As residencias privadas de maiores seguirán co persoal ao bordo do salario mínimo e lonxe dos minoritarios centros públicos

Unha coidadora, xunto a un home nunha residencia de maiores CC-BY-NC-SA Mathias Zommer

Os sindicatos CCOO e UGT e mais a patronal asinaron o pasado 31 de marzo o novo convenio de residencias e centros de día privados de maiores. Rubricárono logo dun conflito de moitos meses, con mobilizacións, folga e a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que acabou cun acordo do que se desmarcou a CIG. 

Á espera do novo modelo coa que a Xunta quere reformular as residencias e despois de que a COVID evidenciase as súas eivas, sobre todo nas privadas, o seu persoal rexerase por un novo convenio con vixencia de pouco máis de ano e medio, ata final de 2023

Abranguerá a arredor de 10.000 persoas -a inmensa maioría traballadoras- destes centros maioritarios en Galicia, onde arredor do 80% das prazas residenciais están en centros privados. Un novo convenio que mellora nalgún aspecto as condicións laborais pero que mantén a precariedade dun colectivo considerado esencial e gabado por tantos durante a pandemia. 

Mobilización por un convenio digno nas residencias privadas CC-BY-NC-SA CIG

O soldo do persoal das residencias privadas rolda o SMI e chegará aos 1.100 euros brutos ao mes en 2023; son 6.000 euros anuais menos que o das públicas

"Somos esenciais e somos recoñecidas agás para cobrar como tal, porque non temos un salario e unhas condicións minimamente dignas", coinciden dúas traballadoras que formaron parte da negociación deste novo convenio. 

O soldo das xerocultoras, o colectivo maioritario entre o persoal das residencias, rolda o Salario Mínimo Interprofesional (SMI): algo máis de 1.030 euros brutos ao mes en doce pagas máis outras dúas pagas menores que se igualarán ao salario co novo convenio. Coa suba pactada, que chegará ao 7,5% a finais de 2023, o soldo roldará os 1.100 euros brutos en 14 pagas, alén dalgún complemento que poida ter algunha traballadora. Persoal como o da limpeza aínda cobra menos. O SMI, para este 2022, está fixado en 1.000 euros brutos ao mes, 14.000 ao ano. Todo nun sector onde, como lembran os sindicatos, operan "grandes multinacionais controladas por fondos de investimento e con millóns de euros de facturación". 

"Non é o desexable, pero entendiamos que na situación que estabamos nos últimos tempos era o mellor que se podía formular", di Iria Estévez, responsable de Sanidade Privada e Dependencia de CCOO, que xunto á UGT asinou o novo convenio que agarda que "sente unhas bases sólidas" para a negociación dun novo que "redunde no necesario recoñecemento e posta en valor do persoal dun sector esencial" e que achegue as traballadoras dos centros privados "cada vez máis aos dereitos e condicións recoñecidos nos públicos". 

CCOO e UGT asinaron un convenio de ano e medio de vixencia que rexeitou a CIG, que considera o pacto "unha esmola"

"Non cremos que este convenio mellore en nada as condicións laborais e salariais", quéixase Beatriz Fernández, portavoz das delegadas da CIG no sector, que considera "unha esmola". "Migallas", insiste. “A folga foi froito de anos e anos de explotación e humillación das traballadoras, que despois de ver como eramos chamadas esenciais, recibir aplausos e ver como á Xunta se lle enchía a boca de eloxios, volvemos ser esquecidas”, engade tras unha negociación dura e na que non faltaron diferenzas internas. 

A actitude da patronal -que ambos sindicatos cualifican de intransixente e dura ante as demandas do persoal- provocou que houbese quen optase por asinar avances aínda que sexan insuficientes e quen rexeitase o que consideran "un insulto". "Pensa que seguimos nos tempos da escravitude e que as traballadoras están dispostas a exercer o seu labor por un prato de comida”, denuncia Beatriz Fernández. 

Usuario dunha residencia de maiores CC-BY-SA Xunta

O ratio persoal/residente nas residencias privadas galegas é o mínimo esixido no Estado e o persoal traballa 117 horas máis ao ano que nas públicas

Estévez, pola súa banda, destaca melloras nos permisos, nas pagas extraordinarias ou nas vacacións e que por primeira vez en máis de quince anos o convenio recolle unha redución de xornada laboral anual: de sete horas este ano e doutras sete en 2023. Pasará das 1.776 actuais ás 1.769 ata quedar en 1.762. "É ridículo", di Fernández. Serán, aínda, 117 máis -dez máis por mes- que as que traballan as súas compañeiras nas residencias públicas , que cobran de media 6.000 euros máis ao ano por convenio. "As diferenzas nas condicións son abismais; é outro mundo", di a representante de CCOO.  

O mesmo ocorre coas ratios persoal/residente. En Galicia, a Xunta parte da mínima por lei, 0,20 para non dependentes e 0,35 para dependentes, que é a que se adoita aplicar nas residencias privadas. "Nas públicas, onde hai máis persoal e medios, adoita ser maior. No noso caso, que falte un día unha traballadora xa supón un problema grave porque estamos baixo mínimos", explica Estévez. 

A mellor proba da precariedade en persoal e medios nas residencias privadas galegas, , coinciden os sindicatos, foron os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta na folga de hai uns días e que impediron un paro real. "Non deron opción porque non había maneira de garantir que se realizasen os labores necesarios esenciais", conta persoal. 

Desde os sindicatos denúnciase tamén o cada vez maior peso da contratación temporal e parcial e a dificultade de conciliación por quendas de traballo en moitos casos de luns a domingo, partidas ou de ata dez horas seguidas nas noites. "O das residencias é un traballo moi feminizado e precario; nunha familia, ante a necesidade de reducir xornada para coidar de nenos ou familiares, son as mulleres as que acaban quitando horas e perdendo soldo", explica Fernández.  

Alén disto, as dificultades engadidas dun sector, o da dependencia, onde as condicións precarias foron empeoradas pola COVID. Nas residencias, segundo un estudo de CCOO, o principal problema é a "excesiva carga de traballo", producida pola falta de persoal e pola súa mala distribución, "o que tamén ten repercusións negativas na saúde dos traballadores e das traballadoras". Ademais, alértase de que "os centros son deficientes" e que "deben mellorarse tanto os equipamentos como as instalacións".

Nalgúns casos, a propia xustiza ten condenado empresas como DomusVi por impor xornadas abusivas e vulnerar o dereito ao descanso ou por eivas de seguridade. Á mesma multinacional que eludiu responsabilidades polas mortes na pandemia e que advertiu dos perigos dun sistema público de residencias

Galicia é a terceira comunidade con maior déficit de prazas residenciais e a cuarta con menos prazas públicas

Mentres, Galicia segue a ser unha das comunidades con menos prazas públicas por habitante, con 1,83 por cada cen persoas maiores de 65 anos, só en mellor posición que Comunitat Valenciana, Murcia e Canarias e logo de mellorar unha taxa grazas, en maior parte, ao incremento das prazas concertadas en centros privados. 

Porque en Galicia, das 22.000 prazas residenciais existentes, só unhas 4.800 están actualmente en centros de maiores de titularidade pública, segundo os datos oficiais do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social. Tirando das cifras do IGE, o 79% das prazas residenciais son privadas. 

De feito, a finais do pasado ano coñeceuse que o Goberno galego decidira manter na xestión privada varias residencias públicas que ten encomendadas a DomusVi, cun gasto total para o orzamento público de 50 millóns de euros en cinco anos para que compañías privadas xestionen catro centros da terceira idade de propiedade pública na Coruña, Vigo, O Carballiño e Bande que suman 430 prazas. Dúas desas residencias públicas de xestión privada tiveron sancións por falta de persoal e obstruír inspeccións. A Xunta xustifica esta política, moi estendida, en que ten cartos, non ten persoal e o servizo é "susceptible de explotación".

Os sindicatos lamenten que a Xunta negocie un novo modelo de residencias "sen contar co persoal nin cos seus representantes"

Ademais, en termos globais, distintos organismos e entidades recomendan a existencia dun mínimo de 5 prazas residenciais por cada cen persoas maiores de 65 anos. No conxunto do Estado a media é de 4,19 prazas, lonxe do mínimo recomendado, e en Galicia as cifras son moito peores, con 2,93. 

Galicia é, de feito, a terceira comunidade autónoma cun maior déficit de prazas. En concreto, debería sumar case 15.000 novas prazas (14.331) para chegar a ese mínimo recomendado do 5%. Tan só Andalucía e a Comunitat Valenciana (de maior poboación) presentan déficit superiores.

Actividades nun centro de día de Galicia CC-BY-SA Xunta

Sexa como for, a Xunta anunciou hai tres meses un novo modelo de residencias "ambicioso, audaz e sensato" no que os sindicatos non teñen moitas esperanzas. "Sinceramente, non moita: primeiro porque só nos falan de formación, dando a entender que o persoal non está cualificado cando non é así; segundo, porque se centran nunhas melloras tecnolóxicas que non so acaídas para este sector; e terceiro porque no comité que asesora o Goberno no se conta nin coas traballadoras nin coas centrais sindicais. O novo modelo xa nace coxo", di Iria Estévez, de CCOO. 

"Non se falou con traballadoras do sector nin cos sindicatos malia que así llelo solicitamos tanto o persoal como ma oposición. Se non nos teñen en conta, moito nos tememos que o modelo seguirá igual e cos mesmos problemas"; engade Fernández, da CIG. 

Mentres, o BNG impulsa unha lei de residencias da terceira idade cun máximo de cen prazas e un mínimo do 90% de cuartos individuais. Na proposta, inclúe o reforzo da inspección de servizos sociais mediante un corpo específico ou recuperar a xestión directa nas residencias da Xunta con concesións privadas, cuxos contratos chegan ata 2039

Este pasado luns, o PSdeG acusou o PP de “non estar á altura das circunstancias” tras negarse a mellorar os dereitos das traballadoras das residencias e os coidados para as persoas maiores. Do pouco que se sabe do comité que asesora a Xunta para reformular as residencias: seis folios, once persoas e ningunha acta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.