O centenar de sentenzas por delitos contra a liberdade sexual do Tribunal Supremo en 2020 mostran as importantes consecuencias psicolóxicas das vítimas e as vinculacións cos seus agresores
O Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género presenta por primeira vez un estudo sobre as sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo en casos relacionados con delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual cometidos tanto contra persoas adultas como contra menores de idade. En concreto, facilita unha análise de 94 casos do centenar de sentenzas ditadas en 2020 nesta materia.
Hai dúas consideracións iniciais, en sete de cada dez casos analizados, a vítima da agresión sexual era unha nena ou un neno; e practicamente a totalidade das vítimas adultas eran mulleres, o 97,7%. O Observatorio, que aborda o tratamento das violencias machistas na Administración de Xustiza no seu conxunto, fixo público este informe no Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Máis de 2,8 millóns de mulleres no Estado sufriron algún tipo de violencia sexual ao longo da súa vida, segundo os datos da Delegación del Gobierno contra la violencia de género.
″Eduquemos os nenos e nenas en igualdade, esquecéndonos de signos patriarcais ou compasivos coa muller, para que perciban esa igualdade desde o primeiro momento. Se conseguimos iso, tamén a percibirán os adolescentes e, despois, os maiores. Cando se produce a violencia sobre a muller, o sistema xa fracasou e só queda a reparación mediante o proceso penal″, sinalaba o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, na declaración institucional polo 25N.
″Necesitamos datos para saber que políticas sociais temos que aplicar″, defende Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e experta en Estudos de Xénero. E a través deste estudo, achegámonos tanto ás consecuencias destas violencias nas vítimas como ás características do agresor e aos tipos de conduta delitiva que emprega, así como á relación existente entre vítimas e agresores.
O forense, profesor da Universidad de Granada e membro do grupo de expertos do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género, Miguel Lorente, asina este informe no que das 94 sentenzas estudadas, 64 correspóndense con casos de violencia sexual cometida sobre nenos e nenas (o 68,1%) e 30 sobre persoas adultas (o 31,9%). Ao existir varios casos nos que as persoas agredidas ou abusadas son máis de unha, os datos refírense ao número de vítimas e non aos casos sentenciados.
En 2020 o Tribunal Supremo ditou sentenza sobre os abusos sexuais cometidos sobre 65 nenas e 30 nenos. A figura do agresor é un home na inmensa maioría dos casos (93,8%). Houbo un caso xulgado no que a agresora era unha muller e tres nos que participaron homes e mulleres. Dos 64 casos de menores analizados, 50 tiñan só a nenas como vítimas.
"No 45,5% dos casos de violencia sexual cometidos dentro do contexto familiar o agresor é o pai ou parella actual da nai do neno ou nena agredida", sinala o informe
Debido á especial protección que debe ter a infancia, é moi relevante o tipo de relación das vítimas cos seus agresores. O 75,35% eran persoas coñecidas por eses nenos e nenas vítimas de violencia sexual, fronte a un 24,7% nos que os agresores non tiñan un coñecemento previo da súa vítima. Ao analizar a relación previa que existe na maioría dos abusos, o informe traslada que o 37,7% dos agresores eran familiares dos menores e o 31,2% eran coñecidos a través das relacións familiares ou veciños.
″Resulta interesante unha análise máis profunda″, sinala Miguel Lorente, ″porque a análise do grupo familiar mostra que a o 54,5% dos agresores dentro da familia teñen unha relación biolóxica coa vítima (pai, avó, tío...), e que no 45,5% dos casos de violencia sexual cometidos dentro do contexto familiar o agresor é o pai ou parella actual da nai do neno ou nena agredida″.
"As características da violencia sexual sobre nenos e nenas fan que nun número significativo de casos esta se produza durante un tempo prolongado", recolle o informe
A posición de superioridade e autoridade sobre o menor faise valer polos agresores no 44,3% dos casos xulgados polo Supremo o ano pasado. Noutros se emprega a intimidación (21,5%) ou unha combinación de ambas (14,1%). Un 3,4% dos casos están relacionados cun sometemento empregando substancias tóxicas. ″Aparece como unha conduta integrada neste tipo de agresións as gravacións en vídeo e a realización de fotos, ben como parte doutros delitos sexuais ou co obxectivo específico de producir ese material″, apunta o informe forense.
″As características da violencia sexual sobre nenos e nenas fan que nun número significativo de casos esta se produza durante un tempo prolongado, levando a cabo agresións e abusos de maneira repetida″, salienta o informe do Observatorio, para indicar que isto sucede en 49 agresións das sentenciadas en 2020. As agresións poden durar desde meses (30%) ata sete ou máis anos (12,2%).
Isto inflúe directamente no impacto psicolóxico dos menores (84,1%), pois ademais as consecuencias psicolóxicas considéranse graves nun 59,1% deses menores. As consecuencias destas violencias sexuais tamén son físicas: leves en menos do 7% dos casos e graves no 4,5%. O desenlace dun dos casos analizados foi o homicidio dunha nena de catro anos de idade. En canto ao tipo de delitos, o máis frecuente é o abuso sexual (48,65%), sendo máis da metade dos casos considerados como abusos sexuais continuados. As agresións sexuais supoñen o 28,1%, cun 53,6% delas tamén continuadas.
O forense conclúe que as consecuencias psicolóxicas aparecen nunha porcentaxe moi similar nas vítimas menores e mulleres adultas
Agresores múltiples
Nos 30 casos xulgados nos que se exerce violencia sobre persoas adulta, hai un total de 43 mulleres vítimas e un só home. No que se refire aos agresores, son todos homes. ″No 26,7% dos casos, cunha diferenza de 17,3 puntos sobre os casos contra menores, os agresores foron múltiples″, manifesta o forense no informe do Observatorio. Ademais, os datos revelan que contra as mulleres adultas predomina o uso da forza e da intimidación, así como o abuso dunha intoxicación voluntaria por parte da vítima.
″Compróbase que a agresión máis frecuente é a penetración vaxinal, que se leva a cabo nun 43,1% dos casos″, detalla Miguel Lorente. As consecuencias físicas tamén son maiores nas mulleres adultas vítimas ″debido á necesidade de empregar un maior grao de conduta física como parte da forza e da intimidación utilizada para levar a cabo a violencia sexual″. O forense conclúe que as consecuencias psicolóxicas aparecen nunha porcentaxe moi similar cando as vítimas son menores e mulleres adultas. ″O impacto psicolóxico é importante″, resume. Porén, os casos con resultado de morte como consecuencia da violencia sexual son máis frecuentes en mulleres adultas (o 6,3% fronte ao 2,3% en nenas).