A negativa da conselleira de Política Social a sequera reunirse para negociar o remate de medidas presentadas en 2012 como transitorias leva ao colectivo a reclamar a intervención da Valedora do Pobo
En 2012 a denominada Lei de medidas temporais en determinadas materias de emprego público aprobada polo PP suspendeu a aplicación de varios artigos do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta, o que supuxo entre outras cuestións unha redución nos descansos do persoal que traballa domingos e festivos. Boa parte do persoal laboral da Xunta non se ve especialmente atinxido por eses recortes, pero si afectan singularmente a quen traballa nas residencias de maiores, dependencia ou menores de titularidade autonómica, nas que o feito de non ser día laborable non altera o seu funcionamento interno. As persoas residentes seguen precisando coidados tamén eses días.
Aquelas medidas “temporais” que recortaron os descansos por traballar fins de semana e festivos seguen vixentes case unha década despois malia á chegada do coronavirus e o esforzo especial que está a requirir dese persoal das residencias públicas. É máis, o pasado verán a Xunta mesmo tentou limitar as vacacións dese persoal, que non consegue que o Goberno galego sente sequera a negociar, o que fai que agora os afectados veñan de reclamar a intervención da Valedora do Pobo.
2.500 prazas laborais en residencias públicas viron reducidas as súas compensacións por traballar fins de semana e festivos malia que as persoas residentes requiren os mesmos coidados todos os días da semana
Con algún parón polos confinamentos ou o Nadal, este xoves é o número 30 que este persoal se concentra, de 11.00 a 11.30 horas, ás portas dos seus centros de traballo nunhas mobilizacións impulsadas de xeito conxunto polos catro sindicatos principais (CIG, CCOO, CSIF e UGT) -que dan voz a preto de 2.500 prazas laborais, segundo as propias relacións de postos de traballo da Xunta-. O presidente do comité intercentros que agrupa a todo o persoal afectado, Manuel Gallardo, considera que a conselleira de Política Social, Fabiola García, está a ningunealos ao non querer nin reunirse con eles.
Gallardo lembra que ese persoal foi o encargado non só de manter o funcionamento dos centros propios da Xunta senón tamén de intervir en centros privados nos que, salienta, dáse o paradoxo de que o persoal desas residencias si teñen compensacións por traballar domingos e festivos. Unha falta de compensacións que os leva a “traballar gratis en fin de ano ou o 25 de xullo”.