11.108 persoas están á espera dunha consulta, dúas mil máis que un ano antes, unha suba do 22% en doce meses. Dende o 2022 o ascenso é do 37%
Tanto o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) coma o Movemento Galego da Saúde Mental levan tempo alertando do incremento dos problemas de saúde mental no país, cun número de persoas cada vez máis grande que demandan consultas de psiquiatría. En paralelo, advirten do reducido número de profesionais no sistema público, que deben facer fronte a unha gran carga de traballo, limitando as posibilidades de atención ou engrosando as listas de espera do servizo e os tempo de agarda.
Así, por exemplo, hai uns meses o Colexio de Psicoloxía, despois de lembrar que "estamos vivindo un contexto social cunha elevada presión sobre as persoas", chamaba a atención sobre a "dificultade no acceso” á atención á saúde mental en Galicia, tanto no sistema de profesionais e consultas de ámbito privado coma sobre todo no sistema público. "A dificultade no acceso no sistema público, xunto coas listas de espera que xa se están producindo nas axendas dos gabinetes privados, tanto de psicoloxía clínica como sanitaria, indícanos que este nivel de deterioro na saúde mental da poboación galega está medrando", subliñaba o COP.
En Lugo, o número de pacientes a agardar por unha consulta case se duplica en doce meses e en Ourense aumenta case un 30%. Vigo (+17%), Ferrol (+12%) e Santiago (+7%) completan un escenario de subas
Os últimos datos do Sergas en relación ás listas de espera na sanidade pública galega, coñecidos hai uns días e referidos á situación existente no mes de xuño, amosan precisamente un forte incremento do número de persoas que están a agardar por unha consulta de psiquiatría. Son un total de 11.108, dúas mil máis que un ano antes, unha suba do 22% en doce meses. Dende o 2022 o ascenso é do 37%. A cifra total mesmo supera a que se chegara a rexistrar a finais de 2021, despois dun ano e medio de pandemia de COVID.
En relación a xuño do pasado ano, as listas de espera aumentan en todas as áreas sanitarias, coa excepción da da Coruña-Cee, onde descende, en Pontevedra-O Salnés, onde se mantén estable. En Lugo, o número de pacientes a agardar por unha consulta case se duplica e en Ourense aumenta case un 30%. Vigo (+17%), Ferrol (+12%) e Santiago (+7%) completan un escenario de subas, que aínda é máis claro se a comparación se establece co ano 2022.
Malia a mellora do Plan de Saúde Mental de 2020, a ratio de psicólogos/as por habitante está aínda moi lonxe dos mínimos recomendados pola OMS. Esta infradotación de persoal tradúcese en "tempos de espera inasumibles para unha atención á saúde mental que pretenda ser eficaz"
O Plan de Saúde Mental aprobado pola Xunta en 2020 supuxo unha importante inxección de recursos e incrementou o número de profesionais no Sergas con 45 novas prazas. Porén, a ratio de psicólogos e psicólogas por habitante na rede pública está aínda moi lonxe dos niveis mínimos recomendados pola OMS (12 por cada 100.000 habitantes). En Galicia a ratio móvese entre os 4/100.000 de Pontevedra, Vigo ou A Coruña e os 7 de Ferrol.
Esta infradotación de persoal tradúcese "nuns tempos de espera inasumibles para unha atención á saúde mental que teña un mínimo de calidade e que pretenda ser eficaz", sinalaba o COPG. Os últimos datos do Sergas amosan que a situación, lonxe de mellorar, vén empeorando nos últimos meses.
Aumentan tamén os tempos de espera, que ademais presentan enormes diferenzas entre unhas e outras áreas sanitarias. "Isto implica que é moi difícil poder realizar un tratamento psicolóxico que sexa eficaz, o que favorece a cronificación e mesmo o agravamento dos trastornos mentais", alerta o Colexio
Aumentan tamén os tempos de espera, que ademais presentan enormes diferenzas entre unhas e outras áreas sanitarias. Así, mentres que unha persoa que solicita unha consulta externa en Psiquiatría na área de Vigo debe agardar unha media de 111 días e unha persoa que o fai en Lugo debe facelo uns 92 días, o tempo de espera en Ourense e Ferrol rolda os 60 días, en Santiago os 40, na Coruña os 30 e en Pontevedra os 20. En relación a xuño do pasado ano, o tempo de espera pasa de 70 a 111 días en Vigo, de 56 a 92 en Lugo, de 32 a 61 en Ourense e de 47 a 57 en Ferrol. En cambio, en Santiago, Pontevedra e A Coruña a espera media mantense estable.
"En certos dispositivos chégase a un ano de tempo de espera para a primeira consulta en poboación adulta, e o período entre consultas é excesivo, sendo o máis habitual entre 3 e 5 meses, polo que o máis habitual é que moitos e moitas pacientes non poidan ser atendidos nin sequera tres veces nun ano", sinalaba o COPG, que engadía que "isto implica que é moi difícil poder realizar un tratamento psicolóxico que sexa eficaz, o que favorece a cronificación e mesmo o agravamento dos trastornos mentais".
"A dificultade no acceso no sistema público, xunto coas listas de espera nas axendas dos gabinetes privados, indícanos que o nivel de deterioro na saúde mental da poboación galega está medrando", di o COP
O Colexio de Psicoloxía subliñaba que "o feito de que non se garanta o dereito á atención psicolóxica supón un sufrimento engadido para os e as pacientes, as súas familias e para o propio sistema social, ademais do risco de empeoramento e cronificación pola tardanza á hora de recibir a atención psicolóxica". O COPG poñía o foco especialmente na poboación infanto-xuvenil "polo impacto que teñen os trastornos mentais nesta etapa evolutiva e as necesidades específicas destas idade".
Despois de lembrar que Galicia lidera as estatísticas estatais de consumo de psicofármacos, o COPG concluía que "hai unha necesidade inmediata de apostar polos tratamentos psicolóxicos, dos que a súa eficacia está comprobada cientificamente e que teñen a capacidade de axudar as persoas que sofren, tanto coa psicoloxía clínica como coa psicoloxía sanitaria".
"O feito de que non se garanta o dereito á atención psicolóxica supón un sufrimento engadido para os e as pacientes, as súas familias e para o propio sistema social, ademais do risco de empeoramento e cronificación pola tardanza á hora de recibir a atención psicolóxica", conclúe
"A dificultade para acceder a atención psicolóxica implica unha vulneración dos dereitos da cidadanía cando a necesidade queda evidenciada tanto no consumo de fármacos como nos tempos das listas de espera", denunciaba o Colexio.
Finalmente, a entidade reclamaba apostar por "ofrecer un coidado da saúde mental desde os contextos máis próximos á cidadanía", lembrando que "a experiencia da psicoloxía na Atención Primaria está a ofrecer resultados moi positivos". "É urxente que se garanta este dereito con independencia do concello no que se viva, estendendo estes dispositivos por todo o territorio no primeiro nivel de asistencia sanitaria", engadía.