O conselleiro de Sanidade di que "por unha cuestión de recursos" non será posible que haxa un psicólogo en cada centro de saúde do país, polo que aposta polas terapias de grupo. O Colexio de Psicoloxía lembra que son os especialistas quen decide o formato da atención
Co incremento no deterioro da saúde mental da poboación tras a pandemia da COVID recoñecido pola Consellería de Sanidade, a sanidade pública galega mantén esperas dun ano para unha primeira cita nas áreas de saúde mental dos hospitais e prazos non moito mellores para as consultas sucesivas. A incorporación de psicólogas e psicólogos clínicos aos centros de saúde valorouse xa no ano 2020 como unha vía para achegar esta especialidade á poboación nun momento de alta demanda. O resultado foi a convocatoria de sete prazas no Sergas para a especialidade de Psicoloxía clínica en Atención Primaria para toda Galicia, unha cifra totalmente inoperante que as profesionais veñen reclamando aumentar.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) estímase que “o despregue efectivo da Psicoloxía Clínica na Atención Primaria requirirá un mínimo de 100 profesionais especialistas, unha cifra orientativa que deberá adaptarse ás necesidades territoriais e organizativas”. Mais, en todo caso, un número de especialistas que permitiría contar cun profesional cada catro centros de saúde e, aproximadamente, con dous profesionais por comarca galega, garantindo a equidade no acceso para a poboación.
Co Plan galego de Saúde Mental 2020-2024 vencido, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou a semana pasada en Vigo que o seu departamento “planea” pór en marcha “unha rede de psicólogos clínicos” que cubran a Atención Primaria a través de “consultas grupais”. Aínda que, en realidade, foi no mes de abril do ano pasado cando a Xunta se comprometeu co COPG a incorporar a figura dos psicólogo clínico nos centros de saúde. Na súa intervención nun almorzo do Executive Forum España, Caamaño tamén indicou que “por unha cuestión de recursos” non será posible que haxa un psicólogo clínico en cada centro de saúde do país.
As palabras do conselleiro chegaron a estes especialistas nun momento de incertezas, pois dende a Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas, que agrupa á maioría dos profesionais da pública, consideran que o desembarco da súa especialidade nos centros de saúde debe ir acompañada dun “cambio de modelo” para evitar que o servizo “desborde” e lograr que “realmente funcione”.
"Pensemos que nas consultas estamos atendendo cada tres meses ou cada ano. Se isto permite atender ben cada semana, será ideal", sinala José Berdullas sobre as terapias grupais
“Queremos que Sanidade nos teña en conta á hora de deseñar como se vai artellar todo e que se conte tamén coas profesionais de Primaria. A idea é que sexa unha atención verdadeiramente comunitaria, non que un especialista dunha unidade de saúde mental do hospital apareza nun centro de saúde para unha consulta; ten que ser algo distinto”, asevera a presidenta da asociación, Marta González Rodríguez.
Por unha banda, as profesionais deixan claro que o tratamento grupal en Psicoloxía clínica é unha práctica máis que establecida dende hai anos e con moita evidencia; ademais de que pode resultar moi útil para certos pacientes, pois simplemente explotar o vínculo cos outros xa ten de por si efectos terapéuticos. Pero por outro lado, expresan as súas dúbidas sobre a capacidade do Sergas de captar o número necesario de psicólogos e psicólogas clínicas sen “mellorar as condicións” dos contratos.
“Non hai que avaliar a importancia da terapia grupal, é certo que nun mesmo espazo se pode atender a máis xente, e iso pode ser bo. O que hai que apuntar é que cada psicólogo ou psicóloga clínica será quen decida os pacientes que corresponda atender nunha terapia grupal”, sinala o vogal da Xunta de Goberno do COPG José Berdullas, quen destaca como aspecto positivo que os pacientes de saúde mental que poidan acudir a terapias grupais é probable que sexan atendidos con máis frecuencia: “Pensemos que nas consultas estamos atendendo cada tres meses ou cada ano. Se isto permite atender ben cada semana, será ideal”.
"Tal e como está agora mesmo o sistema, non estamos sendo capaces de dar a resposta que deberamos dar, e que nos gustaría dar", di Marta González
No Colexio de Psicoloxía están pendentes dunha reunión coa Consellería de Sanidade que aínda non ten data e non dispoñen de ningún prazo por parte do departamento liderado por Caamaño sobre a incorporación de máis profesionais desta especialidade aos centros de saúde. “Entendemos que debera ser coa máxima présa, o problema é que na atención en Psicoloxía clínica xa imos vinte anos tarde”, asegura Berdullas.
“A situación é complexa e os datos son alarmantes. Temos un consumo de psicofármacos moi elevado e aumenta o número de consultas pero non somos capaces de dar resposta a elas. Tardamos moitísimo en manter unha primeira consulta e en manter un seguimento, que acaba parecendo unha primeira consulta de novo. Tal e como está agora mesmo o sistema, non estamos sendo capaces de dar a resposta que deberamos dar, e que nos gustaría dar”, critica a presidenta da Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas.
Marta González incide en que as terapias grupais non quitarán que exista un traballo individual cos pacientes, ou noutros formatos como terapia familiar ou de parella. “Vai ser importante que as intervencións e os tratamentos en Atención Primaria sexan breves, focalizados no problema e restrinxidos no tempo. Pero o formato concreto terá que valoralo o psicólogo clínico”, explica.
Na reunión que a Asociación de Psicoloxía Clínica do Sergas mantivo con Sanidade a propósito desta cuestión abordouse de forma superficial como terá que ser o modelo desta atención. Neste sentido, o primeiro é decidir como van chegar os pacientes a esas consultas coas psicólogas e psicólogos. “Estamos nun momento, dende que foi a pandemia, no que hai moita máis conciencia da saúde mental por parte das persoas, o que implica unha demanda importante. Pero hai que ver que cousas teñen que recibir unha intervención, algo que terá que decidir o psicólogo clínico, quen terá que traballar cos pediatras e cos médicos de familia para que sexa un traballo comunitario”, debulla González.
“Temos que facer a Psicoloxía clínica accesible á poboación, e empezar a dar respostas rápidas para evitar un maior sufrimento”, abunda Berdullas. "Cos tempos que manexamos non se pode seguir ningún tratamento psicolóxico eficaz", afirma González
Galicia encabeza o consumo de ansiolíticos a nivel estatal, un dato que tamén vén marcado polas dificultades no acceso ás consultas de saúde mental na sanidade pública. “O consumo de psicofármacos axuda en moitos casos a diminuír un pouco a sintomatoloxía, pero non pon en marcha os recursos propios para intentar solucionar problemas, que coa terapia si se poderían activar. Cos datos de listas de espera das unidades de saúde mental actuais, cando as persoas chegan a conseguir unha cita, en moitos casos o problema xa é crónico. Cos tempos que manexamos non se pode seguir ningún tratamento psicolóxico eficaz, aínda que os compañeiros destas unidades é incrible, pero moi frustrante tamén. Se se puidera actuar de forma rápida no inicio, limitaríase tanto o consumo de psicofármacos como o tempo das baixas”, defende Marta González. “Temos que facer a Psicoloxía clínica accesible á poboación, e empezar a dar respostas rápidas para evitar un maior sufrimento”, abunda José Berdullas.