pandemia. A dificultade de acceso aos recursos especializados foi en aumento, empeorando aínda máis no rural, onde a dispersión xeográfica, a falta de servizos e o illamento provocan que moitas persoas con estas doenzas acaben "desatendidas" e cun "agravamento das súas patoloxías", froito das "desigualdades" que lles impiden un acceso "real, axeitado e igualitario" á atención.

Así o denuncia a Federación de Asociacións de Familias e Persoas con Enfermidade Mental en Galicia (Feafes) de cara á celebración o vindeiro 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental, centrado este ano precisamente na desigualdade e advertindo daqueles factores que impiden que o coidado poida chegar a todas as persoas sen distinción. 

Atención á saúde mental no rural da provincia de Lugo © Alume

É o que ocorre en Galicia con moitas que viven nas contornas rurais e ás que a COVID aumentou as súas dificultades de acceso aos recursos de saúde mental, unidas xa aos problemas de illamento persoal e social, a estigmatización ou os atrancos para o desprazamento e a comunicación que supón vivir onde viven pola falta de servizos básicos. 

"Padecer unha enfermidade mental na cidade é moi diferente a sufrila no rural, onde é moito máis visible e estigmatizadora"

"Padecer unha enfermidade mental no medio rural é claramente diferente a sufrila nun medio urbano, polas dificultades que supón acceder aos medios de rehabilitación, porque é moito máis visible e estigmatizadora e porque moitas veces a saúde mental está condicionada polo illamento persoal e social de quen a sofre", resume Ana Regueira, psicóloga clínica e directora de Alume, asociación para a recuperación e integración social de persoas con transtornos mentais de Lugo. 

Esta entidade é unha das asociacións que desenvolve un programa de acompañamento comunitario e atención no rural, financiado polas consellerías de Política Social e Sanidade, co que se achegan servizos de atención á saúde mental en zonas con especiais dificultade de acceso. 

Varias entidades desenvolven un programa de acompañamento e atención á saúde mental en zonas illadas do rural do que se benefician 130 persoas ao ano

A través dunha serie de equipos profesionais, Alume atende 13 persoas, desprazándose aos seus domicilios e espazos de convivencia, ofrecendo os apoios na súa contorna habitual, a maioría en zonas da montaña de Lugo, O Piornedo, As Nogais e vivendas afastadas de Láncara, Guntín ou Ribeira de Piquín. En toda Galicia, e a través de cinco entidades, son unhas 130 persoas as que reciben esta atención en diversos lugares e aldeas afastados de núcleos importantes. 

"As dificultades desta xente teñen moito que ver co acceso aos medios de rehabilitación porque non é o mesmo ir a unha revisión desde Os Ancares que desde o centro dunha cidade; se xa é un problema para calquera, imaxinemos para unha persoa cun problema de saúde mental que ten que coller un autobús ou un taxi, manexar cartos e ter certas habilidades ou que xa ten medo a saír da súa contorna porque o fai cada moito tempo", explica Ana Regueira, que insiste en que son moitos os casos nos que as doenzas están relacionadas co illamento, do que se deriva tamén un estigma máis acusado en lugares pouco habitados. 

Acompañamento comunitario a través do programa de atención á saúde mental no rural © Alume

"No mundo rural estes problemas son moi visibles e estigmatizadores porque todo o mundo se coñece e as relacións establécense con moi poucas persoas", insiste Regueira, que lembra que "a cidade proporciona un anonimato que non existe nestes lugares". "Es 'o tolo da aldea' e tes moi difícil reisentarte só nese contexto", engade. 

"É unha tarefa de rehabilitación que se leva á casa, moi adaptada e personalizada ás condicións de cada persoa porque non hai dúas situacións iguais"

A atención que realizan estes equipos de profesionais no rual é múltiple e variada, desde administrar e supervisar a medicación. fomentar e adestrar as habilidades diarias ou proporcionarlles leña para que acendan a cociña ata acompañalos á feira ou levarlles o xornal e comentar a actualidade. "Acompañalos na relación coa xente é moi importante", recalca quen advirte que a percepción da veciñanza sobre estas persoas muda "así que os ven ir á compra, ir comer o polbo ou falar do que todos comentan". "O contacto social é clave á hora de atender estes problemas", insiste. 

"É unha tarefa de rehabilitación que se leva á casa, moi adaptada e personalizada ás condicións de cada persoa porque non hai dúas situacións iguais", conta Regueira, que explica que as melloras "son moi visibles xa no aspecto físico". "Aos seis meses decátaste de que a persoa recíbete afeitado ou co pelo recollido e que quere ir comprar roupa e xa participa na vida social", explica. 

En colaboración cos equipos de atención á saúde mental de cada área sanitaria, estes profesionais acoden aos casos de máis necesidade e urxencia, un traballo que fan co apoio da Xunta e, no caso de Alume, tamén da Deputación de Lugo. "Imos aos casos máis graves e con menos soporte; gustaríamos poder atender toda a realidade que hai, pero para iso precísase outro financiamento e máis recursos porque o Sergas chega ao que chega", explica. 

 "Imos aos casos máis graves; gustaríamos poder atender toda a realidade que hai, pero para iso precísase outro financiamento, máis recursos"

A falta de recursos e servizos inflúe, tamén, na deterioración que sofren moitas persoas ante a falta de atención aos seus problemas mentais. No rural e no interior de Galicia, o impacto é visible en moitos exemplos, tal e como explica Regueira. "As liñas de bus en moitas zonas mermaron moitísimo, así como o servizo de transporte adaptado, e iso afonda nas dificultades de desprazamento e de acceso á rehabilitación ou a control", conta. A chegada da pandemia, agravouno todo ante a suspensión de viaxes, transporte ou a redución de capacidades. "Moitas persoas quedaron excluídas", lamenta, nunha denuncia que comparte Feafes. 

Unha aldea en Lugo CC-BY-SA Ricardo Lago CC-BY-SA Ricardo Lago

"A poboación do rural ten menos posibilidades de recibir axuda ou acudir a servizos especializados, xa sexan de carácter sanitario ou social, debido á escaseza ou inexistencia dos mesmos nas súas contornas", explica Feafes, que advirte dun "problema de acceso e transporte que ás veces esixe custearse transportes privados que non están ao alcance de todo o mundo".

"A maior parte da poboación con problemas de saúde mental que vive no rural está desatendida, agravando así a súa patoloxía"

Tamén inflúe o "gran descoñecemento" por parte das familias e persoas achegadas sobre as propias enfermidades mentais, o que "leva moitas veces a unha inacción na busca de axuda sanitaria ou social e, consecuentemente, ao illamento destas persoas". A todos estes atrancos engádeselle o "enorme estigma que existe cara aos problemas de saúde mental, cun especial peso nas localidades pequenas onde o medo ao rexeitamento cobra, se cadra, un maior protagonismo".

Todos estes factores, segundo alerta Feafes, provocan "que a maior parte da poboación con problemas de saúde mental que vive no rural estea desatendida, agravando así a súa patoloxía, provocando o seu illamento, limitando a súa participación social e favorecendo posibles situacións de tensión e estrés na contorna familiar derivados da enorme carga que implican as tarefas de coidados". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.