Quen atende a saúde mental en Galicia?

Exterior dun centro de saúde en Galicia © Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS

Xa van 27 anos dende a aprobación do Decreto Galego de Saúde Mental. Despois de sucesivos plans organizativos sen un mínimo suficiente desenvolvemento do planificado, dende a Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APCS) valoramos a situación da saúde mental en Galicia lonxe dos estándares cuantitativos e cualitativos desexables nunha sociedade que se prece de coidar o benestar da súa cidadanía.

Valoramos a situación da saúde mental en Galicia lonxe dos estándares cuantitativos e cualitativos desexables nunha sociedade que se prece de coidar o benestar da súa cidadanía

O actual Plan Galego de Saúde Mental levaba xestándose dende 2016; o desenvolvemento do previo, o do 2006, foi cortado pola crise do 2008. Durante eses 10 anos de crise, dende a Consellería de Sanidade, dende o SERGAS, dende as xerencias dos hospitais e dende os xefes de servicio de psiquiatría, o lema na atención á saúde mental foi: recorte de gasto e mínima inversión en recursos humanos non médicos-psiquiátricos ou bio-tecnolóxicos. Aínda estamos a pagar as consecuencias daqueles recortes, non só no que abrangue a incorporación de recursos humanos senón tamén en canto a planificación, organización e xestión da asistencia-atención á saúde mental.

Alén da demanda de incremento cuantitativo de profesionais, a nosa Asociación vén alertando da deriva cualitativa do modelo de atención á saúde mental: o menosprezo da saúde mental na súa visión bio-psico-social, multidisciplinar e comunitaria en favor dun enfoque psiquiátrico biomédico, reducionista e hospitalocéntrico

Alén da demanda de incremento cuantitativo de profesionais, a nosa Asociación vén alertando da deriva cualitativa do modelo de atención á saúde mental: o menosprezo da saúde mental na súa visión bio-psico-social, multidisciplinar e comunitaria en favor dun enfoque psiquiátrico biomédico, reducionista e hospitalocéntrico. Os datos resultantes: incremento da incidencia e prevalencia dos trastornos mentais comúns (ansiedade, depresión...), cronificación dos mesmos, aumento da prescrición de psicofármacos, do gasto farmacéutico e das baixas laborais, medicalización ou psicopatoloxización dos problemas da vida cotiá... As consecuencias na asistencia: consultas de Atención Primaria colapsadas por demandas de atención psicolóxica, unidades de saúde mental con listas de espera de 4-6 meses, e ata 9 meses para acceder ao psicólogo clínico, tratamentos que non se poden levar a cabo nos parámetros axeitados de comezo, frecuencia e duración, nulo aumento en recursos de rehabilitación comunitaria do trastorno mental grave, saturación na atención a poboación infanto xuvenil e ausencia de tratamentos públicos para atención temperá, atención á saúde mental dos maiores deficitaria...

A participación dos profesionais da psicoloxía clínica no desenvolvemento do PGSM foi practicamente testemuñal, sen que os especialistas deste ámbito do Sergas tiveramos ocasión de colaborar e achegar a nosa perspectiva, pensamos que necesaria, se de atención bio-psico-social estamos a falar. 

Todo isto xa antes da chegada da pandemia. O coronavirus paralizou o mundo e as prioridades cambiaron; o PGSM virou o seu nome a Plan Galego de Saúde Mental Covid 2020-2024, anunciándose a súa posta en marcha, a bombo e platillo nun espectáculo de luz, son e cor na saída os medios de comunicación, con programas baleiros de contido, a modo de escenarios de cartón pedra. Xa vai alá un ano da súa presentación e semella pouca reflexión na adaptación á situación actual, vendo o errático da súa implementación, as diferencias entre áreas nos ritmos de contratación, nos plans e tarefas a desenvolver, sen ningún tipo de planificación centrada no paciente e que a duras penas resiste unha mínima análise baseada na xestión clínica.

Impresiona que dependendo do código postal, da provincia, da área sanitaria e do ámbito (rural/urbano) onde se estea empadroado, a cidadanía ten ou non acceso a programas de prevención de suicidio, hospitais de día infanto-xuvenil, programas de trastornos de personalidade, atención por psicoloxía clínica en primaria, atención á dor, coidados paliativos, hospitalización a domicilio. Non fai falla dicir o total abandono da Galicia rural neste senso. … A universalidade, a accesibilidade e a equidade deberían ser valores éticos irrenunciables na mínima xustiza social exixible.

Impresiona que dependendo do código postal, da provincia, da área sanitaria e do ámbito (rural/urbano) onde se estea empadroado, a cidadanía ten ou non acceso a programas de prevención de suicidio, hospitais de día infanto-xuvenil

A improvisación, a lixeireza e a urxencia en facer ver “que se fan cousas” é a estratexia que se intúe. Galicia conta cun Decreto en Saúde Mental vixente, válido e que tan só necesita que se recupere, se desenvolva e se poña, verdadeiramente, en práctica. En dito decreto, as Unidades de Saúde Mental (USM) son o centro da atención á saúde mental e o dispositivo dende o cal programar e organizar a asistencia, a promoción da saúde e a integración na comunidade dos pacientes para levar a cabo unha axeitada continuidade asistencial dos mesmos. Porén, ese dispositivo nuclear, ten estado, e aínda está, á marxe destas funcións atendendo a máis do 80% da poboación do total da rede de dispositivos asistenciais. A poboación entre 16-21 anos está aumentando a demanda nas USM pero a resposta é a previa ao COVID, varios meses de espera. Os deseños dos programas céntranse no hospital e nos profesionais, pero sen ter en conta o paciente.

Valoramos o aumento de profesionais da psicoloxía clínica no Sergas nos últimos meses: case 20 novas prazas. O incremento numérico está moi ben, tendo en conta a seca de contratacións á que nos condenaron as xefaturas de psiquiatría nos derradeiros anos. Pero non vale medrar de calquera xeito, sen ser escoitados, sen capacidade de decisión e organizados por outros, con falta de transparencia e arbitrariedade á hora de establecer prioridades na asignación de recursos e nula consideración cara aos pacientes e profesionais na planificación e comunicación dos cambios organizativos que a implantación supón. 

A improvisación, a lixeireza e a urxencia en facer ver “que se fan cousas” é a estratexia que se intúe. Galicia conta cun Decreto en Saúde Mental vixente, válido e que tan só necesita que se recupere, se desenvolva e se poña, verdadeiramente, en práctica

A modo de exemplo sirva o peche da Unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil de Eirís concertada hai case 34 anos (xullo de 1987) co Concello da Coruña, para abrir outra do PGSM Covid en espazo Sergas, sen ter en conta os anos de bo funcionamento e satisfacción dos menores, das súas familias e dos profesionais, sen comunicación previa aos profesionais responsables, sen ter en conta a interrupción dos tratamentos nin o risco que iso supón para os menores en idades de especial vulnerabilidade; nun momento como este, no que xa se prevía a emerxencia de clínica en poboación infanto-xuvenil (trastornos de alimentación, depresión, ansiedade, intentos autolíticos,...) a opción de manter os dous recursos si que suporía unha adaptación reflexiva á nova realidade e non un xogo de desvestir un santo para vestir outro; reforzar non é substituír.

Estaría ben que na implantación do PGSM, cando menos, tivesen en conta a perspectiva do colectivo de profesionais da psicoloxía clínica que exercen en cada área sanitaria. Créanse “programas” que parecen só decorados; de prevención de suicidio, de alta resolución diagnóstica en autismo, de Trastorno Mental Grave, de trastornos de personalidade... Algúns destes pensados de antes da pandemia; dende a Covid 19 moitos levan o apelido Covid “psicovid”, “ fatiga pandémica”, “soporte e autoxestión emocional para traballadores da sanidade”, “Cóidate para coidar”, “Covid persistente”... Algún título hai que poñer, pero o verdadeiro alcance das accións dos programas dáse cando se deseñan de acordo ás necesidades e prioridades e o contido segue os criterios baseados na evidencia, se avalían segundo criterios de validez, eficacia, eficiencia e se implica os profesionais e usuarios na súa posta en marcha.

Como exemplos do errático na implantación do PGSM nas áreas: 

O programa de prevención de suicidio, nalgunha área só é un protocolo de cita rápida e non un auténtico programa de prevención como si parece nalgunha outra área sanitaria cun equipo multidisciplinar e unha dispoñibilidade axeitada; 

Nunhas área refórzase as USM cun profesional da psicoloxía clínica para reducir lista de espera de primeiras, pero non para levar a cabo os tratamentos; noutras dótase outra USM e cámbiase a axenda de primeiras consultas e de revisións dun facultativo a outro sen aviso nin planificación previa e sen consideración do risco que iso pode supoñer para o paciente;

O programa de Enlace de Saúde Mental con Atención Primaria é outro exemplo de variabilidade entre provincias, con diferentes formatos de implantación, sen poñer en marcha en algunha área e por suposto, co total abandono da Galicia rural do interior, onde hai máis poboación maior e maior dispersión, máis pobre, máis dependente, con peores comunicacións e maior distancia e coste no acceso. Pensemos no custe económico e en tempo que supón desprazarse dende o Barco de Valdeorras a Ourense...Cando o remedio é peor que a enfermidade, os profesionais temos que virar cara a perspectiva da prevención cuaternaria, tratando de paliar o dano que pode facer o sistema sanitario ca mellor das intencións. Hai opción de mellora no plan de saúde mental que se está a desenvolver; non deixemos consolidar o que así comeza.

Dende a APCS reclamamos: unha mellor organización dos recursos e persoal atendendo á demanda real e as necesidades dos usuarios

Por todo isto, dende a APCS reclamamos: unha mellor organización dos recursos e persoal atendendo á demanda real e as necesidades dos usuarios; un desenvolvemento equitativo de verdadeiros programas asistenciais nas distintas áreas sanitarias; creación de novos dispositivos de acordo coas necesidades de saúde mental emerxentes e unha plena e/ou reforzada cobertura dos recursos nos dispositivos xa existentes; un modelo de saúde máis comunitario e menos hospitalocéntrico cunha Atención Primaria reforzada, con especialistas en psicoloxía clínica integrados nos equipos de primaria, que poida ofertar atención biopsicosocial de calidade tamén en materia de saúde mental.

Todo isto lévanos a insistencia na reclamación dun sistema organizativo propio para a Psicoloxía Clínica que permita que o colectivo teña voz e participe nos órganos de organización e xestión a través da creación de Servizos de Psicoloxía Clínica.

 

Yolanda Castro Casanova

Presidenta da Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.