O Tribunal Superior confirma os 32 anos e medio de cadea a un salesiano dun colexio de Vigo por abuso de menores

Exterior do colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo CC-BY-SA Concello de Vigo

Para o tribunal a tese de que puidera cometer os delitos outra persoa que defendeu a defensa do condenado “preséntase absolutamente fóra dos parámetros probatorios”

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 32 anos e medio de cadea imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un sacerdote dun colexio de Vigo por abusar de seis menores. Os maxistrados indican na resolución, na que rexeitan o recurso do salesiano, que a tese de que puido ser outra persoa quen tocou e abusou dos menores “preséntase absolutamente fóra dos parámetros probatorios” e subliñan que as probas psicolóxicas que se practicaron sobre o acusado “en nada impiden a realización de feitos como os que nos ocupan”. 

Ademais, aseguran que nas alegacións pretende “establecer sombras de dúbida canto ás declaracións das vítimas”, as cales, segundo o alto tribunal galego, cumpren con todos os parámetros de credibilidade e, ademais, están corroboradas pola proba pericial psicolóxica practicada aos afectados.

Festa colexial de María Auxiliadora no centro Salesianos de Vigo CC-BY Salesianos Vigo

En relación con que os feitos non se denunciasen de inmediato, os xuíces destacan que, segundo a súa experiencia, os abusos a menores “non sempre son denunciados de modo inmediato”. Ese atraso, segundo explican na sentenza, “obedece a moitas circunstancias, entre as que se poderían citar: o sentido de culpa, o medo a ser tratados como mentireiros ou a sensación de impunidade, tendo en conta a personalidade de quen realiza os abusos e a súa posición de dominio na contorna escolar e, diriamos tamén, no biolóxico, aínda que só sexa pola diferenza de idade”.

Os xuíces subliñan que este tipo de delitos “non sempre son denunciados de modo inmediato” e inciden en que a “superioridade do apelante sobre os menores” é “manifesta”

O TSXG tamén fai referencia ao argumento esgrimido no recurso en relación “cunha posible magnificación dos feitos”. Así, sinala que “a posibilidade de comentar todo o ocorrido antes do inicio das dilixencias penais vén dado polo contexto en que os feitos se producen, dous campamentos e un proceso de instrución por parte do colexio certamente innecesario”. A Sala subliña que o apelante, “que certamente non organizou nin a camiñada de Valga, nin o campamento de verán coa finalidade de practicar abusos”, aproveitouse “da circunstancia de ocupar as mesmas dependencias e compartir cos menores as noites dunha e doutra actividade, cunha maior facilidade para os seus fins derivada da confianza dos menores e das posibilidades de desprazamento que na súa condición de director e monitor tiña”.

A sede da Audiencia Provincial de Pontevedra nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Pvibahu

O TSXG recalca que “a superioridade ou prevalencia do apelante sobre os menores” é manifesta, pois lembra que se trata “dun profesor de relixión, director de actividades, monitor, director tamén das actividades da asociación Abertal, que só por tal condición xa se sitúa nun plano de superioridade indubidable sobre os alumnos e, concretamente, sobre as vítimas”. Os maxistrados, ademais, engaden que esa superioridade “éo tamén desde o propio recoñecemento que as vítimas fan do hoxe recorrente, precisamente considerando que é un segundo pai ou alguén en quen confiar e, por tanto, descartando de inicio calquera comportamento que puidese resultarlles prexudicial”.

A Sala destaca na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo, que a actuación con superioridade resulta eficaz porque “se desenvolve en contornas nas cales a dependencia das vítimas con relación ao recorrente non só se desenvolve no termo abstracto profesor/alumno, senón no plano concreto de quen dirixe a actividade ou é monitor de ela”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.