Este 13 de xaneiro celébrase o Día mundial de loita contra a depresión, que está diagnosticada ao 5,6% da poboación galega e que constitúe a principal causa de discapacidade na nosa sociedade segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Nesta data o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) alerta de que "a pesar desta elevada prevalencia a sanidade galega non conta cos recursos precisos para dar resposta a esta problemática".
O Colexio de Psicoloxía pide triplicar as prazas de Psicoloxía Clínica no SERGAS
Por este motivo, a entidade reclama triplicar as prazas de Psicoloxía Clínica existentes no SERGAS "para contar cunha dotación mínima que permitise dar unha asistencia de calidade para os trastornos de saúde mental". A taxa actual está en 4 especialistas por cada 100.000 habitantes, pero estímase que unha taxa por debaixo de 12 psicólogos/as clínicos/as imposibilita a prestación desta asistencia sanitaria.
Está a aumenta a demanda de atención en saúde mental por parte da poboación máis nova. Porén, en Galicia hai menos de vinte psicólogos e psicólogas que atenden a infancia e adolescencia, "con listas de espera que van desde os 6 meses no mellor dos casos, a máis dun ano"
Nos últimos tempos estase a detectar, ademais, un incremento de demanda de atención en saúde mental por parte da poboación máis nova. Porén, en Galicia hai menos de vinte psicólogos e psicólogas que atenden a infancia e adolescencia nas distintas áreas sanitarias, "con listas de espera que van desde os 6 meses no mellor dos casos, a máis dun ano", denuncia o COPG. O Colexio lembra que "a atención aos rapaces e rapazas é máis complexa, xa que é preciso intervir coa súa contorna (familia, centro educativo), o que implica que se precisa máis tempo no proceso terapéutico". A dotación mínima de profesionais para atender as actuais necesidades da poboación infanto-xuvenil galega situaríase entre 50 e 60 psicólogos e psicólogas clínicas, moi lonxe dos recursos actuais, estima a entidade.
En concreto, explican dende o Colexio de Psicoloxía, a depresión é un trastorno que se manifesta en diversos síntomas (psicolóxicos, físicos, cognitivos, sociais) e afecta na distintas esferas da vida das persoas, "xerando un malestar significativo de quen a padece". O Colexio subliña que a terapia psicolóxica "é un dos tratamentos máis eficaces para a depresión", pero advirte de que "para que a loita contra a depresión sexa efectiva, cómpre que a atención psicolóxica sexa accesible e estea próxima ás persoas para poder diagnosticala e tratala nos estadios máis temperás".
A atención psicolóxica en Atención Primaria "é unha das medidas máis eficaces para a prevención e o tratamento de trastornos de saúde mental, como a depresión". Porén, o Colexio critica que esta "ten unha mínima implantación en Galicia"
Neste senso, salienta que a atención psicolóxica en Atención Primaria "é unha das medidas máis eficaces para a prevención e o tratamento de trastornos de saúde mental, como a depresión". Porén, o Colexio critica que esta "ten unha mínima implantación en Galicia". A atención psicolóxica en Atención Primaria significaría ademais un importante aforro económico, "xa que as enfermidades de saúde mental (como a depresión, a ansiedade ou o estrés) son a segunda causa máis frecuente de incapacidade temporal, cunha duración media elevada (por riba dos tres meses), o que ten importantes custos para a Seguridade Social", lembra o Colexio de Psicoloxía.
A Xunta anunciou este xoves un programa específico para saúde mental da poboación infanto-xuvenil, cun total de 4.118 consultas
O Colexio propón tamén reforzar a presenza de psicólogos e psicólogas noutros ámbitos, como centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria, e nos servizos sociais comunitarios dos concellos, para así "realizar esa abordaxe preventiva e asistencial".
Pola súa banda, este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que se vén de poñer en marcha "un programa de intensificación da actividade asistencial" no Sergas que busca, entre outros obxectivos reducir as listas de espera “a niveis mellores dos que había antes da pandemia”. As medidas inclúen un programa específico para saúde mental da poboación infanto-xuvenil, cun total de 4.118 consultas.