Despois de vivir na nosa propia pel o terrible que é unha pandemia, resulta impactante que non vexamos (o non queiramos ver) a pandemia silenciosa que está afectando a miles de persoas en todo o mundo
Moitos de nós nos familiarizamos coa palabra “pandemia” hai 2 anos, cando un virus descoñecido procedente de Asia chegou ás nosas vidas para cambialo todo. A través dos medios de comunicación, soubemos como actuaba e as terribles consecuencias que trouxo non só para aquelas familias que perderon ós seus seres queridos senón para o conxunto da sociedade. Porén, despois de vivir na nosa propia pel o terrible que é unha pandemia, resulta impactante que non vexamos (o non queiramos ver) a pandemia silenciosa que está afectando a miles de persoas en todo o mundo.
Durante o confinamento, foron moitos os que comezaron a falar dos efectos que este illamento estaba a ter na saúde mental da poboación, especialmente entre os máis novos. As noticias relacionadas coa ansiedade ou a depresión aparecían cada día nos telexornais, e contribuíron a visibilizar a realidade de miles de españois. Con todo, unha vez todo o relacionado co Covid foi desprazado por outras noticias, a saúde mental deixou de ser concibida como unha prioridade. Volveu ser silenciada até converterse nunha nota ao pé de páxina á que se recorre unicamente cando se necesita encher espazo.
Cando todo o relacionado co Covid foi desprazado por outras noticias, a saúde mental deixou de ser concibida como unha prioridade. Volveu ser silenciada até converterse nunha nota ao pé de páxina á que se recorre unicamente cando se necesita encher espazo
En España, o último exemplo deste silencio tivo lugar esta fin de semana, cando o Senado rexeitou unha moción para instar ao Goberno a desenvolver un Plan Nacional de Prevención contra o Suicidio. Unha noticia á que apenas se lle deu cobertura desde os medios pero que amosa unha vez máis como en España a saúde mental é só unha ferramenta de postureo político pois, aparentemente, os nosos órganos de goberno non consideran necesaria unha a elaboración dunha estratexia eficaz para combater a primeira causa de morte non natural no noso país. Así, en vista da resposta que esta proposta tivo na Cámara Alta, parece que para a clase política española o feito de que 11 persoas se suiciden cada día no é razón suficiente para tomar medidas. 11 mortes que son só o terrible resultado final de 11 historias de sufrimento ás que o sistema no lles brinda axuda suficiente.
Hai quen afirma que a nosa é a xeración de cristal, que nos vimos abaixo á hora de afrontar as dificultades. Pero nada máis lonxe da realidade. Somos a xeración que máis problemas debe afrontar das últimas décadas: paro, precariedade laboral, alugueiros desorbitados…
Así e todo, aínda que esta é unha cuestión que afecta ao conxunto da nosa sociedade, as novas xeracións somos as máis afectadas. Actualmente o suicidio é a principal causa de morte entre este colectivo, e só no último ano dous millóns de mozos españois sufriron síntomas dalgún trastorno mental. Pero a pesar do alarmante destas cifras, a axuda que recibimos segue a ser insuficiente. Seguimos sendo invisibles para unhas institucións que só se lembran de nós e dos nosos problemas cando buscan os nosos votos. Pero somos moito máis que unha ferramenta electoral e precisamos máis que promesas baleiras nacidas do postureo político. Necesitamos un maior compromiso por parte da Administración e necesitámolo xa. Non podemos permitirnos esperar máis. O noso benestar está en xogo.
Hai quen afirma que a nosa é a xeración de cristal, que nos vimos abaixo á hora de afrontar as dificultades. Pero nada máis lonxe da realidade. Somos a xeración que máis problemas debe afrontar das últimas décadas: paro, precariedade laboral, alugueiros desorbitados… Con todo isto pesando sobre o noso futuro, o incrible é que ese cristal ao que moitos se refiren non tivera estalado xa.