Un "servizo esencial" cun custo medio de 4.000 euros: as razóns polas que Competencia vixía as funerarias

Cemiterio de Rioaveso, en Cospeito CC-BY-SA Manolo Feal

Desde a liberalización do sector en 1996 os organismos de control do mercado e a xustiza veñen sancionando prácticas como as agora detectadas en Poio que poden supoñer un encarecemento da factura por morrer

“Meu pai quería ser enterrado como o que sempre foi, como un obreiro, nada de caixas esaxeradas, pero co que custou... iso é unha extracción de rendas de familias pobres por parte dun monopolio”. Quen así se pronunciaba a respecto do sector funerario nunha entrevista con Praza.gal hai uns anos era o economista vigués e agora presidente do Consello Económico e Social de España Antón Costas. Unha reflexión que estes días volve estar de actualidade ao divulgar a Comisión Galega da Competencia unha sanción a unha funeraria de Poio por impedir usar un tanatorio a outras empresas. 

Pero a multa agora coñecida non é algo inédito xa que desde a liberalización do sector en 1996 os organismos de control do mercado e a xustiza veñen sancionando prácticas como as agora detectadas en Poio que poden supoñer un encarecemento da factura por morrer, que ascende a unha media duns 4.000 euros, segundo un recente estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).

Foi en 1996 cando o Goberno de José María Aznar impulsou a liberalización dos servizos funerarios e suprimiu “a consideración dos servizos mortuorios como servizos esenciais reservados ás entidades locais”. Seguiron sendo considerados “esenciais”, xa que da morte ninguén libra e a xestión dos cadáveres ten unha regulación sanitaria específica que require de profesionais cualificados. De feito, os concellos seguen a ser os que asumen o custo dos servizos funerarios das persoas que morren sen recursos económicos. Pero os tanatorios deixaron de ser só municipais, o que unido ao cambio dos costumes e a redución dos velorios nos domicilios impulsou o sector funerario.

Pero este é un mercado limitado de carácter fundamentalmente local -a xente adoita morrer onde vive e alí quere ser despedida polos seus, segundo constatan diversos estudos- no que o volume de poboación -e polo tanto de mortes posibles- condiciona a rendibilidade das empresas. Isto fixo que desde o comezo da liberalización os organismos de defensa da competencia estatais ou das comunidades autónomas veñan supervisando o sector e mesmo tendo que pronunciarse ante compras e concentracións de empresas para garantir o teórico libre mercado e evitar monopolios.

Competencia considera o tanatorio "infraestrutura esencial" cando cumpre funcións indispensables como a de lugar de depósito dun cadáver ata que pasen 24 horas da morte, e neses casos "a titular/concesionaria do mesmo ten a obriga legal de permitir o acceso a outras"

A resolución agora emitida pola Comisión Galega da Competencia cita diversas resolucións propias ou doutras entidades similares, así como xurisprudencia, para argumentar a súa consideración de que, dentro dun mercado xa de por si condicionado como o dos servizos funerarios, un tanatorio é unha infraestrutura aínda máis “esencial”. Así, salienta como en vilas pequenas non habería rendibilidade para instalar varios, e de feito parte dos tanatorios existentes en Galicia -preto de trescentos, con só as cidades ou principais vilas con máis dun no mesmo termo municipal- son de construción e propiedade municipal e xestión a través dunha empresa concesionaria.

Por iso, di a Comisión Galega da Competencia citando casos previos da súa homóloga estatal, “non será o tanatorio unha instalación esencial a efectos de, por exemplo, deixar un ramo de flores para o defunto, pero o é en caso de dar servizo a situacións de tránsito”, cando “o servizo afectado é a actividade mesma do tanatorio, é dicir, o alugueiro de salas de velorio coa súa correspondente sala de túmulo”. Isto é cando o tanatorio é o lugar no que cumprir a obriga legal de que os cadáveres non poden soterrarse ou incinerarse ata que pasen 24 horas desde a morte ese servizo “debe considerarse como unha infraestrutura esencial” e polo tanto a empresa ou administración propietaria debe facilitar que nel poidan actuar tamén outras empresas.

Imaxe da feira Funergal que se celebra cada ano en Ourense © Funergal

Antes do caso agora feito público o Consello Galego da Competencia lembra outros similares ocorridos hai unha década co Tanatorio de Catoira e co Tanatorio de Valga, este último sancionado por uns feitos “moi similares”. Posteriormente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) establecería a respecto do caso de Valga que “a consideración dun produto ou servizo como ‘esencial’, como sucede cos tanatorios, supón que a empresa titular/concesionaria do mesmo ten a obriga legal de permitir o acceso a outras empresas, neste caso outros prestadores de servizos de tanatorio, en condicións non discriminatorias”.

De aí a consideración que Competencia fai de que os obstáculos postos pola funeraria agora sancionada para usar o seu tanatorio por parte doutras competidoras e que así as familias afectadas acabasen mudando de empresa supuxo “trasladar o monopolio lexítimo do que unha delas dispón no mercado de tanatorio de Poio a outros conexos” relacionados co resto de servizos funerarios.

Os órganos de control do mercado salientan que “un dos problemas máis significativos do sector dos servizos funerarios é a falta de transparencia de prezos, xa que o consumidor descoñece que prezos son os habituais"

A resolución de Competencia, citando novamente resolucións previas de varios órganos de control ao longo das últimas décadas, tamén pon o foco, para darlle relevancia á elección dun tanatorio en concreto por parte dunha familia fronte a outras variables, en que neste sector “o prezo non adoita ser unha variable determinante, senón que a demanda está condicionada por outros factores: tradición, confianza, emprazamento, tempo escaso para a contratación do servizo, descoñecemento dos servizos e xestións a realizar, características do servizo”. E engade que “un dos problemas máis significativos do sector dos servizos funerarios é a falta de transparencia de prezos, xa que o consumidor descoñece que prezos son os habituais, non conta con referencias que lle permitan decidir en base ao prezo”.

Resolución da Comisión Galega da Competencia sobre o tanatorio de Poio CC-BY-SA Praza Pública

A este respecto tentou arroxar máis luz hai uns meses a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) cun estudo sobre o custo dos servizos funerarios en todo o Estado con datos de 2021. Persoal seu fíxose pasar por posibles clientes en 113 funerarias de 29 cidades, entre elas tres galegas, Vigo, A Coruña e Lugo. O resultado foi que a media en todo o Estado por uns servizos sinxelos ascendeu a uns 3.700 euros, nos que o féretro -sector no que Galicia é líder a nivel estatal-, con 1.200 euros, resultou o máis caro, seguido da inhumación ou incineración, que oscilou entre 500 e 600 euros -con grandes diferenzas en función da da propiedade, alugueiro ou concesión do nicho ou tumba-, e o uso do tanatorio, cuns 550 euros. 

As cifras ofrecidas polo estudo da OCU son similares aos casos concretos reflectidos na sanción da Comisión Galega da Competencia e nas sentenzas que cita e resolucións previas da súa homóloga estatal, con arredor de 4.000 euros por todos os servizos funerarios e con máis de 500 euros polo uso do tanatorio.

Cemiterio de Pereiró, en Vigo © Concello de Vigo

Un estudo da OCU en 29 cidades de todo o Estado, tres delas galegas, revelou que Vigo é a cidade máis cara para morrer, con arredor de 6.000 euros

Pero no estudo da OCU as diferenzas por cidades resultaron significativas. En Lugo as cifras roldaron os 3.500 euros, e na Coruña oscilaron entre os 2.700 e os 4.700 euros. Pero Vigo revelouse como a cidade máis cara de todo o Estado malia contar con dúas grandes funerarias cos seus respectivos tanatorios. 6.000 euros custaría morrer en Vigo, segundo ese estudo que veu ratificar a denuncia dun dos seus veciños e afamado economista: morrer é un problema para as familias pobres porque o mercado funerario as deixa sen capacidade de elección.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.