Galicia é o territorio do Estado con máis consumo de hipnosedantes, especialmente en mulleres de 55 a 64 anos

Entre os anos 2005 e 2022 o consumo de hipnosedantes pasou en España do 3,7% ao 9,7% da poboación CC-BY Kaboompics.com

Entre os anos 2005 e 2022 o consumo de hipnosedantes pasou en España do 3,7% ao 9,7% da poboación

Un estudo liderado dende a Universidade de Santiago alerta dun grande incremento do consumo de hipnosedantes na poboación española nos últimos anos, especialmente entre as mulleres. En concreto, entre os anos 2005 e 2022 o consumo de hipnosedantes pasou en España do 3,7% ao 9,7% da poboación. Entre as mulleres a porcentaxe medra ata o 12,1%, o mesmo dato acadado no máximo da serie histórica, entre os anos 2011 e 2013, coincidindo cos efectos da crise económica da Gran Recesión.

O artigo Consumption of hypnosedatives in Spain: characterization and time trends, 2005-2022 foi publicado en Gaceta Sanitaria e entre as súas autoras aparecen as profesoras da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Mónica Pérez Ríos (investigadora principal do proxecto), Leonor Varela, Julia Rey e Cristina Candal; xunto con Carla Guerra e Ana Teijeiro, doutorandas da área, e Nerea Mouriño.

No ano 2022 un 20% das mulleres de entre 55 e 64 anos consumiron hipnosedantes © USC

Aínda que a maior prevalencia se dá en mulleres entre 55 e 64 anos, o equipo subliña que existe tamén “un aumento preocupante do consumo en poboacións máis novas”

A investigación salienta a maior incidencia deste fenómeno entre as mulleres, especialmente nas mulleres entre 55 e 64 anos, das que máis do 20% consumiran este tipo de fármacos no ano 2022. Porén, o equipo subliña que existe tamén “un aumento preocupante do consumo en poboacións máis novas”. Os datos apuntan a que as persoas con estudos básicos e intermedios e as desempregadas ou economicamente inactivas presentan datos de consumo maiores.

Os hipnosedantes son un grupo de psicofármacos depresores do Sistema Nervioso Central con efectos ansiolíticos. Entre os máis empregados están o Lorazepam, o Bromazepam, o Alprazolam, o Diazepam, o Clonazepam, o Lormetazepam, Zolpidem. Habitualmente son receitados como tratamentos para o insomnio, o estrés, a ansiedade, a depresión e outras situacións. A profesora Pérez Ríos explica neste senso que "os trastornos mentais representan un reto para a saúde pública pola súa alta prevalencia e o impacto na calidade de vida e morbimortalidade das persoas”.

A profesora Pérez Ríos explica neste senso que "os trastornos mentais representan un reto para a saúde pública pola súa alta prevalencia e o impacto na calidade de vida e morbimortalidade das persoas”

Galicia (14,1%), Canarias (13,6%) e Andalucía (12,5%) son as comunidades autónomas cunha maior porcentaxe de consumidoras e consumidores de hipnosedantes. En todos os territorios do Estado produciuse un grande incremento dende o ano 2005, especialmente en Cantabria, A Rioxa e Andalucía. En Galicia o aumento foi do 200%, dende o 4,6% de 2005.

A investigación elaborouse a partir dos datos da Enquisa sobre Consumo de Alcohol e outras Drogas en España e conta co financiamento do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade. As autoras do estudo sinalan que “é crucial actualizar os plans autonómicos de adiccións, promover estratexias preventivas e a colaboración entre autoridades sanitarias, profesionais médicos e a poboación para abordar as desigualdades en saúde mental e asegurar unha atención adecuada e unha prescrición responsable”.

Evolución do consumo de hipnosedantes no Estado español, en mulleres e homes ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.