A inspección interna que a Xunta fixo en Conxo obviou unha denuncia de agresión sexual formulada polo Defensor del Pueblo

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago CC-BY-SA Jglamela

O responsable estatal contra a tortura denunciouno á Fiscalía co coñecemento de Sanidade tras visitar o psiquiátrico en xullo, pero os inspectores da consellería nada recolleron no documento de 4 páxinas que remataron dous meses despois

A comezos do pasado mes de xullo representantes do Defensor del Pueblo, responsable en España do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, visitaron durante tres días o psiquiátrico de Conxo. En ocasións anteriores xa detectaran e comunicaran á Xunta graves irregularidades e vulneracións de dereitos dos pacientes que non estan a obter resposta do Goberno galego. Pero nesa visita ademais, segundo vén de revelar agora o informe anual do Defensor del Pueblo, un interno comunicoulles que fora “agredido sexualmente por un traballador asociado ao centro”. 

O Defensor del Pueblo, con coñecemento da Área Sanitaria de Santiago e de responsables do hospital, denunciouno ante a Fiscalía, pero nada sobre a existencia desa denuncia, o proceso seguido pola mesma ou o seu eventual desbote foi incluído no informe de catro páxinas co que concluíu unha inspección interna do psiquiátrico realizada pola Consellería de Sanidade tras aquela visita. Un documento revelado por Praza.gal en xaneiro que o Parlamento reclamaba que fose froito dunha auditoría externa, que Sanidade mudou nunha inspección interna e que aínda así reflectiu a existencia de instalacións deficientes, contención mecánica de doentes ou doses “elevadas” de fármacos.

Informe anual do Defensor del Pueblo que desvela unha denuncia de agresión sexual a un interno de Conxo © Defensor del Pueblo

Segundo o informe anual do Defensor del Pueblo, na visita do seu persoal a Conxo realizáronse “varias entrevistas con persoas enfermas ingresadas”. “No curso dunha delas, a persoa entrevistada manifestou ante o director [do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura] e a técnica externa psicóloga actuante, ter sido agredido sexualmente por un traballador vinculado ao centro”, sinala o documento, que relata como “o paciente, ademais de parecer estar moi afectado emocionalmente, tería acudido a consulta médica para ser tratado de dores e outras cuestións relacionadas coa agresión presuntamente sufrida”.

O persoal do Defensor del Pueblo referiulle o ocorrido ao xefe de servizo do hospital -o informe anual reflicte como o máximo responsable do hospital rexeitou atendelos ata o terceiro e último día da súa visita-. Ademais, tal e como está obrigado cando teña coñecemento dun posible delito, denunciouno ante a Fiscalía, xunto cunha “denuncia do xefe do servizo de psiquiatría da Área Sanitaria de Santiago”. O informe anual do Defensor agora feito público sinala como o seu persoal insistiu en falar co máximo responsable do hospital para comunicarlle os “feitos moi graves” que un paciente lles revelara e que reclamaban “actuacións concretas e urxentes pola súa parte”. “Pese a iso, a actitude continuou sendo pouco colaboradora”.

Sanidade inspeccionou o psiquiátrico de Conxo tras a nova visita sorpresa do Mecanismo de Prevención da Tortura ao centro e cando xa pasaran catro anos dende que este departamento do Defensor del Pueblo sinalara eivas que o Parlamento pediu solucionar en reiteradas ocasións

Malia ese coñecemento da denuncia por parte de varios responsables do hospital e da área sanitaria, e do fincapé que fai o Defensor del Pueblo como o máis relevante desa visita, nada se incluíu ao respecto no informe da inspección interna que Sanidade fixo ao psiquiátrico de Conxo días despois daquela visita. O Defensor xa levaba advertindo de problemas alí desde 2018, e en marzo do pasado ano o Parlamento de Galicia, por unanimidade e tras varias peticións previas, deu á Xunta seis meses para reverter as deficiencias e facer despois unha auditoría externa. Pero Sanidade non actuou ata despois da nova visita de xullo do Defensor. 

Foi o 4 de agosto cando a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios pediu á Xerencia da área sanitaria de Santiago diversa documentación sobre os pacientes que había en Conxo en xullo, cando a visita do Defensor. Documentación que non recibiu ata o 31 de agosto. Os inspectores de Sanidade visitaron o centro o 3 de setembro, e o 13 de setembro asinaron o seu informe, un documento de 4 páxinas que a consellería presenta como a auditoría externa que lle reclamou o Parlamento.

Fragmentos do "informe auditoría" que a inspección do Sergas fixo sobre Conxo tras a visita do Defensor del Pueblo e que Praza.gal desvelou o pasado xaneiro CC-BY-NC-SA Praza.gal

Porén, malia considerar o Defensor del Pueblo a denuncia de suposta agresión sexuais o máis relevante da súa visita apenas un mes antes, ata o punto de requirir insistentemente a presenza no centro do seu máximo responsable para falar dese aspecto en persoa, a inspección realizada por Sanidade nada di ao respecto.

Ese documento, desvelado por Praza.gal o pasado xaneiro, si segue a constatar eivas no hospital catro anos despois de que o Defensor puxese nel o foco por primeira vez. O documento fala de “pautas posolóxicas elevadas” nos tratamentos farmacolóxicos dalgúns pacientes, da necesidade de “reforzar con persoal de enfermaría” algunhas unidades e horarios, de que o hospital "non dispón dun protocolo propio do centro sobre contención" dos pacientes senón que emprega un xeral, tampouco ten unha “normativa escrita que regule a saída dos pacientes" senón que "o réxime de saídas se realiza atendendo á valoración que realiza o equipo asistencial dos pacientes" en cada caso e que hai “certas deficiencias nas condicións do edificio”. 

Fronte a esa visión da propia Xunta, este diario tamén recabou hai un tempo a visión de persoal do propio psiquiátrico de Conxo. "Hai problemas e faltan recursos humanos e materiais pero non hai maltrato; a xente é atendida con cariño", relataban tres persoas que traballan alí.

Denuncia do Defensor del Pueblo no seu último informe anual da actitude "pouco colaboradora" do responsable do hospital © Defensor del Pueblo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.