Precariedade e atención de pacientes psiquiátricos sen especialistas tensan o persoal dos centros sociosanitarios da Xunta

Protesta de persoal de enfermaría dos centros sociosanitarios da Xunta, o pasado 17 de maio ante a residencia da terceira idade das Gándaras, en Lugo CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Hoxe traballamos de balde". Era a mensaxe que lucían varios dos carteis que enfermeiras dos centros sociosanitarios portaban o pasado mércores ante as residencias. Foi unha nova xornada de protesta por parte dun colectivo que xunta unhas 250 persoas en Galicia e que leva semanas mobilizándose ante o que definen como unhas "precarias condicións laborais" e a "marxinación" que din sufrir por parte da Administración fronte ás súas compañeiras no Sergas. 

Enfermeiras dos centros sociosanitarios da Xunta denuncian "marxinación" con respecto ás do Sergas, "sobrecarga" e "precarias condicións laborais"

O persoal de enfermaría que traballa nos centros da Consellería de Política Social di estar "baixo mínimos, con ratios que roldan os 150 pacientes por profesional en cada quenda e sen ningún tipo de compensación salarial por traballar en fins de semana ou festivo"

Hai máis dunha década, con motivo da crise económica e co argumento da busca da estabilidade orzamentaria, a Xunta suspendeu temporalmente a compensación de descansos por traballar domingos e festivos recollido no artigo 19 do convenio colectivo único para o persoal laboral da Administración autonómica. Segue sen recuperarse. 

Fabiola García, conselleira de Política Social, no centro de maiores de Lousame CC-BY-SA Xunta

"Xa nos manifestamos máis veces e levamos tempo reivindicando unha mellora das condicións laborais, pero a realidade nesta altura é que unha enfermeira sociosanitaria da Xunta traballa calquera festivo, a mínimos, e sen compensación nin remuneración ningunha, ademais de non poder gozar moitas veces dos períodos vacacionais solicitados", explica Mila López, portavoz dun colectivo que representa ao persoal enfermeiro pero ao que se xuntaron tamén auxiliares de enfermería, camareiras ou limpadores dos mesmos centros. 

A Xunta suspendeu en 2012 a compensación por traballar festivos para o persoal dos centros sociosanitarios e aínda non a recuperou: "A nosa situación só empeorou"

Están organizadas á marxe dos sindicatos, aos que critican por, segundo denuncian, telas "abandonadas" nas súas negociacións. "Din que intentan negociar e conseguir melloras pero nunca hai solución", insiste López, que advirte de que están dispostas "a chegar ata o final" para corrixir o que consideran unha "marxinación"

Así, explican que, por exemplo, mentres o persoal de enfermería do Sergas se verá beneficiado das últimas medidas acordadas por Sanidade e os sindicatos na Mesa Sectorial, elas ven como quedan "a un lado, malia ter a mesma titulación e unhas condicións análogas". "A nosa situación laboral, lonxe de mellorar nos últimos anos, non fai máis que empeorar", explican sobre "un estado de esgotamento pola sobrecarga de traballo asistencial". 

Protesta de persoal de enfermería ante un centro de maiores da Xunta, o pasado 17 de maio CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

O internamento de pacientes psiquiátricos menores de 65 anos nas residencias de maiores, sen persoal especializado, complica o traballo das enfermeiras: "Duplícase"

"Os cadros de persoal están en mínimos, atendendo pacientes con múltiples patoloxías que requiren uns coidados e atención óptima que é imposible de facer", explica López, que non entende a "disparidade de criterios" da Xunta e o "desamparo que sofren as persoas encargadas de coidar dos nosos maiores e de persoas dependentes". 

Ante esta situación, e co cansazo acumulado, as enfermeiras teñen decidido seguir mobilizándose para que "se recoñeza o dereito a ser tratadas como iguais respecto ao resto de enfermeiras" e insisten en reclamar os "descansos e compensacións xustas" por traballar festivos, así como a necesidade de cambios para poder levar a cabo unha conciliación familiar "que se volveu imposible"

"A carga de traballo que temos implica un desgaste a nivel persoal que repercute directamente na saúde", din, ademais de criticar o funcionamento das listas de contratación: "Opacas, sen opción a estabilidade e con contrarios precarios". "Están expulsando os interinos desta Administración polo maltrato ao que están sometidos, o que imposibilita a cobertura dos profesionais fixos que reclaman o seu dereito ao descanso", di un colectivo que critica a "desidia" da Consellería de Política Social por "mirar sempre para outro lado e non facer caso das reivindicacións". 

"Temos un soldo bastante mediocre, en parte tamén por esa imposibilidade de compensacións por festivos, e unhas condicións laborais que van a peor", explica Mila López, que aclara que o internamento de pacientes de psiquiatría nos seus centros, sen estar adaptados ou sen persoal con formación específica, "empeora a situación". "Duplícase o traballo porque son persoas que polas súas patoloxías precisan unha atención diferente, mesmo urxente, e hai casos que crean moitos problemas no persoal e nos propios doentes", resume. 

Pacientes psiquiátricos menores de 65 anos en centros de maiores

Esa, explica o persoal, é outra das graves problemáticas que afectan os centros de maiores e sociosanitarios da Xunta. Denunciárono os traballadores destas residencias, a través dos representantes do comité intercentros e dos catro comités provinciais de Política Social. 

Persoal e residentes nun centro de maiores da Xunta CC-BY-SA Xunta

Persoal dos centros sociosanitarios da Xunta denuncian as "dificultades" que supón que a Xunta lles envíe pacientes psiquiátricos

Pacientes psiquiátricos menores de 65 anos, advirten, están ingresando nas residencias de maiores da Xunta derivados polo Sergas, malia que estes centros non contan con persoal especializado na saúde mental, nin entre os médicos nin entre as enfermeiras. 

“O problema é a idade e todo o que iso implica de convivencia entre unha persoa de 80-90 anos e unha de 50”, explica Manuel Gallardo, de CIG-Administración, que lembra ademais as "dificultades para enfrontar os problemas" que xorden por non contaren os traballadores coa formación axeitada ou non haber persoal dabondo. O día a día e as necesidades dos pacientes son distintas e esta problemática, lembran, abrangue unhas vinte residencias públicas, as dependentes da Xunta, así como nas concertadas. 

“Precísanse centros especializados, con outros criterios de atención sanitaria e social distintos aos dos antigos psiquiátricos", demanda Rodil (BNG). Política Social di estar "traballando, xunto ao Sergas, na maior especialización dos servizos e recursos".

O BNG, a través da súa deputada Olalla Rodil, levou o tema ao Parlamento e explicou que os ingresos de persoas con doenzas psiquiátricas englóbanse nos de persoas menores de 65 anos que entran por vía de emerxencia social porque “ non teñen onde ir” e ao non contar a Xunta con "servizos específicos para atendelas como merecen e necesitan".

Segundo a Asociación galega de inspectores en servizos sociais, lembra Rodil, sobre o 40% de persoas derivadas por emerxencia social ás residencias de maiores fano con enfermidades  psiquiátricas. Serían algo máis de 400 persoas dun total dunhas 1.100 que acceden por soidade non desexada ou risco para a súa integridade física ou psíquica, segundo os datos aos que fai referencia o BNG e que desvelou Faro de Vigo

“Precísanse centros especializados, con outros criterios de atención sanitaria e social distintos aos dos antigos psiquiátricos”, demanda Rodil, que advirte de que estas persoas non poden seguir sendo derivadas ás residencias de maiores e que criticou os desleixo de Política Social co problema e que insistiu na "urxencia" de crear "unidades psico-xeriátricas nas residencias e centros extrahopitalarios de carácter residencial para atender unha realidade que cada vez é máis habitual". 

Preguntada por este diario, a Consellería de Política Social non fixo comentario ningún. No entanto, o director xeral de Maiores de Atención Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo, respondeu ao BNG que están "traballando, xunto ao Sergas, na maior especialización dos servizos e recursos". Recoñeceu, en parte unha problema para advertir de que non ían deixar "ningunha persoa en desamparo sen un recurso público". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.