Ao proceso para facerse cargo dos centros da Coruña, Bande e O Carballiño concorren cinco firmas de menor tamaño pero non a principal do sector, mentres que o dun cuarto centro en Vigo que segue a xestionar DomusVi está paralizado por un erro da Xunta
Cinco empresas de menor relevancia no sector que DomusVi serán as que compitan por facerse coa xestión de tres residencias públicas de maiores que a Xunta decidiu manter en mans privadas. Dous dos centros, o Concepción Arenal da Coruña e a Residencia de Maiores de Bande, veñen sendo xestionados por DomusVi, e o terceiro, a Residencia para Maiores Dependentes do Carballiño, por unha empresa máis pequena, Agrupación de Actividades Geriátricas SL. Agora, ao coñecerse os nomes das empresas que presentaron ofertas ao concurso público que a Xunta abriu para renovar esa xestión privada, pódese comprobar que as actuais xestoras non o fixeron, polo que os tres centros mudarán de responsables.
Por outra banda, o concurso para unha cuarta residencia, a de Bembrive en Vigo, foi anulado por erros da propia Xunta e aínda non foi convocado de novo, polo que mentres segue a ser xestionada por DomusVi.
A finais de decembro a Xunta decidiu manter en mans privadas a xestión das catro residencias públicas e convocou dous concursos, un para a de Vigo, de 150 prazas na residencia e outras 20 en centro de día, e outro con tres lotes para as da Coruña (150 prazas), Bande (50 prazas) e O Carballiño (80 prazas). Nos dous casos os contratos están previstos para dous anos prorrogables ata cinco anos e cun orzamento máximo estimado nese período de ata 18,7 millóns no primeiro caso e de 32,2 millóns no segundo.
O primeiro concurso, o de Vigo, foi anulado hai dúas semanas tras un recurso e detectar o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) unha “infracción non subsanable” no proceso realizado pola Xunta, o que facilita que mentres o Goberno galego non volva convocar un novo concurso correcto a xestión siga en mans de DomusVi.
O outro concurso seguiu adiante e agora veñen de facerse públicos os nomes das empresas que aspiran a cada lote, entre as que non están as que viñan xestionando os centros ata agora, DomusVi no caso da Coruña e Bande tras acabar nese grupo as empresas que obtiveran os contratos orixinais hai unha década, Geriatros e Quavitae.
As empresas que presentaron ofertas a un ou varios dos lotes en que se dividiu o concurso (o lote 1 para A Coruña, o 2 para Bande e o 3 para O Carballiño), foron Samaín servizos á Comunidade SA (empresa con sede en Vigo do grupo Clece que á súa vez é unha división de servizos de ACS), Mimara Residencial SLU (unha empresa do sector cunha vintena de residencias en todo o Estado) e tres empresas galegas con residencias propias ou que prestan servizos de asistencia a maiores en diversos concellos: Gesmedical-Dis SL, Troncoso Casares SL e Serge Lucense SA.