Menos recursos emocionais, máis autoesixencia: a mocidade pide referentes para abordar a saúde mental

"Un malestar emocional con compoñentes ansioso-depresivos" é a principal causa que leva á mocidade ás consultas de Psicoloxía CC-BY-SA Jordan McQueen/Unsplash

Nas últimas semanas suicidáronse en Galicia varias persoas novas, casos que apareceron na prensa –con excepcións– co foco na localización. Os especialistas lembran que o importante é o que hai detrás, chegar a tempo a quen pensa en intentalo, a quen o intentou pero non o logrou, a quen o vai intentar nos vindeiros días

As consultas de saúde mental infantís e xuvenís incrementáronse tras os confinamentos e as restricións a causa da pandemia da COVID-19. É un escenario que afecta, sobre todo, aos adolescentes. Unha poboación que multiplicou a súa necesidade de axuda especializada. Que os leva ás consultas de Psicoloxía e Psiquiatría? “Sobre todo un malestar emocional con compoñentes ansioso-depresivos, con moita desregulación emocional; e a nivel de conduta, todo o relacionado cun maior illamento, quedar máis na casa ou a evitación de situacións que antes podían manexar como o estrés escolar (cada vez máis adolescentes xeran unha fobia escolar)”, di o psicólogo clínico Carlos Álvarez García, que traballa nas unidades de saúde mental infantoxuvenil e de xénero do hospital de Santiago.

Súmanse ás autolesións, ademais das ideas de suicidio, que son cada vez máis frecuentes. “Están tan xeneralizadas nesta poboación que raro é o rapaz ou rapaza con problemas que non se autolesiona como unha forma de reducir o malestar, a ansiedade ou a tensión que sofre”, explica Álvarez García, que tamén observa desde o hospital como nesta mocidade menor de 16 anos aumentaron os casos de anorexia nerviosa e mais os problemas de relación coas redes sociais e internet

A xuventude demanda falar de saúde mental e aprender a xestionar as súas emocións CC-BY-SA Marco Wolff/Pixabay

Xa tivemos unha nena cun problema de anorexia moi serio con dez anos, aínda que a media das persoas que ingresan na nosa unidade con este problema está nos trece ou catorce”, sinala. O que mudou desde a pandemia é a orixe da enfermidade, argumenta o psicólogo, que antes podía depender máis de situacións de acoso ou dificultades na casa; pero agora detectan que as condutas de anorexia veñen dunha preocupación pola “comida saudable” ante unha vida máis sedentaria, e a restrición de determinados alimentos a través de métodos que atopan por internet.

É preciso "ter a quen acudir, unha atención psicolóxica de calidade –para á que é necesario un acceso máis ou menos rápido e que o tempo entre consultas non se eternice– e que dea respostas eficaces ás dificultades que se presentan", detalla o psicólogo clínico Carlos Álvarez

Tras o confinamento, nas consultas de Psicoloxía especializadas en crianzas e adolescentes tamén ven con preocupación a influencia das redes sociais e a socialización en liña. “Se xa antes había un uso abusivo de todo o relacionado coas redes sociais e os xogos online, isto aumentou moito máis polo incremento do tempo de consumo e a facilidade para illar a persoas que xa tiñan esta tendencia”, apunta Carlos Álvarez.

Todo isto, que é o día a día das consultas de Psicoloxía no Sergas (e na sanidade privada), é a maior preocupación para unha poboación moza que demanda falar de saúde mental, aprender a xestionar as súas emocións, saber como actuar cando detectan un problema ao seu arredor e ter alguén de referencia a quen acudir en busca de axuda. Nas últimas semanas suicidáronse en Galicia varias persoas novas, casos que apareceron na prensa –con excepcións– co foco na localización.

Os especialistas lembran que o importante é o que hai detrás, chegar a tempo a quen pensa en intentalo, a quen o intentou pero non o logrou, a quen o vai intentar nos vindeiros días. Para iso, é preciso “ter a quen acudir, unha atención psicolóxica de calidade –para á que é necesario un acceso máis ou menos rápido e que o tempo entre consultas non se eternice– e que dea respostas eficaces ás dificultades que se presentan”.

Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil CC-BY-SA Xunta

Está peor a mocidade actual que a de hai tres xeracións? “A miña sensación é que actualmente a xuventude percíbese a si mesma con menos recursos para enfrontar situacións adversas. Como que lles desborda ou afogan ante situacións que quizá hai dúas ou tres xeracións as persoas manexaban: frustracións, demora por conseguir algo... Isto é unha impresión moi persoal, pero creo que como sociedade creamos unha xeración –non sei se se pode expresar nestes termos– de persoas máis inseguras que pensan que precisan axuda de outros cos seus problemas, unha percepción de autoeficacia bastante pobre. Se eu creo que non teño recursos persoais para enfrontarme a un suspenso, a contarllo aos meus pais, a un mal de amores ou a calquera outra circunstancia adversa da vida, pois é máis fácil que me desmorone. E aí entran en xogo, porque están aí, as ideas de facerme dano como unha solución, tanto de suicidio como de autolesións. Afortunadamente, o que pasa normalmente é que esas ideas quedan só en pensamentos, ou nalgún intento no que non chegan á morte, pero isto non quere dicir que non sexa importante e serio”, debulla o psicólogo de Santiago.

“A intención do YAM é mellorar a súa sensibilidade e darlles ideas de como actuar en caso de que teñan un problema ou de que vexan que alguén o ten”, detalla Álvarez

Ensino e conciliación familiar

Carlos Álvarez García é un dos instrutores do programa de prevención escolar YAM (polas súas siglas en inglés Youth Aware of Mental Health, xuventude consciente da saúde mental) que este curso comeza a espallarse polos centros de ensino galegos tras un período piloto o ano pasado. Da súa experiencia nas aulas con rapazada de 14 anos destaca o seu interese polo que tratan nas consultas de Psicoloxía no hospital e que coñecen máis sobre saúde mental do que esperaban. “A intención do YAM é mellorar a súa sensibilidade e darlles ideas de como actuar en caso de que teñan un problema ou de que vexan que alguén o ten”, detalla Álvarez, para apuntar que está demostrado que a primeira persoa á que acoden cando se lles presenta un problema é a un igual, a un amigo ou un compañeiro de aula.

Esta experiencia non resta importancia á reclamación de incluír nos cadros de persoal dos institutos a figura do psicólogo ou psicóloga educativa que poida detectar problemas entre o alumnado dos centros de ensino, unha figura que coa que se podería contar a longo prazo, se hai vontade no Estado e na Xunta. Mentres tanto, o psicólogo clínico do CHUS conta que se debe fomentar unha maior coordinación informal e fluída entre as e os orientadores dos institutos –ou incluso o profesorado– e o persoal sanitario. “Cando teño un caso quero poder falar coa orientadora do centro no está o paciente escolarizado, ou co titor, porque non todo se vai resolver en reunións. A comunicación formal ten que existir, pero coido que hai que traballar para que a xente teña a boa vontade de colaborar pensando no maior beneficio dos menores”, argumenta.

Carlos Álvarez (primeiro pola dereita) cos instrutores e instrutoras do programa de prevención en saúde mental no ensino YAM CC-BY-SA Consellería de Sanidade

"A rapazada está máis tempo soa na casa e iso pode incrementar a sensación de soidade ou que se ten un problema non atope a quen acudir", conta o psicólogo

Non hai tanto tempo, en todas as casas comíase en círculo. O televisor podía estar presente, pero a un lado. Hoxe é moi común que as familias coman xuntas sentadas en liña fronte á televisión. Un 4,7% dos rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos afirma que non come nin cea nunca coa familia, o 18,8% só o fai a mediodía un ou dous días á semana e un 15,8% non cea nunca cos pais. Son datos do estudo Adolescencia, Tecnología, Salud y Convivencia, dirixido por Antonio Rial Boubeta, profesor titular da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago de Compostela.

“A rapazada está máis tempo soa na casa e iso pode incrementar a sensación de soidade ou que se ten un problema non atope a quen acudir. O cambio na adolescencia, tanto emocional como físico, converte os menores en vulnerables e poden chegar a sentirse moi perdidos ou perdidas”, razoa Carlos Álvarez, quen incide en que “unha boa saúde mental comeza na casa”.

Partindo de que non hai unha boa conciliación familiar e laboral en España, o psicólogo advirte do fundamental de “pasar tempo de calidade cos fillos e fillas”. “Teñen que sentir que os pais estamos aí porque unha cousa é o que eu fago co meu fillo e outra o que meu fillo percibe, xa que moitas veces non perciben unha relación de confianza”, explica. “Os pais tamén teñen que poñer límites, regras e responsabilidades –engade–. A nosa recomendación aos proxenitores é que aprendan a poñer límites co tema de internet: horarios para que non interfira cos estudos nin co sono, que non impida a relación fóra da casa e manter unha vida máis presencial e non tan virtual (por moito que xa forme parte das nosas vidas)”.

"Nas consultas externas dos hospitais reciben máis presión: teñen que aumentar o número de psiquiatras, psicólogos e enfermería especializada", destaca o psicólogo do CHUS

Máis recursos na sanidade pública

Ata a chegada da pandemia, a atención en saúde mental infantoxuvenil no Sergas era “bastante precaria”, había uns recursos “moi xustos” que viñan arrastrando anos sen atender as demandas dos e das profesionais desta especialidade. É unha das áreas que máis medrou no sistema sanitario público nos últimos tres anos, mais a demanda segue saturando moitos servizos, aínda que a situación é distinta en función da área sanitaria. As que contan con unidades específicas, como as de Santiago-Barbanza e Vigo, ou con consultas no hospital de día teñen maior capacidade de atender a esta poboación ata os dezaseis anos, posto que a partir desa idade –contra o criterio de algúns profesionais, que tratan de incrementala ata os dezaoito– son considerados poboación adulta.

“O que creo que precisa máis dotación é a parte das consultas externas. Hai dúas unidades de hospitalización en toda Galicia, non está mal, aínda que podería mellorar. Pero nas consultas externas reciben máis presión: teñen que aumentar o número de psiquiatras, psicólogos e enfermería especializada”, asegura Carlos Álvarez, que pon en valor mecanismos que están a adoptar para afrontar a alta demanda, como a criba que se leva a cabo en Santiago para que as listas de espera dependan da severidade do problema de cada un e non da data na que se pide a consulta.

Con independencia de mellorar a atención especializada nos hospitais, Álvarez observa que a incorporación de psicólogos e psicólogas nos centros de saúde do Sergas permitiría traballar cos doentes –xa sexan adultos, crianzas ou adolescentes– desde o verdadeiro comezo dos seus problemas de saúde mental, evitando en moitos casos que cheguen a agravarse ou que se cronifiquen.

 

O teléfono 024 de atención á conduta suicida do Ministerio de Sanidade é un servizo gratuíto, confidencial e dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Trátase dunha liña telefónica de axuda ás persoas con pensamentos, ideacións ou risco de conduta suicida, e aos seus familiares e achegados. En caso de emerxencia vital inminente débese chamar directamente ao 061 ou 112.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.