Competencia investiga o transporte de cadáveres en Vigo, Pontevedra e Santiago por posibles amaños de funerarias

Cemiterio de Pereiró en Vigo © Concello de Vigo

Un concurso para a loxística das autopsias do Instituto de Medicina Legal de Galicia levantou sospeitas ao concorreren xuntas empresas que poderían competir por separado

A Comisión Galega da Competencia ten abertas dúas investigacións paralelas sobre posibles amaños de empresas funerarias nun concurso de transporte de cadáveres e loxística para as autopsias do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Os investigadores analizan se empresas que poderían competir por separado decidiron concorrer xuntas aos lotes do concurso para o transporte de cadáveres nas áreas de Vigo, Santiago e Pontevedra.

Isto suporía, consideran, unha posible práctica colusoria prohibida pola lexislación de defensa da competencia e o libre mercado. Hai tempo que o sector funerario está no foco dos órganos de defensa da competencia por supoñer un "servizo esencial".

Vista da feira Funergal que se celebra cada ano en Ourense © Funergal

Foi en abril de 2024 cando a Consellería de Presidencia e Xustiza convocou un concurso para o servizo de transporte de cadáveres e apoio loxístico nas autopsias que realiza o Imelga. Dividiuno en 11 lotes segundo áreas xeográficas galegas, á maioría das cales só se presentou unha oferta dun única funeraria. Pero en tres lotes, os correspondentes a Vigo, Pontevedra e Santiago, con contratos que suman uns 180.000 euros ao ano durante dous anos prorrogables outros dous, a única oferta recibida foi de unións temporais de empresas (UTE) conformadas por funerarias que "poderían contar con capacidade suficiente para concorrer individualmente". 

A mesa de contratación alertou a Competencia, que leva ano e medio investigando o caso primeiro cun único expediente sancionador e agora con dous

A mesa de contratación do concurso foi quen advertiu esa circunstancia ao comprobar que ao lote de Santiago concorrera unha única UTE conformada por Pompas Fúnebres del Noroeste SA, Funeraria Casablanca SL e Cardelle-Vazrey SL mentres que aos lotes de Vigo e Pontevedra concorrera igualmente outra única UTE composta por Pompas Fúnebres Atlántico SA, Sepelios San Marcos SLU, Pompas Fúnebres Arosa SL e Pompas Fúnebres Santa Tegra SL. A mesa suspendeu cautelarmente eses lotes e comunicouno a Competencia, que emitiu un primeiro informe en xuño de 2024. 

No caso do lote de Pontevedra sinalou que a constitución da UTE "facilitou a eliminación da concorrencia" e "confirma os indicios da práctica colusoria advertida pola mesa de contratación. E nos lotes de Vigo e Santiago indicou que "a dispoñibilidade dos medios persoais e materiais das entidades que integran as UTE" así como "a solvencia económica e financeira e a solvencia técnica acreditadas" en anteriores contratos "fan presumir que a dimensión das UTES non está xustificada xa que varias entidades poderían contar con capacidade suficiente para concorrer individualmente".

Informe de Competencia tras as sospeitas da mesa de contratación do servizo de traslado de cadáveres do Imelga CC-BY-SA Praza Pública

As empresas argumentaron ante a mesa de contratación que constituíron as UTE "para cumprir eficientemente cos servizos requiridos" e por "sostibilidade económica, ao permitir repartir responsabilidades e custos". Tras eses argumentos, e posto que Competencia non podía concluír de xeito tan rápido unha investigación en profundidade, a mesa de contratación acabou adxudicando os contratos a esas UTE en agosto de 2024, ao tempo que Competencia incoaba un expediente sancionador. 

Ese expediente sancionador acabou dividíndose o pasado outubro en dous expedientes distintos, por entender Competencia, "tras efectuar varios requirimentos de documentación" á Xunta e ás empresas, que "nas condutas de ambos grupos de UTES non se apreciaba unha unidade de propósito anticompetitivo e polo tanto debían ser analizadas de forma unilateral cada unha delas". Unha desagregación en dous investigacións paralelas que para Competencia "concede maiores garantías de confidencialidade á documentación obrante no expediente dado que contén información sensible e datos persoais de persoas falecidas".

Contra esa división en dúas investigacións paralelas alegaron varias empresas implicadas pero Competencia vén de reiterar agora a continuidade dos dous expedientes sancionadores.

O director xeral de Xustiza da Xunta, José Tronchoni, e a directora do Imelga, Noemí Morte, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os contratos en cuestión inclúen servizos de transporte de cadáveres a petición do Imelga por un máximo de 125 euros cada servizo, a dispoñibilidade de salas para autopsias cando estas non se poidan realizar en instalacións do propio Imelga a un máximo de 60 euros por servizo ou o uso de cámaras frigoríficas das funerarias a un máximo de 25 euros por día e cadáver. No caso do lote de Vigo os partidos xudiciais incluídos no contrato son tamén os de Redondela, Ponteareas, O Porriño e Tui. No lote de Pontevedra tamén están os partidos xudiciais de Vilagarcía, Cambados, Caldas de Reis, Marín e Cangas. E no lote de Santiago inclúense os partidos de Muros, Noia, Negreira, Ordes, Arzúa, A Estrada, Lalín, Padrón e Ribeira.

Unha das empresas agora investigadas xa foi sancionada hai dous anos por impedir a outra competidora usar un tanatorio

Hai tempo que as autoridades de defensa da competencia veñen poñendo o foco no sector das funerarias, que considera un "servizo esencial". Hai dous anos Competencia xa sancionou con 83.000 euros a unha das empresas agora investigadas, Sepelios San Marcos, por impedir usar un tanatorio da súa propiedade a outras firmas competidoras, multa ratificada pola xustiza. Esa funeraria xa fora condenada previamente pola Audiencia de Pontevedra, que constatou que condicionara a unha familia en situación de "angustia" por unha morte facéndoa mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio onde desexaba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.