Un informe do Defensor del Pueblo sobre o sanatorio privado La Robleda, que ten un concerto co Sergas, non atopa xustificación ao tempo que permanecen atados, illados e con tratamentos de varios fármacos en doses elevadas os preto de cen doentes ingresados
Cando a delegación do Defensor del Pueblo apareceu pola porta do sanatorio psiquiátrico La Robleda en Santiso (O Pino) había unha psicóloga para as 94 persoas ingresadas. Unha muller levaba ingresada alí once anos e outra tratara de denuniciar abusos sexuais sen que lle prestaran atención. Era 25 de setembro de 2024 e 42 doentes estaban alí de forma involuntaria. É dicir, que o 61% dos pacientes (asumindo que tiñan 69 persoas internadas na área de Psiquiatría) accederan contra a súa vontade, unha ducia de mulleres e trinta homes.
Neste centro privado do grupo Hestia Alliance, con sede en Barcelona, hai persoas ingresadas desde hai máis de vinte anos. A Consellería de Sanidade ten un acordo co sanatorio, polo que unha vintena de camas se destinan para pacientes derivados do Sergas. Os técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención (MNP) constatan a “mala praxe” clínica, a vulneración de dereitos fundamentais, a falta de persoal e o incumprimento de normativas a respecto das contencións mecánicas, de uso “habitual” en La Robleda.

Un informe do Defensor del Pueblo, avanzado por El País e ao que tivo acceso Praza.gal, revela que desde a zona de control do sanatorio, onde están as pantallas de televisión, “tense visualización directa do que ocorre no interior de todos os cuartos da planta de psiquiatría durante as 24 horas do día”, o que para os técnicos do MNP “supón unha violación do dereito á intimidade e privacidade recollido na Convención das Nacións Unidas das Persoas con Discapacidade”. Unha circunstancia que consideran “especialmente irregular”, xa que non figura na documentación oficial do centro: “É dicir, que nin no regulamento interno, nin no plan de autoprotección, nin no plan de acollida, nin na información e normativa para os pacientes se informa de que se realice tal videogravación”.
Os técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención constatan a "mala praxe" clínica, a vulneración de dereitos fundamentais, a falta de persoal e o incumprimento de normativas a respecto das contencións mecánicas, de uso "habitual" en La Robleda
No marco do programa de saúde mental do Mecanismo Nacional de Prevención, en coordinación coa Área de Sanidade e Política Social do Defensor del Pueblo, realizouse os días 25 e 26 de setembro do ano pasado unha visita para “examinar as condicións xerais nas que se atopan as persoas ingresadas nese centro e os procedementos destinados a garantir os seus dereitos fundamentais”. Igual que sucedeu en novembro de 2017 coa visita sorpresa ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, cando se detectaron todo tipo de eivas e vulneracións de dereitos fundamentais das persoas alí ingresadas. Unha visita que case oito anos despois segue a ter consecuencias e sobre a que aínda non se tomaron todas as medidas pertinentes.
No informe da Robleda, que foi remitido á Consellería de Sanidade, os técnicos do MNP lembran que previr a tortura e outras formas de malos tratos no ámbito da saúde mental supón un traballo de mellora continua de todas as institucións e administracións involucradas, e esixe identificar e revisar prácticas e patróns de conduta profundamente enraizadas. Por este motivo se realizan as visitas a centros nos que as persoas están privadas de liberdade. Neste caso, un centro privado sobre o que ten unha responsabilidade directa a Xunta, administración pública que debera encargarse da súa inspección e de que funciona conforme á autorización que lle outorgaron para permanecer aberto.
A primeira eiva que observan é que a estancia media global, de 187,05 días, “está por enriba da estancia media de hospitalización en Psiquiatría” en Galicia. “Á espera doutro recurso, que adoita tardar moito en adxudicarse, é posible que o paciente psiquiátrico quede anos no centro, a pesar da súa estabilidade clínica”, sinalan para matizar que non é un feito “imputable completamente ao centro”. Neste sentido, o Defensor del Pueblo, institución que dirixe Ángel Gabilondo, recomenda que no ámbito galego a Xunta desenvolva “programas de atención en espazos abertos de día e programas adecuados de intervención preventiva en domicilio”.

Practicamente todos os pacientes que entrevistaron na visita ao sanatorio descoñecían o tratamento farmacolóxico que estaban a recibir
No regulamento do sanatorio consta a “priorización da inserción na comunidade” como parte importante do seu enfoque. Porén, no informe critícase que “esta importancia formal que se dá ás medidas de inserción comunitaria contrasta co feito de que non se conte cun procedemento específico para deseñar un plan de rehabilitación individualizado para cada paciente”. Ademais, os técnicos que visitaron La Robleda destacan que practicamente todos os pacientes que entrevistaron descoñecían o tratamento farmacolóxico que estaban a recibir, cun elevado número de doentes recibindo múltiples antipsicóticos e outros fármacos con doses "fóra da ficha técnica".
Para os técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención os internamentos involuntarios de longa duración –26 ingresados involuntariamente atópanse nesta situación desde 2023 ou antes– na Robleda “non son xustificables”. Detallan que en “ningunha enfermidade mental prodúcense descompensacións de duracións tan longas”. Poñen o exemplo dunha paciente que leva “once anos ingresada de forma involuntaria” a pesar de que na súa “historia se reflicte a súa estabilidade clínica”, e doutro doente que permanece ingresado cando nas notas clínicas do seu caso “a frase ‘sen cambios’ do evolutivo repítese 1.798 veces”.
"Non se atopa xustificación clínica para que un paciente requira tratamento en réxime de ingreso durante anos"
“Con carácter xeral, non se atopa xustificación clínica para que un paciente requira tratamento en réxime de ingreso durante anos. E é que o habitual é que, unha vez superada a fase máis aguda, sexa posible o tratamento ambulatorio”, insístese no informe do Defensor del Pueblo.
No rexistro de contencións da Robleda os técnicos observan “que existen contencións que se manteñen durante semanas”, un extremo que corroboran polos testemuños das persoas ingresadas. Contan como chegan a desatar a unha persoa para que poida realizar a súa hixiene persoal e vólvena atar a continuación. Casos de doentes nove días atados, seguidos de tres días máis de illamento habitacional. Unha vulneración grave dos dereitos básicos das persoas ingresadas.
“O uso de contencións mecánicas constitúe unha práctica habitual neste centro sociosanitario”, certifica o informe, que recomenda á Xunta “que se tomen medidas concretas para desalentar a aplicación de contencións nas unidades de saúde mental, centros residenciais e/ou sociosanitarios”. Ademais, durante a visita ao sanatorio confirman que non existe un protocolo ben establecido e operativo para poder denunciar situacións de violencia ou malos tratos.
O Defensor del Pueblo solicita a revisión "integral e urxente" dos protocolos de contencións das unidades e centros de saúde mental en Galicia
Unha das doentes coas que se entrevistaron no centro de Santiso relatou como fora vítima de abusos sexuais mentres estaba atada. Solicitan que o centro investigue estes feitos, a pesar de que as inscricións na historia clínica da muller recollen medidas que non chegaron a levar a cabo, ou polo menos non consta así nos rexistros. Durante a visita tamén confirmaron que non existe un protocolo ben establecido e operativo para poder denunciar situacións de violencia ou malos tratos.
Para o Defensor del Pueblo resulta prioritario o avance cara ás contencións cero, é dicir, cara á erradicación de contencións nesta tipoloxía de centros, como medida de prevención de tratos inhumanos e degradantes. “Trátase dun cambio de paradigma que pon en valor a dignidade humana e, neste sentido, considera que as contencións mecánicas e farmacolóxicas son limitantes de dereitos, que constitúen un risco de malos tratos, e que son potencialmente traumáticas a nivel físico, psicolóxico e/ou cognitivo”, trasladan no informe que xa está a estudar Sanidade.
O Defensor del Pueblo solicita a revisión “integral e urxente” dos protocolos de contencións das unidades e centros de saúde mental, conforme ás pautas establecidas pola Fiscalía Xeral do Estado en 2022, e insta a Xunta a tomar medidas concretas para “desalentar” a aplicación de contencións, sexan mecánicas ou farmacolóxicas, nas unidades de saúde mental e nos centros residenciais e sociosanitarios públicos ou privados, “garantíndose que en ningún caso sexa prescrita de maneira xenérica, senón individualizada en persoa e tempo, e nunca como sanción ou castigo nin como medida terapéutica”.
O Movemento Galego da Saúde Mental vén criticando a escasa formación sobre dereitos e bioética para as profesionais do Sergas e constata que, a pesar dos avances, as medidas tomadas contra o uso de contencións son "totalmente insuficientes"
Desde os seus inicios, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) solicita o cese desta práctica coercitiva. A agrupación está a estudar profusamente o informe do Defensor del Pueblo e nos vindeiros días trasladará a súa valoración e as accións pertinentes, da mesma maneira que fixo en 2023 coa publicación dunha proposta de plan para a erradicación das contencións mecánicas nos servizos de saúde mental.
Xa en 2018 o MGSM mobilizouse para denunciar existencia na planta de hospitalización psiquiátrica da Coruña dun cuarto expresamente utilizado para as contencións, e logrou a eliminación dese tipo de espazos. Despois, conseguiron introducir no Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 (2020-24) a necesidade de “avanzar na contención cero”, que tamén aparece en diferentes instrucións internas do Sergas. Porén, critican a escasa formación sobre dereitos e bioética para as profesionais da sanidade pública galega e constatan que, a pesar dos avances, as medidas tomadas son “totalmente insuficientes”.
Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública sinalan que esta situación demostra “os riscos de enviar pacientes da sanidade pública a centros privados concertados” e dá conta do “abandono e deterioración” da saúde mental no noso país. “A Xunta, coa súa estratexia privatizadora de reducir recursos públicos e concentrar a atención en centros privados deteriorados e non sometidos a control, incumpre coa obrigación de respectar un dereito esencial á saúde como é a saúde mental”, inciden.
A deputada do BNG Iria Carreira xa avanzou que a formación nacionalista presentará distintas iniciativas no Parlamento para “exixir responsabilidades ao Goberno do PP” e que reclamará “transparencia”. Carreira afirma que os feitos destapados polo Defensor del Pueblo “dan mostra da escasa preocupación que ten a Xunta pola saúde mental e polas pacientes psiquiátricas”, permitindo que sucedan “nun centro que –lembra– ten financiamento público por ter servizos concertados”.