A funeraria multada por Competencia por impedir usar un tanatorio a outras tamén foi condenada pola Audiencia de Pontevedra

Tanatorio de Poio, controlado por Sepelios San Marcos © Google

O tribunal sentenciou que condicionou unha familia en situación de “angustia” por unha morte a mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio onde desexaba

A semana pasada, como avanzou Praza.gal, a Comisión Galega da Competencia fixo pública unha sanción de 83.000 euros a dúas empresas funerarias de Poio ligadas entre si, Sepelios San Marcos SL e Tanatorio de Poio SL, por impedir ou dificultar o uso do único tanatorio desa localidade a outras competidoras. A propia resolución de Competencia sinala que as familias están nunha “situación psicoloxicamente vulnerable” cando contratan servizos funerarios e priorizan o lugar do velorio sobre outros factores, polo que obstáculos para acceder a un tanatorio afectan o mercado e a cidadanícompea. 

A sanción de Competencia baséase en diversas probas, entre elas unha sentenza xudicial previa, ratificada pola Audiencia Provincial de Pontevedra en xuño de 2021, que condenou á empresa sancionada por feitos similares tras unha denuncia dunha competidora. A resolución xudicial estableceu que Tanatorio de Poio condicionou unha familia en situación de “angustia” por unha morte a mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio nas súas instalacións.

Sentenza da Audiencia de Pontevedra de 2021 que condenou a Tanatorio de Poio CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os feitos que relata a sentenza, a familia do falecido tiña contratados os servizos funerarios cunha empresa competidora denunciante do caso. Ao residir a poucos metros do Tanatorio de Poio, e condicionados por outras circunstancias familiares, quixeron celebrar nel o velorio, pero a empresa propietaria desas instalacións non lla facilitou á funeraria denunciante coa que estaban contratados os servizos. Ante esa situación puxéronse en contacto con Tanatorio de Poio “que lles garante sala pero coa condición de que os servizos funerarios os preste Sepelios San Marcos cuxo socio maioritario o é tamén da demandada”. A familia mudou de empresa funeraria para así ter asegurado o velorio no lugar que desexaba e a firma prexudicada denunciou o ocorrido ante a xustiza.

A Audiencia de Pontevedra di que o tanatorio "negou a sala" para "propiciar un cambio de empresa funeraria a favor da vinculada co tanatorio", o que contravén "a razón de servizo público que é o funerario, aínda dentro dun mercado privatizado"

En decembro de 2020 un xulgado de primeira instancia de Pontevedra deu a razón á empresa competidora denunciante e condenou a Tanatorio de Poio a indemnizala con preto de 4.400 euros. A firma condenada recorreu e en xuño de 2021 a Audiencia Provincial de Pontevedra ratificou o fondo da cuestión pero rebaixou a indemnización a uns 1.600 euros tras recalcular os gastos nos que realmente incorrera a empresa prexudicada e as súas posibles perdas.

Na súa sentenza a Audiencia ratifica que o xulgado de primeira instancia valorou de xeito “correcto” o fondo do asunto ao ter en conta as circunstancias que deixaban sen capacidade de elección á familia do falecido, como “a súa imposibilidade de desprazamento, circunstancias familiares de vinculación, idade da nai con limitación de movementos e a perceptible angustia derivada do falecemento do fillo”. Atopábanse, di o tribunal, “sen posibilidade real de tomar outras decisións” polo que a súa decisión de mudar de empresa funeraria para poder así celebrar o velorio no Tanatorio de Poio “non é, aínda que se pretenda poida parecelo, unha decisión libre senón mediatizada, dirixida e propiciada sen unha opción válida nin razoable, pola dinámica e circunstancias que se lle formulaban polo tanatorio”.

Sede da Audiencia de Pontevedra © Google

Segundo a sentenza, o tanatorio “negou a sala nun principio tendo tendo dispoñibilidade dunha en tempos razoables e aceptables, formulando ‘solucións’ dificilmente, senón practicamente, inaceptables para a familia, ao obxecto de propiciar un cambio de empresa funeraria a favor da vinculada co tanatorio” co que, si a Audiencia, “estase contravindo tamén, sen causa xustificada, a razón de servizo público que é o funerario, aínda dentro dun mercado privatizado”.

O tribunal considera que “esta limitación e suxeición de dispoñibilidade abocaba á familia decisión de cambio de empresa de servizos funerarios, prescindindo [da denunciante], xa designada e intervinte, en favor da demandada que integra, co tanatorio e outras, un grupo ou conglomerado de empresas no ámbito funerario”.

A sentenza e a súa ratificación por parte da Audiencia Provincial foron integradas pola Comisión Galega da Competencia no seu expediente como unha proba máis, especialmente cualificada por seren resolucións xudiciais, da vulneración da libre competencia por parte das empresas sancionadas.

Resolución da Comisión Galega da Competencia sobre o tanatorio de Poio CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.