Santi Mina, futbolista do Celta de Vigo, vén de ser condenado a catro anos de prisión por un delito de abuso sexual contra unha moza na localidade almeriense de Mojácar en xuño de 2017. Os maxistrados da sección terceira da Audiencia Provincial de Almería absolveron o xogador do delito de agresión sexual, tal e como solicitaban Fiscalía e acusación particular, ao considerar que non acutou con violencia ou intimidación, pero consideran probados os abusos.
No ditame impúxoselle ao dianteiro celeste unha pena de liberdade vixiada durante cinco anos, unha indemnización de 50.000 euros e a prohibición, durante doce anos, de achegarse a menos de 500 metros da vítima ou comunicarse con ela. A defensa de Mina xa anunciou que recorrerá a sentenza ao considerar que non se atopa "axustada a dereito" e que ten "importantes erros na valoración das probas". Pola súa banda, o letrado da acusación particular anunciou tamén a presentación dun recurso e que solicitará o ingreso en prisión provisional do xogador, a quen o Celta apartou de maneira provisional do primeiro equipo.
Os maxistrados determinaron, ademais, a absolución do tamén futbolista David Goldar -ex-céltico e agora no Ibiza-, acusado na mesma causa en calidade de cooperador necesario.
A sentenza dá por probados os abusos polo "testemuño rotundo" da vítima, que contrasta coa "pouca credibilidade" da declaración "cambiante" de Santi Mina
A sentenza considera que quedaron probados os abusos sexuais logo de que a vítima facilitase na vista oral "un testemuño rotundo, abundante en detalles e coincidente no substancial e esencial co que previamente manifestara en sede policial e en sede de instrución". Ademais, entende que o testemuño de cargo quedou "corroborado por distintos e defintivios elementos probatorios", o que reforza a súa credibilidade.
Os maxistrados explican que a coherencia no relato da vítima contrasta con que Santi Mina, "na súa primeira declaración", negase "de forma categórica ter tocado tan sequera a vítima". Foi cando se atopou ADN seu na cavidade vaxinal cando "se viu obrigado a modificar a súa versión dos feitos e recoñecer qeu existiu penetración vaxinal". Por iso, a sentenza di que a versión do futbolista ten "pouca credibilidade" ao resultar "cambiante en función do devir das dilixencias de investigación".
Segundo a sentenza, a versión da vítima é corroborada pola declaración das testemuñas que deixan claro que "chegou claramente asustada, chorando, berrando e cun grande estado de ansiedade", un feito que, aclaran os xuíces, puido ser presenciado tanto polas dáusu tesmteuñas como pola facultativa que a asistiu inmediatametne despois da agresión.
O Celta decide apartar "de maneira cautelar" o xogador do primeiro equipo tras abrirlle expediente disciplinario
Respecto de que nos feitos probados non se inclúan a violencia ou a intimidación, aclara que vítima e acusados coinciden en que "transcorreron en moi breve espazo de tempo" e que logo da "penetración vaxinal cos dedos" e a petición da vítima de que parase e a deixen marchar, Mina "actúa conforme á súa petición". Isto non quere dicir, continúa o ditame, que previamente ao suceso "non se tivese consumado xa" o delito de "abuso sexual levado a cabo aproveitando as circunstancias concorrentes que o poñían nunha clara situacion de superioridade, actuando de forma sorpresiva e pola vía do feito".
Logo de coñecido o ditame na mañá deste mércores, o Celta emitiu un comunicado no que anuncia que abre un expediente disciplinario ao xogador "para dilucidar as súas responsabilidades laborais á vista desta resolución" e que, "de maneira cautelar", apártao dos adestramentos do primeiro equipo "sen prexuízo de que continue realizando as actividades que ao efecto lle indique o club".
A entidade celeste di "respectar o dereito de defensa do xogador", pero asegura que se "ve na obriga de tomar medidas fronte a aqueles feitos que menoscaban de forma notoria a imaxe do club e atentan directamente contra os seus valores", ademais de "mostrar unha vez máis o seu máis absoluto rexeitamento cara ao delito tipificado na resolución xudicial".
Ademais, nun vídeo difundido nas redes sociais, o presidente do Celta, Carlos Mouriño, amosou a súa "enérxica condena aos feitos acontecidos no día de hoxe cun xogador do primeiro equipo". Sen citar o futbolista, o máximo dirixente celtiña dixo "respectar moitísimo os dereitos das partes para os seus procesos xudiciais", pero aclarou que "os valores do Celta están por riba de todo". "Defenderémolos como os defendemos sempre", rematou.
De agresión a abuso sexual
O xuízo quedara visto para sentenza o 1 de abril logo de que a Fiscalía estimase que existía "un cúmulo" de "elementos probatorios" que acreditaban que o futbolista do Celta cometera unha agresión sexual. A defensa, pola súa banda, argumentou que quedara acreditado que a denunciante "prestou ao seu consentimento en todo monento".
Segundo o escrito da Fiscalía, Santi Mina entrou na caravana onde o seu compañeiro Goldar e a vítima mantiñan relacións sexuais e dirixiuse á muller coa seguinte frase: "Mira chica tú me gustas mucho y creo que deberíamos hacer algo". Tal e como asegura o devandito escrito, a moza constestoulle que estaba con Goldar, polo que Mina saíu e volveu entrar un minuto despois para, presuntamente, levar a cabo o que o Ministerio Fiscal considerou unha agresión sexual e que a sentenza reduce a abuso.
A vítima tería sufrido lesións físicas e estrés postraumático, feitos polos que a Fiscalía pediu oito anos de cadea para o dianteiro.
Durante o xuízo, a acusación particular asegurou que tanto Santi Mina como David Goldar terían ofrecido 400.000 euros á vítima para que se retractase na súa denuncia, mentres que a defensa do actual futbolista do Ibiza dixo que "foi ela quen se dirixiu (aos acusados) e puxo algún cero máis" para mudar a versión dos feitos.
Ademais, tamén se revelou que o dianteiro do Celta contratou un detective privado que seguiu a moza durante un tempo e que prestou testemuño durante o xuízo. Os avogados de Mina preguntáronlle, entre outras cousas, polo seu modo de vida e a roupa que vestía, ao que respondeu que "levaba unha vida social normal: ía ao cine, tomaba copas", ademais de especificar que levaba "saias e roupa axustada".