A Xunta confirma ás posibles aspirantes que ningún dos centros tivo prazas vacantes “nos últimos 5 anos” e que “existe lista de espera”
Hai mes e medio a Xunta aprobou manter en mans privadas a xestión de catro residencias de maiores da súa titularidade que suman 430 prazas en Vigo, A Coruña, Bande e O Carballiño. O Goberno galego decidiu non asumir a súa xestión directamente nin prorrogar ás actuais concesionarias senón que convocou un concurso público por dous anos prorrogables ata cinco e cun orzamento máximo estimado duns 50 millóns de euros. Agora ese concurso vén de quedar suspendido polo recurso dunha empresa.

Desde hai unha década esas residencias veñen sendo xestionadas no caso das tres primeiras por DomusVi e no da última por Agrupación de actividades geriátrias SL. Esas empresas, que poden presentarse igualmente ao novo concurso, seguirán prestando o servizo mentres non se resolva o proceso agora suspendido, segundo avanzou este martes Faro de Vigo.
Segundo comprobou Praza.gal, antes da suspensión empresas aspirantes ao concurso formularon diversas preguntas á Xunta sobre as características do contrato. Nas súas respostas o Goberno galego confirmoulles a alta demanda de prazas existentes. “Todos estes centros non tiveron prazas vacantes nos últimos 5 anos”, indicou oficialmente a Consellería de Política Social, que engadiu que “actualmente, estes centros non teñen comunicadas prazas vacantes e existe lista de espera”.

Unha das actuais concesionarias trasladou información incorrecta sobre 6 dos 31 contratos do seu persoal
Por outra banda, as preguntas formuladas polas posibles empresas aspirantes a xestionar os centros permitiron comprobar que unha das actuais concesionarias, a da residencia do Carballiño, trasladara información errónea sobre o seu cadro de persoal, que debe ser subrogado por quen resulte gañador do novo concurso. “Obsérvanse contratos por obra e servizo con antigüidades que non corresponden coa lexislación vixente”, advertiu unha posible candidata, ao que a Xunta respondeu admitindo que a actual concesionaria comunicara “un erro na información reflectida no anexo de persoal a subrogar”. A corrección afectou a un total de 6 dos 31 postos comunicados na residencia do Carballiño e implicou a ampliación nunha semana do prazo para a recepción de ofertas.