Psicólogos clínicos do SERGAS critican a "errática e precaria" aplicación do Plan Galego de Saúde Mental nun contexto agravado pola pandemia

Centro de saúde na Mariña © CIG-Saúde A Mariña

A atención á saúde mental en Galicia arrastraba dende hai anos importantes eivas estruturais que nos últimos meses a pandemia de COVID fixo máis evidentes e acrecentou. O Movemento Galego de Saúde Mental vén alertando da necesidade de reforzar os sistemas de saúde mental en Galicia no contexto de crise económica e social derivado da pandemia. E de igual xeito a Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS (APCS) leva tempo denunciando "a pésima calidade na atención en saúde mental en Galicia" motivada por ratios deficitarias de profesionais, longas listas de espera, unidades de saúde mental con gran sobrecarga e falta de programas específicos de prevención ou promoción da saúde. 

Alertan de grandes diferenzas no acceso aos programas segundo o concello de cada persoa. Esta fenda maniféstase especialmente entre os ámbitos rural e urbano

Agora a Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS fai balance do primeiro ano de aplicación do Plan Galego de Saúde Mental COVID 2020-2024, aprobado pola Xunta ao final do anterior lexislatura, e que xa foi criticado no seu momento polo Movemento Galego de Saúde Mental, que o cualificou como unha "promesa electoral" que non chegaba a cubrir as necesidades actuais e moito menos as que se temía que aparecesen no marco da pandemia.

Profesional sanitaria nun hospital galego © Xunta

A entidade reclama "unha mellor organización dos recursos e persoal atendendo a demanda real e as necesidades dos usuarios, así como un desenvolvemento equitativo de verdadeiros programas asistenciais nas distintas áreas sanitarias"

A APCS denuncia que a implementación do Plan está a ser "errática e insuficiente" e sinala a súa preocupación "pola improvisación e a falta de análise á hora de artellar a atención á saúde mental en Galicia". A entidade alerta de grandes diferenzas na accesibilidade aos distintos programas e servizos -prevención do suicidio, a un hospital de día infanto-xuvenil ou a coidados paliativos- segundo o concello e a área sanitaria de cada persoa usuaria. Esta fenda maniféstase especialmente entre os ámbitos rural e urbano.

A asociación recoñece que nos últimos meses se produciu un incremento no número de especialistas en Psicoloxía Clínica no SERGAS, case unha vintena de prazas, un avance "moi importante tendo en conta que durante moitos anos as cifras estiveron conxeladas sen chegar apenas a un cento de profesionais na rede pública", sinalan. Porén, reclaman que na organización destas novas prazas se teña en conta e se escoite aos propios profesionais que forman parte do SERGAS. A entidade reclama "unha mellor organización dos recursos e persoal atendendo a demanda real e as necesidades dos usuarios, así como un desenvolvemento equitativo de verdadeiros programas asistenciais nas distintas áreas sanitarias".

A entidade critica que "moitos dos programas que se crean ao abeiro do Plan son, en efecto, unha escenificación. A estratexia que se intúe é de improvisación, lixeireza e urxencia"

A entidade critica que "moitos dos programas que se crean ao abeiro do Plan son, en efecto, unha escenificación: de prevención de suicidio, de alta resolución diagnóstica en autismo, de Trastorno Mental Grave, de trastornos de personalidade..., que agora se recontextualizan na COVID -cando xa estaban programados previamente á pandemia-, pero que debido ao inconsistente e irreflexivo das accións son ineficaces, xa que non se deseñan de acordo ás necesidades e prioridades". "A estratexia que se intúe é de improvisación, lixeireza e urxencia", engaden.

A entidade prevé que, de non haber cambios, se manterán os graves problemas actuais: o incremento da prevalencia dos trastornos mentais comúns, como a ansiedade ou a depresión, a súa cronificación, o aumento da prescrición de psicofármacos, a medicalización dos problemas da vida cotiá que rematan colapsando as consultas de Atención Primaria, ou listas de espera de ata nove meses para a primeira consulta en psicoloxía clínica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.