O Defensor del Pueblo localiza abusos sexuais na Igrexa por toda Galicia

Un cruceiro nunha vila galega e mapa e táboa dos abusos sexuais na Igrexa identificados polo Defensor del Pueblo CC-BY-SA Imaxe: Xunta de galicia | Montaxe: Praza Pública

Estima que o 1% das persoas sufriu abuso sexual infantil nun ámbito relixioso e identifica 42 lugares en Galicia nos que houbo polo menos un caso, indicando que a arquidiocese de Santiago foi das máis colaboradoras e a de Mondoñedo-Ferrol, das que menos

O Defensor del Pueblo puxo este venres sobre a mesa do Congreso os resultados da primeira grande investigación oficial sobre os abusos na Igrexa católica. O informe, baseado principalmente nos testemuños de case 500 vítimas en entrevistas pero tamén en investigacións xornalísticas de medios como El País, da propia Igrexa ou de organismos oficiais, estima en máis de 400.000 o número de persoas que puideron sufrir estes abusos no ámbito relixioso en España

Así, e segundo os datos, o Defensor indica que o abuso sexual infantil cometido no ámbito relixioso afectou no Estado a un 1,13% das persoas adultas e que os abusos cometidos por un sacerdote ou relixioso católico abranguen un 0,6%, xa que "parte das persoas abusadas" nese ámbito "tiveron como agresoras persoas laicas" ou os feitos "tiveron lugar no seo de confesións distintas á Igrexa católica". 

O informe do Defensor identifica 42 lugares en Galicia nos que houbo polo menos un caso e aclara que por cada localización que sinala puido haber máis dun abuso. A maioría dos casos no territorio galego sucederon en colexios relixiosos, aínda que tamén se inclúen nos datos parroquias ou residencias, como se pode comprobar no mapa interactivo que acompaña a información. 

O Defensor sinala que a xerarquía eclesiástica mirou para outro lado ou minimizou o problema: "O que ocorreu foi posible polo silencio"

Ademais, a investigación destaca que a xerarquía eclesiástica mirou para outro lado ou minimizou o problema. "O que ocorreu foi posible polo silencio", dixo en rolda de prensa o Defensor del Pueblo, Ángel Gabilondo, que tamén reprochou a súa actitude aos poderes públicos por carecer durante anos de procedementos axeitados para "previr, detectar e reaccionar" contra unha situación que afectou, sobre todo, aos centros escolares da Igrexa. Así, propón a creación dun "fondo estatal" para o "pago de compensacións en favor das vítimas"

A maioría destas vítimas coñecidas, segundo o estudo, son homes e só unha pequena parte das persoas acusadas de ter cometido abusos foron xulgadas por parte das autoridades civís. "A maioría foron mantidas nos seus postos, trasladadas ou, en menor media, xulgadas a través do Dereito Canónico", di o informe. 

No caso de Galicia, a unidade de atención desprazouse ao país entre o 29 e o 30 de novembro de 2022 para realizar 13 entrevistas. Ademais, como no resto de territorios, obtivéronse tamén datos a través doutros testemuños e de fontes de investigacións diversas. 

Á hora de identificar os lugares, o informe aclara que se especifica o centro escolar "onde se estableceu formalmente a relación vítima-agresor" aínda que o "feito abusivo se producise durante unha excursión, convivencia ou campamento organizado polo colexio ou nun domicilio particular". O mesmo procedemento se dá no caso das parroquias cando ese era "o contexto qeu reunía vitima e agresor aínda que os feitos se desen fóra do espazo parroquial". 

"Cada localización non implica necesariamente un só agresor e unha soa vítima. De feito, hai centros educativos que inclúen casos de varios agresores e con varias vítimas no mesmo ou diferente período de tempo; parroquias cun agresor e numerosas vítimas, etc.", aclara o informe. "De igual modo, aínda que sexa excepcional, un agresor pode ter xerado distintas localizacións ao actuar en sitios diferentes con vítimas sucesivas", engade. 

No caso de Galicia, achéganse localizacións de abusos sexuais en numerosos centros escolares relixiosos de diferentes ordes, pero tamén en centros de acollida, internados, parroquias ou seminarios, ademais de nalgún domicilio particular. 

Comunicación de casos ao Defensor por parte dos bispados galegos

O informe do Defensor del Pueblo relata tamén as respostas obtidas ás súas peticións de información aos bispados galegos, á marxe das xestións feitas coas ordes relixiosas cando eran estas as directamente implicadas. A diocese peor parada é a de Mondoñedo-Ferrol, que sitúa entre un grupo de bispados de toda España que "non subministrou practicamente información dos casos que recoñece, nin sobre agresores, nin vítimas, nin abusos, nin lugar ou tempo". Esa diocese foi polémica ao transcender hai un ano que o seu protocolo de prevención de abusos pedía aos cregos non poñerse "en situacións de risco".

No caso desa diocese e da de Lugo sinala que dan conta dalgún procedemento canónico aberto no pasado sen que existise procedemento no sistema xudicial. "Son habitualmente casos prescritos ou nos que faleceu o agresor e se abriu unha investigación previa, posteriormente arquivada", explica o informe.

Sobre a diocese de Tui-Vigo dise que "non atopou ningún caso nos seus arquivos diocesanos entre 1950 e 2001, sendo todos posteriores a este último ano", pero que non contestou a unha segunda petición de información preguntando se revisara o "arquivo secreto", nos que a Igrexa ocultaba algúns casos. En todo caso, a diocese facilita unha información "moi detallada", di o informe, "aínda que falte o municipio dos feitos".

Da diocese de Ourense explica que se revisou "o arquivo da curia diocesana (carpetas do clero e dos bispos anteriores) e a memoria persoal do actual bispo desde 2012".

Ángel Gabilondo, Defensor del Pueblo, entrega o informe á presidenta do Congreso, Francina Armengol © Congreso dos Deputados / Povedano

A arquidiocese e as dioceses galegas comunicaron 15 casos de abusos de entre os moitos máis que recompila o Defensor

Canto á arquidiocese de Santiago, o informe sitúaa entre as tres, xunto con Xirona e Tarragona, que destacaron por "dar unha información suficientemente completa na primeira resposta ao Defensor", antes de que este tivese que dirixir unha segunda misiva á maioría das dioceses do Estado para requirir máis colaboración.

En definitiva, e segundo unha táboa achegada no informe en referencia ás respostas das entidades católicas, en Galicia foron comunicados un total de 15 casos de abusos sexuais por parte das dioceses e da arquidiocese: dous na de Lugo, catro na de Ourense, cinco na de Tui-Vigo, dous na de Mondoñedo-Ferrol e outros dous desde a xerarquía eclesiástica de Compostela. 

En canto aos agresores comunicados por estas dioceses e a arquidiocese compostelá en Galicia, a cifra é de 15 en total, once deles sacerdotes. Ademais, o número de vítimas nas dioceses galegas ascende a 23, a maioría menores de idade. 

Tamén fai referencia o informe ás respostas achegadas polos institutos relixiosos e sociedades de vida apostólica ao Defensor del Pueblo. No caso de entidades no ámbito galego, destácase que os Maristas informaron de máis de 50 casos de abusos, de 51 vítimas e de 33 agresores na súa Provincia Marista Compostelá, que inclúe as comunidades de Galicia, Asturias e Castilla y León. 

No que respecta ás indemnizacións a vítimas, o informe di que "poucas dioceses afirman ter pagado", polo que o Defensor destaca ás que si o fixeron, situando entre elas a de Tui-Vigo, cunha cifra de 44.000 euros.

Por último, canto á creación dunha oficina de recepción de denuncias e atención a vítimas, o informe indica que a arquidiocese de Santiago creouna o 21 de abril de 2020 para todas as súas dioceses dependentes, e posteriormente a de Mondoñedo-Ferrol abriu unha propia o 10 de febreiro de 2022.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.