O protocolo de prevención de abusos sexuais a menores da diocese de Mondoñedo pide aos cregos non poñerse "en situacións de risco"

Celebración litúrxica na Catedral de Mondoñedo © Bispado de Mondoñedo

Recentemente, baixo o impulso do Papa Francisco, a Igrexa católica comezou a recoñecer e facilitar o debate sobre os abusos sexuais por parte de relixiosos, aínda que con algunhas resistencias

Os abusos sexuais a menores de idade no ámbito da Igrexa, en moitas ocasións silenciados e ocultados, comezaron a saír á luz nos últimos anos, grazas ás denuncias públicas presentadas e malia á resistencia da xerarquía eclesiástica. Recentemente, iso si, baixo o impulso do Papa Francisco, a Igrexa católica comezou a recoñecer e facilitar o debate sobre os abusos sexuais por parte de relixiosos. 

Tamén no ámbito político púxose en marcha no Congreso -cos únicos votos en contra de PP e VOX- unha comisión parlamentaria para investigar a pederastia na Igrexa. Esta comisión, malia espertar críticas na Conferencia Episcopal e no daquela presidente da Xunta e hoxe líder do PP no Estado, Alberto Núñez Feijóo (criticou que se investigue "só á Igrexa"), si contou co apoio público do arcebispo de Compostela, Julián Barrio. Finalmente, iso si, o PPdeG apoiou no Parlamento galego que se investiguen os abusos sexuais a menores na Igrexa, desautorizando as dúbidas expresadas por Núñez Feijóo.

Catedral de Mondoñedo CC-BY José Luis Cernadas Iglesias

As indicacións do protocolo están dirixidas "especialmente aos sacerdotes" pero tamén a todas aquelas persoas que realizan un labor pastoral directo con nenos e adolescentes, como catequistas, formadores, profesores ou monitores de campamentos

Con ese obxectivo de conseguir que a Igrexa católica sexa un "espazo seguro" para os menores de idade e de "loitar" contra os abusos sexuais, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol vén de facer público un Protocolo de prevención e actuación fronte a abusos sexuais a menores e persoas vulnerables, un documento de 32 páxinas redactado pola Comisión Protege  establecendo "dunha maneira sinxela e clara" as directrices a seguir na Igrexa mindoniense para "a prevención, detección, denuncia e actuación ante este tipo específico de malos tratos infantís". 

As indicacións están dirixidas "especialmente aos sacerdotes" pero tamén a todas aquelas persoas que realizan un labor pastoral directo con nenos e adolescentes, como catequistas, formadores, profesores ou monitores de campamentos, entre outros.

O documento obriga a que os candidatos a un posto de traballo presenten un certificado negativo do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e un documento no que manifesten "o seu rexeitamento persoal a todo tipo de abuso sexual"

O protocolo sitúa entre os seus obxectivos "ser cada vez máis consciente dos dereitos e necesidades dos menores e as persoas vulnerables e previr calquera forma de violencia física ou mental ou abuso que poida acontecer tanto nas relacións interpersoais como nas estruturas ou lugares de recreo dentro da mesma Igrexa". Así mesmo, promete "vivir unha leal colaboración coas institucións civís e axuda coas autoridades competentes cooperando con elas nas actividades de prevención e denunciando os abusos".

O documento obriga a que na "selección dos traballadores pastorais" da Diocese e das súas parroquias (sacerdotes, seminaristas, formadores, profesores, catequistas, monitores, adestradores, persoal auxiliar e de mantemento, voluntarios...) os candidatos presenten un certificado negativo do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e, ademais, un documento de responsabilidade persoal no que a persoa interesada no posto manifeste "o seu rexeitamento persoal a todo tipo de abuso sexual".

Declaración que deben asinar as persoas que opten a un traballo na Diocese de Mondoñedo © Diocese de Mondoñedo-Ferrol

O protocolo incorpora un "Código de boas prácticas para ambientes sans e seguros na Igrexa"

O protocolo, que define os distintos tipos de abusos de acordo co Código Penal, incorpora, ademais, un "Código de boas prácticas para ambientes sans e seguros na Igrexa" que busca "cultivar estilos sans de relacións interpersoais". O documento prohibe neste senso "infrinxir castigos corporais de calquera tipo", tamén "establecer unha relación preferente cun menor de idade" e "involucrarse en condutas inapropiadas ou sexualmente suxestivas". 

Pide non "poñerse en situación de risco ou claramente ambigua: entrar nos vestiarios, baños ou duchas mentres estean os menores, compartir habitación de hotel ou tenda de campaña, ou subir a un menor a soas nun coche"

"Están absolutamente prohibidos xogos, bromas ou castigos que poidan ter connotación sexual, evitando calquera tipo de condutas que impliquen ou suxiran espirse, bicarse ou ter contacto físico suxestivo ou dado a interpretacións eróticas ou lascivas", sinala o documento.

O texto tamén recomenda aos traballadores pastorais non "poñerse en situación de risco ou claramente ambigua: entrar nos vestiarios, baños ou duchas mentres estean os menores, compartir habitación de hotel ou tenda de campaña, ou subir a un menor a soas nun coche". E, igualmente, pide evitar "quedar a soas moito tempo cun menor, por exemplo, na sancristía da igrexa, ou nunha sala ou dependencia parroquial, e coa porta pechada"

Misa nunha igrexa galega © Diocese de Lugo

Tras a recepción da denuncia, corresponde ao bispo diocesano un primeiro "xuízo de verosimilitude". Se o bispo considera que a denuncia "carece absolutamente de verosimilitude" non se iniciará procedemento ningún

O documento establece igualmente o protocolo interno para a recepción, tratamento e comunicación das denuncias recibidas. Tras a recepción da denuncia, corresponde ao bispo diocesano un primeiro "xuízo de verosimilitude". Se o bispo considera que a denuncia "carece absolutamente de verosimilitude" non se iniciará procedemento ningún nin se informará ao Dicasterio para a Doutrina da Fe. Ademais, o protocolo afirma que "se se demostra que unha acusación era infundada, tomaranse todas as medidas para restablecer a boa fama da persoa falsamente acusada". 

Só se o bispo considera que a denuncia é "verosímil" comezará unha investigación interna, que pode ser levada persoalmente polo bispo ou por unha persoa nomeada para ese fin. Concluída a investigación preliminar, o bispo diocesano notifica ao Dicasterio para a Doutrina da Fe o resultado desta e o dicasterio determina como proceder no asunto.

Mesmo no caso de que o sacerdote fose declarado culpable dos abusos, a Diocese debe atender "o seu adecuado sostemento se non se lle pode confiar un oficio"

As sancións poden ir desde unha simple “indicación ou suxestión de mellora” a unha “chamada de atención”, en casos leves. En casos de notoria gravidade debe procederse cunha “seria advertencia”, e dar os pasos para o afastamento inmediato do ministerio sacerdotal ou da función pastoral, coa comunicación ás autoridades civís e coa apertura dun expediente ou o despedimento, segundo cada caso.

Mesmo no caso de que o sacerdote fose declarado culpable dos abusos, a Diocese debe atender "o seu adecuado sostemento se non se lle pode confiar un oficio" sempre que non fora "expulsado do estado clerical". Así mesmo, o bispo diocesano "debe axudar ao clérigo que foi expulsado, se se atopa en verdadeira necesidade como consecuencia da pena imposta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.