O PPdeG apoiou unha proposición presentada polo BNG que "condena" os "graves casos de abusos sexuais a menores na Igrexa católica" e insta á Xunta a "apoiar e colaborar coas investigacións que se leven a cabo no ámbito da Igrexa"
Nas últimas semanas vén producíndose unha diverxencia entre a posición manifestada por institucións e persoeiros da Igrexa en relación coa investigación dos abusos sexuais a menores en entidades católicas e a defendida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Mentres o propio Vaticano ou o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, celebraron o inicio desta investigación a nivel estatal, Feijóo manifestou que "investigar só á Igrexa é unha falta de respecto a outras vítimas", pedindo unha pescuda máis ampla que tamén serviría para relativizar e diluír o sucedido nestas institucións católicas.
Este martes os deputados e deputadas do Partido Popular semellan ter corrixido no Parlamento galego a posición expresada polo seu líder, apoiando unha proposición non de lei presentada polo BNG que "condena" os "graves casos de abusos sexuais a menores na Igrexa católica" e insta á Xunta a "apoiar e colaborar coas investigacións que se leven a cabo no ámbito da Igrexa, da xustiza e das institucións públicas, encamiñadas a coñecer a verdade, a reparar o dano causado e a condenar aos responsables destes graves delitos".

Os populares buscaron modificar o texto na liña expresada nas últimas semanas por Feijóo, propoñendo unha emenda que avogaba por "rofundar nas investigacións para que afloren todos os casos, fose cal fose o contexto no que se deron"
A proposición non de lei, aprobada por unanimidade, tamén insta ao Goberno galego a "dar soporte e apoio ás vítimas tanto no proceso de denuncia como no tratamento e superación dos danos e secuelas causados polos abusos que sufriron”.
Na sesión, os populares buscaron modificar o texto na liña expresada nas últimas semanas por Alberto Núñez Feijóo, propoñendo unha emenda de adición, que avogaba por "combater a lacra do abuso infantil, profundar nas investigacións para que afloren todos os casos, fose cal fose o contexto no que se deron, e apoiar ás persoas que o padecen ou padeceron en todos os ámbitos, sen excepción".
Porén, a emenda non foi aceptada polo BNG e finalmente o PPdeG votou a favor da proposición non de lei tal e como se presentara inicialmente, contravindo a posición manifestada por Feijóo (e por outros líderes do Partido Popular, como Pablo Casado) de investigar todos os abusos e non "só á Igrexa".
Porén, finalmente o PPdeG apoiou o texto presentado, contravindo a posición manifestada por Núñez Feijóo
Esta posición de Feijóo foi duramente criticada por BNG e PSdeG, acusando Ana Pontón ao presidente galego de "poñerse de pefil" e denunciando Luís Álvarez que a proposta do líder do PPdeG supón "relativizar o problema dos abusos sexuais a menores no seo da Igrexa" e "esvaecer o enfoque". BNG e PSdeG fixeron fincapé na "sorpresa" ante a posición do presidente da Xunta, tendo en conta o apoio á investigación expresado polo propio Julián Barrio estes días, como xa fixera hai uns meses nesta entrevista con Praza.gal.
No terceiro episodio de Fálase, o podcast informativo de Praza.gal, tratamos este asunto, afondando na diverxencia existente entre a posición de Barrio e do propio Vaticano e as declaracións realizadas ao respecto por Núñez Feijóo. Podes escoitalo aquí.