Hoxe hai tres anos, o 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declaraba formalmente que a extensión da COVID-19 xa tiña a consideración de pandemia. O Sergas rexistraba daquela 44 casos positivos e dispoñíase a limitar a asistencia a centros sanitarios. Numerosos actos deportivos e culturais empezan a ser adiados e un día despois a Xunta anuncia a suspensión das clases. O venres 13 Pedro Sánchez anuncia que o Goberno central se dispón a aprobar o estado de alarma mentres a Xunta declara a situación de emerxencia sanitaria. O 14 de marzo, e logo dunha longa reunión extraordinaria, o Consello de Ministros impón a limitación xeral de movementos. Chega o confinamento. A vida na casa.
A pandemia agravou os problemas da saúde mental, que aínda persisten, pero tamén provocou unha maior concienciación sobre o seu coidado
Un peche que se tornou máis estrito dúas semanas despois --ao obrigar a permanecer nas casas a todo o persoal de servizos non esenciais-- e que non se foi relaxando ata as primeiras saídas entre finais de abril e principios de maio. Dous meses de reclusión que remataron nunha "nova normalidade", a mediados de xuño, interrompida logo por restricións e pasos atrás na mobilidade durante ben tempo e que foron minorando así que avanzaba unha vacinación masiva. A recente retirada da obrigatoriedade da máscara no transporte público supuxo a fin simbólica dunha pandemia que a OMS agarda por rematar de vez este 2023 coa fin da emerxencia de saúde pública.
Polo camiño, millóns de mortos -máis de 4.000 persoas falecidas en Galicia-, dramas familiares e graves problemas sociais e económicos. Ademais, o impacto que o confinamento, as restricións e as súas consecuencias supuxeron na saúde mental, agravado co paso do tempo e aínda presente, especialmente entre a xente máis nova.
A pandemia aumentou nun 25% a prevalencia da ansiedade e a depresión, tendencia que confirman os profesionais tres anos despois
A propia OMS advertiu hai un ano que a pandemia aumentou nun 25% a prevalencia da ansiedade e a depresión na poboación. Unha tendencia que confirman os profesionais, que coinciden na importancia de non desatender esta problemática pero tamén en ver a "parte positiva" que de xeito paralelo trouxo a COVID: "Hai maior conciencia sobre a importancia da sáude mental, máis vontade por abordala e menos reparos por parte da cidadanía á hora de demandar axuda".
"O aumento de demanda e atención á saúde mental viña sendo progresivo xa, pero despois do confinamento foi exponencial e moi acusado tras a pandemia", explica Iria Veiga, psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e divulgadora científica. A teor da súa experiencia na Atención Primaria e no servizo de Urxencias, nos últimos meses a tendencia sostida de empeoramento na saúde mental está a "estabilizarse" pero continúa. "Notouse moito na atención urxente, sobre todo en patoloxías que tiñan que ver con ansiedade, depresión e condutas suicidas", explica.
"Tres anos despois do inicio da pandemia, hai un impacto sobre a saúde mental que estamos tratando hoxe. Agora estamos traballando no dano que provocou, digamos que nos últimos meses xa asentados e enfocados nel, pero nun labor que vai levar aínda moito tempo", coincide o psicólogo Valentín Escudero, director do programa de tratamento de menores da Xunta e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC).
Profesionais da psiquiatría e psicoloxía lembran que a COVID aumentou a depresión, a ansiedade e as condutas suicidas, sobre todo na xente nova
"Se atendemos aos datos de atención á saúde mental infantoxuvenil e ao que nos vai dicindo a práctica, hai secuelas... Parece que se está mellorando, pero queda aínda a onda dun impacto que sacudiu moito estruturas vulnerables, tanto psicolóxicas dos nenos e adolescentes como das súas contornas familiares, con crises e moito estrés que acaba afectando a xente máis nova", engade. Escudero confirma o "elevadísimo" número de consultas, a alta demanda e a cada vez maior atención a programas específicos de saúde mental. "O dano vai haber que traballalo moito tempo", advirte.
"Os problemas de ansiedade e depresión aumentaron moito nos últimos anos; a manifestación dos problemas é cousa de cada un, pero todo aquilo que nos evita enfermar -relacións sociais, apoios...- perdeuse moito durante a pandemia", explica Carlos Losada, voceiro da Sociedade Española de Psicoloxía Clínica e profesional no Sergas. "Cando esta socialización volveu, fíxoo de golpe e houbo xente que se adaptou ben e outra que xa estaba afeita ao anterior e o está pasando mal", engade, logo de tratar de explicalo cun exemplo. "Imaxinemos esa persoa que ía algunha vez á semana a unha actividade, a cantar ou facer exercicio, e socializaba... Deixou de ir, colleu medo, quedou perdida e aqueles outros problemas que ten na vida non só se mantiveron, senón que a afectan máis e supóñenlle un maior risco de resposta psicopatolóxicas", conta.
"A pandemia provocou un impacto e dano na saúde mental que estamos tratando hoxe e que haberá que traballar aínda tempo"
Para Veiga, o máis preocupante é "o aumento de condutas suicidas en xente moi nova e en adolescentes", algo que reitera Losada, que destaca o incremento das "autolesións". "Á marxe do alarmante que é en si mesmo, fala dun malestar moi duro, de falta de esperanza e é algo que nos debería facer pensar que algo estamos facendo mal", explica. Para a psicóloga, xúntanse as secuelas da pandemia e as restricións coa "falta de oportunidades". "Ven que non van poder desenvolver un proxecto vital autónomo en moito tempo ou nunca e reciben esa mensaxe repetida de que van vivir peor que os pais, que funciona como profecía autocumprida", asegura.
Na súa opinión, coa xente nova -especialmente coa adolescencia- faltou "sensibilidade" durante as peores épocas da COVID. "En lugar dunha especial atención houbo criminalización; son persoas moi novas, sen recursos psicolóxicos, os que estiveron máis tempo confinados e sufriron máis restricións en momentos claves do seu desenvolvemento neurobiolóxico, onde a relación social e o fomento da súa identidade persoal, sexual ou relacional é clave. Foron os grandes esquecidos e sinalados", reivindica.
Escudero, cun labor máis centrado nos máis pequenos, incide en que o "estrés" que se xerou en moitas familias e esa permanente "incerteza e inseguridade" cara ao futuro acabou plasmándose en moita xente nova e rapazada. "O máis común son os trastornos de tipo emocional, ansiedade clínica, episodios moi achegados á depresión, e logo ese estrés que se xerou entre os seus e que acaban sufrindo todos na súa contorna", engade.
Máis risco a máis pobreza
E aí xorde a cuestión socioeconómica. "Os problemas da saúde mental afectan máis as rendas máis baixas e as persoas con maior risco de exclusión social; a pandemia empeorou a situación de moita xente pola perda de emprego, pola inestabilidade ou pola incorporación a un mercado laboral moi diferente... E aí volve ser a xente nova a máis afectada e vulnerable por seren os de menor nivel de renda, sufrir unha maior inestabilidade no emprego e estar na procura dun proxecto de vida que non chega", explica.
"Todo o que supoña estrés ponche nunha situación máis vulnerable: cantos menos cartos tes, máis illado estás e o risco aumenta se es muller, dun colectivo migrante ou pobre. Iso non significa que a xente con máis recursos non poida ter problemas, obviamente, pero os riscos son diferentes", explica Carlos Losada. "Teño moitos pacientes que mellorarían se en lugar de prescribirlles determinadas actividades ou respostas puidese receitarlles 500 ou 700 euros máis ao mes, é moi claro", insiste.
Porque a situación económica aumenta o risco, pero a cuestión de xénero, tamén. De feito, a OMS insiste en lembrar que os trastornos mentais derivados da pandemia son máis comúns entre a xente nova e as mulleres. "A chegada da COVID deteriorou as condicións de vida e afectou máis a quen ten o salario máis baixo ou a quen máis se ocupa do traballo doméstico e dos coidados", lembra Veiga.
Os profesionais coinciden na necesidade de manter esa maior atención á saúde mental que, como recoñecen, se leva facendo desde a pandemia. E comparten tamén a reflexión de que a chegada da COVID trouxo esa "parte positiva" entre tanto drama: unha maior concienciación social sobre o problema.
"A situación derivada da pandemia axudounos a poñer o foco na saúde mental, que era a grande esquecida. Fálase moito máis dela, a xente atrévese máis a abordala e reclamar axuda e todo iso é benvido", explica Veiga que, aínda así, aclara que "iso non explica o importante aumento dos problemas nos últimos anos".
"A COVID trouxo as dúas cousas: provocou máis problemas de saúde mental e importantes secuelas, pero tamén que a xente se concienciase e atrevese máis a afrontalos e a demandar axuda", coincide Carlos Losada. Tamén Valentín Escudero, que non ten dúbida de que un dos resultados da pandemia é que "haxa unha conciencia moito maior da necesidade de coidar a saúde mental na infancia e na adolescencia".
"A COVID provocou máis problemas de saúde mental pero tamén unha maior concienciación e atención aos problemas; iso é o positivo"
"Non só hai maior concienciación, senón que se plasmou de maneira real: hai novas iniciativas ou outras xa pensadas antes da chegada da pandemia que agora se están desenvolvendo. O impacto da COVID provocou tamén que se activasen dispositivos e programas que están tendo un resultado moi positivo e a onde a xente acode sen os reparos de antes", di.
Con todo, a necesidade de contar cos recursos axeitados é aínda maior. E non chegan. Así leva anos advertíndoo o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e demándano os propios profesionais. "As consultas da sanidade pública están saturadas, pero na privada tamén. O impacto da COVID, unido a máis de dez anos de recortes e austeridade, está facéndolle pagar as consecuencias á Atención Primaria e isto afecta igual no noso ámbito", di Losada, que si que cre que houbo algo de reacción por parte da Xunta pero aínda non abonda. "Por primeira vez en Galicia imos convocar prazas para todos os psicólogos clínicos cando ata agora estabamos na metade", lembra, ademais de advertir de que hai xente que acode aos psicólogos do Sergas "con esperas de meses" para acabar tendo cita "media ou unha hora nun só ano".
"É claramente insuficiente. A xente ten menos reticencias á hora de pedir axuda, pero mesmo compañeiros da privada que eu recomendo teñen listas de espera de catro ou cinco meses. A sociedade está más concienciada pero o sistema segue saturado", engade.
Escaseza de recursos
O COPG estima que debería triplicarse o número de psicólogos clínicos no Sergas para dar unha asistencia de "calidade" e lembra que a taxa actual, de catro especialistas por cada 100.000 habitantes en Galicia, está moi por baixo dos doce que se recomendan para unha correcta asistencia sanitaria. Ademais, advirte de que, ante o incremento da demanda por parte da mocidade, son só arredor de 20 os psicólogos que atenden á rapazada e aos adolescentes, con listas de espera "de seis meses a un ano". Deberían triplicarse en número os profesionais. Todo, lembran, nunha Galicia onde o 5,6% da poboación está diagnosticada con depresión.
"Agora hai unha vontade por poñerlle remedio a esta escaseza de medios, unha vontade impulsada polo interese dos medios e a poboación na saúde mental, pero chega tarde", coincide Veiga, que lembra que "hai que paliar máis dunha década de recortes" xusto cando a demanda é máis alta que nunca. "Vai ser moi difícil que as actuacións sexan suficientes", di, ademais de sinalar que "mentres se prometen máis recursos, estase a desmantelar a Atención Primaria, que é esencial".
"Se non hai un bo sistema de Atención Primaria, os recursos da especializada non chegan porque carecemos dun filtro que é fundamental", insiste Veiga, que "agradece" a vontade da Xunta pero aclara que "foi impulsada pola cidadanía". "Houbo unha tímida incorporación de profesionais, fundamentalmente psiquiatras, pero o que demandamos é máis en psicoloxía clínica. Medicalizamos moitos problemas que seguramente teñan unha mellor solución, pero para os que non dispoñemos de recursos", conclúe, logo de volver recordar que o impacto da pandemia aquí segue e seguirá.
"Non debemos esquecer o que supuxo a COVID, a cantidade de mortes e o impacto que iso causou en tanta xente, o confinamento, a incerteza, o estrés... É moi importante que, tres anos despois, sigamos poñendo o foco nas súas secuelas e na importancia de coidar e atender a saúde mental", remata Escudero. Aínda que parece que a pandemia marchase hai xa décadas.