Este mercores ás 20 horas o MGSM convoca á cidadanía a participar no acto Badaladas para a Prevención do Suicidio, que se celebrará un ano máis na Praza de Praterías de Santiago
O 10 de setembro celébrase o Día Mundial de Prevención do Suicidio, unha xornada na que se impón falar dun asunto considerado moitas veces tabú e que está directamente relacionado coa dotación de servizos de atención á saúde mental e, ademais, coas condicións materiais de vida da poboación. Cada ano ao redor de 300 persoas suicídanse en Galicia. En 2024 a cifra foi exactamente de 300, segundo os datos achegado polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Algo menos segundo o indicador provisional de causas de morte publicado polo INE.
É unha cifra inferior á dos últimos anos -é a máis baixa dende 2018- e fica lonxe do máximo recente rexistrado en 2014 (394). Porén, como apunta o Movemento Galego pola Saúde Mental (MGSM), son demasiados. O dato sitúa a taxa de suicidio nun nivel que "segue a ser intolerable (11,08/100.000 habitantes, fronte ao 7,8 de media do Estado Español no mesmo período de tempo)", sinala o MGSM, que conclúe que "xa ninguén parece dubidar no noso país de que o suicidio é un dos máis graves problemas de saúde pública que padecemos, nin tampouco de que é previble".
"As condicións de existencia das persoas (emprego, vivenda, convivencia, seguridade, coñecemento, acceso a información verídica e coherente, apoio social, atención sanitaria,…) son factores determinantes das decisións de suicidio", destaca o MGSM
Este mercores ás 20 horas o MGSM convoca á cidadanía a participar no acto Badaladas para a Prevención do Suicidio, que se celebrará un ano máis na Praza de Praterías de Santiago de Compostela. Alí, a entidade presentará as súas demandas para avanzar en Galicia na meta de reducir a taxa de suicidios nun 30% ata o ano 2030, formulado no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e no Plan de Acción Integral sobre Saúde Mental 2013-2030 da OMS.
Dende o MGSM destácase que "as cifras melloraron, as condicións materiais de vida da poboación tamén, e estes son factores esperanzadores para a evolución desta cuestión. Pero persiste destacadamente un grave e ameazante problema: a imposibilidade de acceso de moita xente a unha vivenda digna". A entidade fai fincapé en que "as condicións de existencia das persoas (emprego, vivenda, convivencia, seguridade, coñecemento, acceso a información verídica e coherente, apoio social, atención sanitaria,…) son factores determinantes das decisións de suicidio".
O MGSM reclama a dotación e incremento dos recursos de atención á saúde mental e, en particular, en Atención Primaria e pide asignar máis recursos e apoio aos Concellos
O MGSM reclama a dotación e incremento dos recursos de atención á saúde mental e, en particular, en Atención Primaria. Igualmente pide asignar máis recursos e apoio aos Concellos "para que tamén neste campo poidan materializar a súa capacidade de chegada á poboación".
Tamén pon o foco na necesidade de investir na investigación tanto centífica como xudicial "desta enorme cantidade de mortes violentas que, en rigor, son escasamente investigadas, co cal a día de hoxe aínda seguimos sin saber porque se suicidan as persoas".
Finalmente, apunta á "mellora e coñecemento dos datos sobre esta grave cuestión". "Séguese a presentar a información polas Administracións cun ano de retraso, incompleta, con diferencias de elaboración dos datos dun ano a outro dificultando a comparación entre períodos temporais, con datos que infraestiman o problema e cunha mera descrición sociolóxica superficial das persoas que morreron por esta causa", denuncia o MGSM.
O número de suicidios entre a mocidade descendeu en 2024, pasando de 31 a 17 entre as persoas menores de 30 anos
O suicidio é un problema social que afecta a todos os grupos de idade. O pasado ano informabamos de que no ano 2023 se rexistrara o número máis alto de suicidio en mozos e mozas de menos de 30 anos nas últimas décadas, cun total de 31 mortes. O suicidio, de feito figura habitualmente como a causa máis frecuente de morte entre a mocidade, unha cohorte na que se producen afortunadamente poucas defuncións.
No ano 2024, segundo as cifras achegadas polo Imelga a cifra descendeu notablemente, reducíndose ata 17 mortes, na liña dos datos dos anos anteriores a 2023. Tamén baixou entre as persoas entre 30 e 39 anos, de novo de 31 a 17 casos.
O número de suicidios disparouse entre as persoas entre 40 e 60 anos, pasando de 109 a 130. Este grupo de idade consolídase como o máis afectado polo problema do suicidio en Galicia
En cambio, a memoria do Imelga amosa que o número de suicidios se disparou entre as persoas entre 40 e 60 anos, pasando de 109 a 130, e situando o pasado ano como un dos que máis mortes rexistrou neste grupo de idade, só superado polo 2022 e o 2014. Este grupo de idade consolídase como o máis afectado polo problema do suicidio en Galicia.
Os datos do Imelga amosan como un ano máis son moito máis frecuentes os suicidios en homes (70%) que en mulleres (30%).
Programa FALAMOS? de Andaina Pro Saúde Mental
FALAMOS? é un proxecto específico para a detección e intervención en risco de suicidio no ámbito rural, financiado pola Consellería de Sanidade, que está a desenvolver en 2025 múltiples accións en concellos da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. A asociación Andaina Pro Saúde Mental vén impulsando este programa dende 2020 como unha aposta de achegamento a recursos e abordaxe integral da conduta suicida nas zonas rurais.
A entidade lembra "a importancia de informar, detectar a tempo e intervir nunha problemática que aínda está rodeada de tabús". O suicidio continúa a ser unha das principais causas de morte non natural en Galicia e, malia a súa relevancia, segue marcado polos mitos e os silencios que dificultan tanto a prevención como o acceso á axuda para quen a precisa. "Romper con esas barreiras, ofrecer información clara, dar a coñecer os recursos dispoñibles e formar a profesionais e comunidade son pasos esenciais para reducir o estigma e previr situacións de risco", salientan.