Unha persoa residente nun centro público concesionado de Vigo, que debía estar “máis controlada”, caeu por unhas escaleiras que non estaban pechadas, e o TSXG considera que era “fácil” mellorar esa seguridade
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á empresa GeriaVi SAU, matriz do grupo DomusVi, a indemnizar con 20.000 euros, o dobre do que inicialmente estableceu a Xunta, á familia dunha persoa usuaria da Residencia DomusVi Bembrive, en Vigo, que morreu “a consecuencia dunha caída” por unhas escaleiras que non estaban ben pechadas. O tribunal considera que a persoa falecida tiña que “estar máis controlada” e que para a empresa “fácil sería poñer en dita porta un sistema de seguridade que impedira o libre acceso dos residentes”.
A residencia de Bembrive vén sendo xestionada por DomusVi desde hai unha década a través dunha concesión outorgada pola Xunta, titular do centro, que agora acaba de decidir sacala novamente a concurso para que a súa xestión siga sendo privada.
O relato dos feitos que fai o TSXG remóntase a comezos de 2018, cando a persoa residente no centro de Bembrive, que padecía unha demencia, caeu por unhas escaleiras, “as cales contan cunha porta de acceso que se abre manualmente, carecendo, naquelas datas, de electroimán e teclado, tal e como recoñece a propia concesionaria”. Morreu un mes máis tarde e a familia reclamou á Xunta, como titular do centro, unha indemnización que a Consellería de Política Social estableceu en 2020 que lle correspondía pagar a GeriaVi por 10.000 euros “na súa condición de titular do contrato de concesión de xestión do servizo público da Residencia DomusVi Bembrive de Vigo”.
A familia recorreu esa decisión administrativa ante a xustiza ordinaria e agora o TSXG dálle a razón e eleva a indemnización ao dobre, 20.000 euros, nunha sentenza que reflicte diversas eivas na xestión do centro por parte de DomusVi.
A persoa falecida, di o tribunal, “con anterioridade, sufrira xa once caídas, aínda que sen graves consecuencias lesivas. Razón de máis para ter que estar máis controlada”
Segundo a sentenza, “era práctica habitual, recoñecida pola concesionaria, a de permitir, sen supervisión directa” que a persoa falecida “camiñase pola instalación mentres o persoal se ocupaba de tarefas de asistencia ao resto de ingresados para ir á cama”. A demencia que sufría esa persoa provocáballe ansiedade e un xeito de paliala era permitirlle que deambulase polo centro. De feito, di o tribunal, “esa permitida deambulación [...] obedecía, en parte, ao interese da propia vítima”, polo que modula a indemnización final en función desas circunstancias.
Porén, o tribunal tamén salienta que a persoa falecida “con anterioridade, sufrira xa once caídas, aínda que sen graves consecuencias lesivas. Razón de máis para ter que estar máis controlada”. De feito, cando a persoa era trasladada de planta “sempre o facía acompañada no ascensor, nunca polas escaleiras” e “os seus desprazamentos non incluían as escaleiras, nin sequera de forma adicional”.
O tribunal considera que “é evidente que a permisividade dos coidadores da paciente respecto á súa libre deambulación polas instalacións da residencia, por resultarlle beneficiosa para o seu estado e situación, non pode entrañar o seu acceso a unha caixa de escaleiras pola perigosidade que tal elemento supón incluso para unha persoa sa”. “Fácil sería poñer en dita porta un sistema de seguridade que impedira o libre acceso dos residentes”, sentencia o TSXG.
O tribunal eleva a indemnización “en atención ás circunstancias concorrentes e á perda dunha vida que, noutro caso, non se produciría ou, polo menos, con esa antelación”
Máis alá dos feitos, a sentenza agora feita pública relata outras circunstancias da reclamación formulada á Xunta. Na vía administrativa previa a esta sentenza xudicial, na que a propia Consellería de Política Social estableceu que había responsabilidade patrimonial polo accidente e debía ser pagada por DomusVi na contía de 10.000 euros, “dita responsabilidade foi aceptada tanto pola titular desa xestión como pola compañía de seguros”. Porén, posteriormente na causa xudicial un médico citado pola aseguradora negou que a persoa morrese pola caída senón por outra enfermidade.
O tribunal salienta como “esta última versión non pode ser aceptada” xa que “esa conclusión xa foi desbotada pola Administración” cando recoñeceu os 10.000 euros de indemnización e sinalou, segundo a sentenza, que “tal valoración non se pode soster porque a caída produciu unha notable afectación neurolóxica na paciente [...] que a conduciu a unha morte anticipada”.
Pola súa banda, no xuízo a Xunta pediu que se desestimase a demanda e insistiu en que non procedía outorgar unha indemnización superior aos 10.000 euros concedidos na vía administrativa. Esa non foi finalmente a visión do tribunal, que di que “dita suma resulta insuficiente, polo que procede incrementala, sempre conforme aos parámetros en que, en supostos análogos, se desenvolve esta Sala, á cantidade de 20.000 euros”, o que fai “en atención ás circunstancias concorrentes e á perda dunha vida que, noutro caso, non se produciría ou, polo menos, con esa antelación”.