Folga nas residencias privadas da terceira idade, maioritarias en Galicia, polos "salarios de miseria e a sobrecarga de traballo"

Mobilización de persoal de residencias privadas para reclamar a negociación dun novo convenio colectivo, en Ferrol en xuño do 2021 CC-BY-NC-SA CIG

A maior parte das prazas en residencias da terceira idade en Galicia non son de titularidade pública. A iniciativa privada -empresarial ou, en menor medida, do terceiro sector- prepondera con claridade nuns centros que, a raíz da pandemia da COVID, teñen moitos máis focos públicos sobre si. Non en van, a incidencia da doenza nas residencias privadas foi case o dobre que nas públicas mentres diversos estudos constatan que as prazas dispoñibles non son, nin de lonxe, dabondo para cubrir a demanda que existe no país.

Con este pano de fondo, durante a pandemia foron diversas as alertas do persoal de múltiples residencias e servizos vinculados a elas por escaseza de recursos e precariedade laboral. Agora, cunha situación epidemiolóxica moito máis favorable e coa vacinación amortecendo moi notablemente os efectos dos posibles focos do virus nestes centros, a alerta laboral non cesa. Ben ao contrario, concretarase o vindeiro 18 de marzo nunha xornada de folga á que está chamado todo o persoal das residencias e centros de día privados de toda Galicia.

Representantes da CIG, CC.OO. e UGT anuncian en rolda de prensa a convocatoria da folga en residencias e centros de día para o 18 de marzo CC-BY-NC-SA CIG

Os tres principais sindicatos -CIG, CC.OO. e UGT- convocan en común unha mobilización laboral que, din, quere confrontar a "negativa do empresariado a rematar coa elevada precariedade", marcada por "salarios e miseria, sobrecarga de traballo, cambios nos calendarios e falta de tempo para prestar unha atención de calidade". Unha combinación "insostíbel" para un cadro conformado por máis de 10.000 persoas, a maioría mulleres.

CIG, CC.OO. e UGT convocan a folga nas residencias e centros de día privados para o 18 de marzo pola "falta de vontade de negociar un convenio digno" mentres, advirten, as empresas xa repercuten nas súas tarifas as subas xerais de prezos

Tras dous anos de "modificacións constantes nos protocolos e nos criterios de seguridade" e con carencias nas "valoracións psicosociais", advirten, as empresas do sector "néganse a negociar un convenio digno". Por iso, advirten, é o momento de "reactivar" esa negociación para "poñer enriba da mesa o esforzo e o sacrificio feitos durante a pandemia" e esixir á patronal (que, veñen advertindo, está "controlada por DomusVi), pero tamén á Xunta "o recoñecemento económico e social" que, din, merecen estas traballadoras.

Polo momento, lamentan, o que detectan nas empresas e no Goberno galego -destina uns 74 millóns anuais a residencias privadas de maiores- é "falta de vontade de negociar un convenio digno", e de aí a folga. O anterior, lembran, caducou en 2019, xusto antes da pandemia, e "o persoal segue cos salarios conxelados, ata o punto de que xa hai categorías por baixo" do actual salario mínimo interprofesional. "Mais o empresariado négase a mellorar as condicións", mesmo tendo en conta "que o ano pasado pechou co IPC do 6,5% e que as empresas xa o aplican nos prezos das prazas".

Este é o contexto dunha folga que, subliñan as tres centrais sindicais, vai alén dun "simple conflito laboral" porque é tamén unha "cuestión social". "Está en xogo o coidado das persoas maiores e o dereito a un servizo de coidados de calidade e en condicións dignas" o cal, lamentan, está moi ligado con que "a Xunta converteu os coidados nun negocio". Por iso, resaltan, ata o día da folga non só procurarán apoios entre o propio persoal e as familias das persoas usuarias, senón tamén entre o conxunto da sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.