Política Social é obrigada a anular o proceso que iniciara hai mes e medio, o que facilita que o centro siga en mans da actual adxudicataria, DomusVi, ata que convoque e resolva un novo concurso
A finais do pasado ano a Xunta decidiu manter en mans privadas a xestión de catro residencias de maiores da súa titularidade, tres das cales veñen sendo xestionadas na última década por DomusVi. Unha delas é a Residencia de Maiores e Centro de Día de Alzhéimer de Bembrive, en Vigo, que con 150 prazas na residencia e 20 no centro de día é unha das maiores de Galicia. A Consellería de Política Social convocou un concurso por dous anos prorrogable ata cinco e cun valor máximo estimado de 18,7 millóns de euros, pero algunha empresa candidata presentou un recurso e hai uns días o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) suspendeu o proceso mentres tomaba unha decisión.
A decisión do tribunal chegou este mércores, e foi a de anular o procedemento de licitación por “unha infracción non subsanable” das normas de preparación do contrato, o que levou a que este xoves a consellería fixese pública unha resolución acordando desistir do concurso xa iniciado. Iso non impide que a Xunta volva convocar un novo concurso de xeito inmediato, corrixindo os defectos do anterior, pero mentres facilítase que a residencia siga sendo xestionada por DomusVi, que igualmente pode presentarse á nova licitación.
A decisión tomada pola Xunta hai mes e medio foi a de convocar dous concursos distintos, un para a residencia de Bembrive e outro para os outros tres centros, o Concepción Arenal da Coruña, a Residencia de Maiores de Bande e a Residencia para Maiores Dependentes do Carballiño. Os dous concursos foron paralizados por recurso hai uns días, pero agora o tribunal de contratación decide que no segundo non hai ningún problema e permite a súa continuidade mentres que obriga a anular o primeiro.
Na tarde deste xoves nin a Xunta nin o Tacgal fixeran pública a resolución íntegra deste último, polo que só é posible saber que o que detectou no concurso foi “unha infracción non subsanable das normas de preparación do contrato”. Na resolución que acorda anular o proceso Política Social si deixa constancia que desde que se convocara o concurso, o 29 de decembro, cun prazo de presentación de ofertas de 30 días naturais, e ata que foi suspendido cautelarmente o 28 de xaneiro, ao límite do prazo, “non se presentou ningunha oferta”. A consellería tamén deixa constancia de que o recurso foi presentado “pola entidade ASADE”, siglas que se corresponden coa Asociación Estatal de Entidades de Servizos de Atención a Domicilio.
A resolución de Política Social que anula o concurso lembra que “a desistencia non impedirá a iniciación inmediata dun procedemento de licitación” novo. Pero a demora que suporá a convocatoria e resolución do mesmo facilita que a empresa concesionaria ata agora, DomusVi, siga a prestar o servizo. A empresa é a principal concesionaria dos centros de titularidade autonómica que a Xunta decide que xestionen empresas e non o seu propio persoal.
Non é habitual, pero tampouco raro, que a Xunta teña que anular concursos por erros cometidos por ela mesma, como ocorreu hai un ano co do transporte escolar, que convocou de novo aumentando o seu custo de 81 a 93 millóns
Non é habitual, pero tampouco raro, que a Xunta teña que anular concursos por erros cometidos por ela mesma, o que adoita supoñer nos casos de servizos a prórroga das concesionarias que os viñan prestando mentres non se resolven os novos procesos. Iso foi o que pasou hai un ano, cando o Goberno galego anulou o concurso por 81 millóns en dous anos para renovar os contratos da metade do transporte escolar de Galicia. A propia Xunta admitiu os erros que cometera nos seus pregos de condicións e convocou un novo proceso de máis custo, 93,4 millóns, que a levou a prorrogar os anteriores contratos. Un ano despois algúns lotes daquel concurso seguen sen estar resoltos definitivamente.
No caso da residencia de Bembrive, a Xunta decidiu sacala a concurso para manter a súa xestión en mans privadas argumentando que non ten cartos nin persoal para xestionala ela mesma e que é un servizo “susceptible de explotación”. Hai uns días Praza.gal revelou unha sentenza xudicial que condenou a Domusvi, actual xestora do centro, a indemnizar unha morte por unha caída producida antes da pandemia da COVID co dobre do que lle impuxera a Xunta tras constatar as eivas de seguridade que existían.