O xulgado declara nulo o calendario laboral imposto ás xerocultoras na residencia DomusVi de Ferrol por non respectar os descansos nin as xornadas mínimas
Unha nova sentenza xudicial contra DomusVi. Desta vez, foi o xulgado do social número 1 de Ferrol quen estimou parcialmente a demanda de conflicto colectivo interposta pola presidenta do comité de empresa da residencia de maiores que esta empresa ten na mesma cidade. Declara nulo o calendario laboral imposto ao colectivo de xerocultoras por non respectar os descansos e as xornadas laborais recoñecidas no convenio e ordenándolle negociar coa representación social unhas novas quendas.
"É horrible. As traballadoras sufrimos de estrés, de problemas físicos e moitas baixas causadas pola sobrecarga de traballo e unhas condicións laborais precarias e coas que non se respectan os nosos dereitos", relata a Praza.gal Beatriz Fernández, presidenta do comité de empresa, da CIG e impulsora da demanda ante a "actitude ditatorial" e "negativa rotunda á negociación" por parte da dirección da empresa.
Tal e como explica Fernández, este colectivo de traballadoras -un total de 34 na residencia ferrolá, privada pero con prazas concertadas- tiña desde xa hai tempo a intención de mudar o calendario laboral ante as dificultades para aturar a falta de descanso necesario e a sobrecarga de traballo. "Apareceu a pandemia e decidimos adiar as demandas porque había outras prioridades", explica.
"É horrible. Sufrimos de estrés, de problemas físicos e moitas baixas pola sobrecarga de traballo e unhas condicións laborais precarias"
En decembro do pasado ano, empresa e comité de empresa alcanzaron un acordo sobre os calendarios laborais para todos os colectivos do centro agás no caso das xerocultoras, malia que "fora pactado verbalmente coa dirección", segundo Fernández. "Respondéronnos cun non rotundo", explica.
A aceptación do calendario pretendido por DomusVi suporía para as xerocultoras traballar en ciclos de 31 semanas sucesivas alternando xornadas de traballo de mañá e de tarde de 7 horas e quendas nocturnas de 10 horas, con días de descanso "dispostos de maneira aleatoria" e superando a xornada máxima anual establecida no convenio, que está nas 1.776 horas. "Insoportable", relata.
O calendario laboral imposto supuña superar as 1.776 horas anuais máximas que establece o convenio e non respectar os descansos ininterrumpidos mínimos
Malia que as quendas establecidas para as xerocultoras si foran asumidas nos anos anteriores, o persoal dixo basta desta vez ante a vulneración do dereito ao descanso entre xornadas establecido no convenio colectivo de residencias privadas -que marca un descanso mínimo semanal dun día e medio sen interrupción e que, cando menos, coincida en domingo unha vez cada catro semanas- ou unha distribución de xornadas que non se axusta ao número de traballadoras.
"Era unha sobrecarga de traballo inasumíbel para o persoal e unha merma na calidade da asistencia que se pode prestar ás usuarias e usuarios. O único que queremos é mellorar as nosas condicións porque iso supón tamén mellorar as das persoas que atendemos, que tamén sofren a precariedade das nosas condicións", explica Beatriz Fernández.
Impugnado o calendario laboral e fracasada a conciliación entre as partes, o persoal presentou un conflito colectivo ante o xulgado, que acabou dando a razón ás traballadoras ao comprobar o incumprimento de varios artigos co convenio colectivo e que as quendas foran impostas sen o acordo co persoal requirido.
"DomusVi fai e desfai en función dos seus obxectivos económicos", advirten desde o comité de empresa
Así, a sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, declara a "nulidade do calendario de quendas de 2022" para as xerocultoras a xornada completa e declara "o dereito destas a realizar a xornada disposta no convenio colectivo de 1.776 horas anuais" e a dispor do "descanso mínimo semanal dun día e medio sen interrupción" que deberá coincidir obrigatoriamente un domingo polo menos dentro dentro dun período dun mes. E ordénalle negociar un novo coa respresentación social.
Agora, o comité de empresa solicita a intervención inmediata do departamento de Recursos Humanos do grupo DomusVi para negociar unhas condicións de traballo dignas para un persoal que "soporta unha sobrecarga laboral e un nivel de estrés físico e psicolóxico inaceptábel".
"DomusVi fai e desfai en función dos seus obxectivos económicos; semella que traballemos con caixas e non con persoas", relata Beatriz Fernández, que explica que desde o persoal decidiuse "non dar un paso atrás". "Iremos aos tribunais por todo aquilo que consideremos se non chegamos a un acordo para lograr un clima e unhas condicións de traballo axeitadas", asegura ante a "actitude dictatorial" da direcicón da residencia de Ferrol. "Forza o persoal a ter que acudir de maneira permanente aos xulgados a reclamar os seus dereitos", conclúe.
O grupo DomusVi, pola súa banda, leva meses anunciando o impulso de melloras nas condicións das súas residencias e lanzou a finais do ano pasado unha campaña para o coidado do benestar dos seus 28.000 profesionais. Ademais, anunciou hai poucas semanas a creación da dirección corporativa de Clientes e Transformación Dixital, que xunta dieretnes áreas e "pon o foco na transformación ao servizo das persoas".