O persoal das residencias privadas acusa a Xunta de impedir a folga e de permitir un "xenocidio laboral"

Concentración de persoal ante unha residencia privada pola folga CC-BY-NC-SA CIG

A folga do persoal das residencias privadas da terceira idade de Galicia por un convenio digno comezou na noite deste pasado xoves co anuncio dos representantes de CIG, CCOO e UGT de que recorrerán uns servizos mínimos ditados pola Xunta que consideran "abusivos". Segundo denuncian, supoñen que, na práctica, o 100% das traballadoras teñan que acudir ao seu posto, polo que "vulneran o dereito a folga". 

Mentres, o persoal seguirá coas súas protestas na medida do posible, con concentracións como a levada a cabo a pasada noite, portando candeas ante unha residencia na Zapateira, no concello de Culleredo, ademais de visitar todos os centros privados galegos, máis de 260, para informar o seu persoal das súas reivindicacións e seguir recollendo sinaturas.

Mobilización por un convenio digno nas residencias privadas CC-BY-NC-SA CIG

Os sindicatos piden á Xunta que "poña firme á patronal" e acúsana de permitir un "xenocidio laboral" e "soldos miserables"

Levan 5.000 polo momento contra unha situación que cualifican de "xenocidio laboral", cuns "salarios de miseria e a sobrecarga de traballo". Así o dixo o representante de UGT, Eliseo Rivas, que criticou que mentres que ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "se lle enche a boca falando dos traballadores sociais e do seu sacrificio durante a pandemia", permite que as empresas privadas estean a levar a cabo un "xenocidio laboral, machucando o persoal con soldos miserables". Por iso, pediu a intercesión do Goberno galego, como responsable última do servizo, para que "poña firme á patronal e que aborde un proceso de negociación cos traballadores", dixo Rivas.

"Non só hai un Putin en Rusia, aquí tamén hai un Putin que nos impide exercer o noso dereito á folga", lamentou Transi Fernández, da CIG, mentres que Iria Estévez, de CCO., asegurou que os servizos mínimos non lles van "tapar a boca". "Seguiremos saíndo á rúa para que a parte empresarial poña os pés na terra e mire para o sector", engadiu.

Entre as reclamacións do persoal está a negociación dun novo convenio colectivo, que reclaman desde hai máis de dous anos, así como a actualización dos salarios ao 6,5% do IPC que, denuncian, as empresas xestoras recibiron por parte das achegas da Xunta e subindo cotas aos internos, pero que non trasladaron ao persoal empregado.

Segundo contou Transi Fernández, en xaneiro deste ano, as empresas comunicaron ás familias dos usuarios "subidas de ata 80 euros mensuais" a causa do IPC, que tamén tivo reflexo nas transferencias da Xunta, pero non nos salarios. "É repugnante, está a xogarse co diñeiro dos traballadores e dos usuarios", dixo a representante da CIG, que considera a Xunta "cómplice" destas "empresas mafiosas".

Mobilización ante unha residencia privada, pola folga do persoal CC-BY-NC-SA CIG

A maior parte das prazas en residencias da terceira idade en Galicia non son de titularidade pública

Esta circunstancia agrávase, apuntou, ademais, porque se trata dun sector representado ao 90% por "mulleres precarizadas" e no que consideran que, se houbese unha maioría masculina, non se estarían producindo estas situacións.

Ademais da cuestión salarial, os sindicatos reclaman que se actualicen e incrementen os cadros de persoal, que manteñen unha diferenza importante con respecto ás residencias públicas, o que repercute na calidade asistencial. Iria Estévez apuntou que as diferenzas de persoal entre pública e privada roldan as 15 persoas máis nas xestionadas pola Xunta.

A situación laboral nas residencias privadas, destacan, evidénciase en cuestións como a mortalidade "excesiva" rexistrada durante a pandemia, moi elevada en comparación coas públicas, onde "apenas houbo".

Porque a maior parte das prazas en residencias da terceira idade en Galicia non son de titularidade pública. A iniciativa privada -empresarial ou, en menor medida, do terceiro sector- prepondera con claridade nuns centros que, a raíz da pandemia da COVID, teñen moitos máis focos públicos sobre si. Non en van, a incidencia da doenza nas residencias privadas foi case o dobre que nas públicas mentres diversos estudos constatan que as prazas dispoñibles non son, nin de lonxe, dabondo para cubrir a demanda que existe no país.

Con este pano de fondo, durante a pandemia foron diversas as alertas do persoal de múltiples residencias e servizos vinculados a elas por escaseza de recursos e precariedade laboral. Agora, cunha situación epidemiolóxica moito máis favorable e coa vacinación amortecendo moi notablemente os efectos dos posibles focos do virus nestes centros, a alerta laboral non cesa e o persoal reclama melloras que consideran urxentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.