"Se unha persoa ten que agardar un ano por unha cita co psicólogo clínico, a súa situación pode empeorar moito"

Un médico de Atención Primaria na súa consulta CC-BY-SA Xunta

Dende hai anos o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), ao igual que outras entidades, coma o Movemento Galego pola Saúde Mental, vén denunciando as eivas existentes na atención á saúde mental en Galicia, especialmente as que se refiren ás primeiras consultas. Hai dúas semanas o Colexio puxo cifras ás demoras que os e as pacientes están a soportar nas distintas áreas sanitarias, que poden chegar ata os doce meses en Vigo, A Coruña, Santiago e Ferrol

Os 100 novos psicólogos clínicos que demandamos deixaríannos aínda por debaixo da ratio recomendada pola OMS, pero si facilitarían o acceso directo á atención para moitas persoas

As esperas tamén se incrementan no tempo entre consultas, o que dificulta o seguimento das doenzas e poden levar a moitas persoas que están a sufrir problemas graves de saúde mental a renunciar a pedir citas cos psicólogos clínicos ou a deixar o tratamento. A falta de recursos está a provocar ademais un incremento do número de persoas a agardar por unha cita, 11.108 neste momento, un 22% máis que hai un ano, segundo as estatísticas do Sergas.

O Plan de Saúde Mental aprobado pola Xunta en 2020 e que caducou no ano 2024 supuxo unha importante inxección de recursos e incrementou o número de profesionais no Sergas con 45 novas prazas. Porén, a ratio de psicólogos e psicólogas por habitante na rede pública está aínda moi lonxe dos niveis mínimos recomendados pola OMS (12 por cada 100.000 habitantes). En Galicia a ratio móvese entre os 4/100.000 de Pontevedra, Vigo ou A Coruña e os 7 de Ferrol.

Xosé Berdullas, vogal da Xunta de Goberno do Colexio de Psicoloxía de Galicia © COPG

"É importante incorporar máis profesionais, pero sobre todo é importante onde metelos. O lugar de acceso fundamental para a xente é a Atención Primaria, o lugar onde acudimos cando nos atopamos mal e nos atende unha médica de familia, unha enfermeira e, por que non?, un psicólogo"

O Colexio de Psicoloxía demanda da Xunta a actualización do Plan Estratéxico de Saúde Mental e a incorporación de cen novas prazas de especialistas en Psicóloxía Clínica que deben reforzar a Atención Primaria para permitir unha atención máis próxima nos propios centros de saúde. A cifra permitiría a existencia dun especialista cada catro centros de saúde. O COPG reclama participar na elaboración da nova estratexia na procura da mellor calidade do sistema. Falamos con Xosé Berdullas, vogal da Xunta de Goberno do Colexio de Psicoloxía de Galicia.

O Plan de Saúde Mental de 2020 supuxo unha importante mellora, pero semella que insuficiente á vista dos datos e da situación que denunciades dende o Colexio. Fan falla máis profesionais?

O Plan Galego de Saúde Mental foi efectivo nese sentido, cun aumento do 50%, pero partiamos dunhas ratios de vergoña comparados co resto do Estado e aínda seguimos por detrás. Xa en 1997 falábase de que eran necesarios en Galicia 170 ou 180 psicólogos clínicos. Xa choveu dende entón, e houbo unha crise económica, unha pandemia e un cambio na consideración social sobre a atención á saúde mental, polo que as necesidades son maiores. E a pesar deste aumento do 50% estamos por debaixo do 80% do que se dicía hai case trinta anos.

"Cando unha persoa decide acudir ao seu médico, o problema de saúde mental que sofre leva xa tempo aí. E se a isto engadimos outro ano máis de espera pola cita co psicólogo clínico, nese ano a situación seguramente empeora moito"

As 100 novas prazas de especialistas en Psicoloxía Clínica que demandades solucionarían o actual problema das longas esperas?

En Galicia temos 5,2 psicólogos por cada 100.000 habitantes e a OMS recomenda 12 por cada 100.000 habitantes. Os 100 novos psicólogos clínicos que demandamos deixaríannos aínda por debaixo da ratio recomendada pola OMS, pero si facilitarían o acceso directo á atención para moitas persoas. É importante incorporar máis profesionais, pero sobre todo é importante onde metelos, porque necesitamos que os profesionais de Psicoloxía Clínica sexan accesibles á poboación. O lugar de acceso fundamental á saúde para a xente é -ou debería ser- a Atención Primaria, o centro de saúde, o lugar onde acudimos cando nos atopamos mal e nos atende unha médica de familia, unha enfermeira e, por que non?, un psicólogo.

O aumento da espera por unha primeira consulta pode provocar un agravamento de problemas que se poderían ter controlado mellor cunha consulta máis temperá?

Cando unha persoa decide acudir ao seu médico na Atención Primaria e pide ou suxire que o manden ao seu psicólogo clínico, o problema de saúde mental que sofre leva xa tempo aí. Cando temos un problema así seguramente primeiro tentamos resolvelo na casa, coa familia, cos amigos... E cando solicitamos outra axuda seguramente é porque xa levamos varios meses sufrindo. E se a isto engadimos outro ano máis de espera pola cita co psicólogo clínico, nese ano a situación seguramente empeora moito. O acceso inmediato é fundamental; primeiro, porque permite detectar; segundo porque permite iniciar un tratamento de forma máis rápida, que será por iso moito máis eficaz, máis breve no tempo e en formato grupal.

"Temos unha adolescencia un pouco abandonada pola sociedade. Son rapaces e rapazas que non son máis nin menos capaces que os rapaces e rapazas de antes pero viven nun mundo que é máis complicado: o mundo das redes sociais, da ditadura da imaxe"

O problema afecta a toda a poboación, pero dende o Colexio precúpavos especialmente algún colectivo? Adoito destacades o incremento de problemas de saúde mental na adolescencia e na infancia...

Preocúpanos calquera sector vulnerable,  en xeral todas as persoas que están soas e tamén a infancia e a mocidade. Temos unha adolescencia un pouco perdida, un pouco abandonada pola sociedade e temos que acompañala. Falamos da 'xeración de cristal' e iso é algo que me molesta tremendamente. Son rapaces e rapazas que non son máis nin menos capaces que os rapaces e rapazas de antes, seguramente teñen capacidades distintas, e viven nun mundo que é máis complicado: o mundo das redes sociais, da ditadura da imaxe. Os adolescentes necesitan que os adultos non esteamos presentes sempre, pero si que teñamos dispoñibilidade.

Hai algún outro sector da poboación que está a sufrir problemas de saúde mental e que non está ser correctamente atendido?

Hai outro campo que creo que deberíamos introducir na Atención Primaria, que é o das mulleres vítimas de violencia de xénero. Non digo que todas teñan que pasar por un psicólogo clínico, pero quizais si as que o están pasando mal, as que están bloqueadas por unha situación complicada. E sen que esta atención se teña que vehiculizar a través do xulgado. Todos sabemos que se estamos mal podemos acudir ao centro de saúde que temos a carón da casa. Pois coa saúde mental debería ser igual.

"A saúde mental é unha cuestión na que o contexto social é fundamental e hai que prestarlle atención a ese contexto. Temos que preguntarnos como de coidada está a nosa poboación a nivel social"

As cifras de espera polas consultas varían moito entre unhas e outras áreas sanitarias. Onde se dan as situacións máis graves?

As grandes cidades, como A Coruña, Santiago e Vigo teñen listas de espera para unha primeira consulta que chegan a superar o ano. E en canto á atención á infancia preocúpanos clarisimamente Ferrol, cun tempo entre consultas duns doce meses, que se é moito tempo na vida dun adulto, é moito máis na vida dun neno.

Dende o Colexio alertades da mala saúde mental da poboación galega e calculades que un 33% das mulleres e un 21% dos homes están a sufrir problemas desta índole. É unha cifra elevada en relación a outros momentos ou a outros territorios?

Non che podo contestar se é moito ou pouco en relación con outros momentos, o que está claro é que é demasiado. Temos a moita xente sufrindo ou nunha situación potencial de sufrimento grave. A saúde mental é unha cuestión na que o contexto social é fundamental e hai que prestarlle atención a ese contexto. Temos que preguntarnos como de coidada está a nosa poboación a nivel social. Cando unha persoa se atopa en risco de pobreza, a saúde mental está en risco. Polo tanto sabemos que a solución non pasa só por contratar profesionais, senón por dar á persoas condicións de vida dignas. Cando unha persoa ten un emprego digno, acceso a unha vivenda e a seguridade de que vai poder dar de comer a súa familia, a súa saúde mental inmediatamente mellora.

"Estamos moitas veces nunha situación de impotencia, de saber que poderiamos axudar as persoas que temos diante, pero que o sistema neste momento non nos permite atendelos"

A actual falta de recursos e de persoal aféctavos negativamente tamén aos profesionais? Sufrides unha saturación no voso traballo diario?

Nós o que estamos pedindo dende hai anos non é unha mellora das condicións de traballo para nós, que tamén, evidentemente. Senón unha mellora nas condicións nas que atendemos as persoas. Nós estamos en contacto diario co sufrimento das persoas, con persoas que o están pasando moi mal e nós tamén tamén necesitamos sentir que o que facemos serve para algo. Estamos moitas veces nunha situación de impotencia, de saber que poderiamos axudar as persoas que temos diante, pero que o sistema neste momento non nos permite atendelos. E esta é a parte frustrante.

En 2020 a Xunta aprobou o Plan Galego de Saúde Mental con melloras importantes (45 novas prazas para especialistas en Psicoloxía Clínica), en resposta ás demandas que levábades tempo realizando os profesionais. Credes que agora vai tamén atender as vosas suxestións?

Entendemos que o contrario sería inaceptable. A Xunta, como administración competente, ten que mirar pola saúde da poboación. Unha parte da poboación sofre problemas de saúde mental, e os que sabemos de saúde mental e de psicoloxía somos os profesionais representados no Colexio. Neste senso, entendemos que a Xunta ía elaborar o Plan de Saúde Mental para os próximos anos e que ían contar con nós. Esa era a promesa, en principio xa no primeiro trimestre do ano. Agora xa non sabemos cando será. Esperemos que nos chamen, en todo caso nós seguiremos demandándoo e denunciando o que faga falta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.