O negocio (ilegal) da morte: 4 funerarias multadas e 4 investigadas en tres anos por amañar o mercado

Cemiterio na Coruña © Concello da Coruña

Os órganos que velan pola competencia multaron nos últimos anos a dúas empresas por restrinxir o uso dun tanatorio en Poio e a outras dúas por repartirse o traslado de cadáveres en Santiago, cunha investigación similar aínda aberta en Vigo e Pontevedra

Este 1 de novembro, Día de Todos os Santos, xornada dedicada aos mortos, chega en Galicia apenas uns días despois de que a Comisión Galega da Competencia fixese pública unha resolución, avanzada por Praza.gal, coa que sanciona a dúas empresas funerarias por repartirse ilegalmente na área de Santiago e boa parte do sur da provincia da Coruña o transporte de cadáveres que requiren autopsias. Son dúas multas de 70.000 e 5.000 euros que se suman a outra resolución similar de Competencia, ratificada hai dous anos pola xustiza, que xa multara outras dúas empresas funerarias con 81.000 e 2.000 euros por restrinxir o uso dun tanatorio por firmas competidoras.

Competencia tamén mantén aberta outra investigación similar á agora rematada en Santiago sobre reparto ilegal do mercado de transporte de cadáveres en Vigo e Pontevedra, con outras catro empresas no foco. Un sector o funerario ao que os organismos que velan pola libre competencia están especialmente atentos pola súa consideración de "servizo esencial" ao que a cidadanía se ve obrigada a recorrer en situacións de especial vulnerabilidade.

Resolución sancionadora de Competencia sobre unha imaxe do antigo cemiterio de Bonaval en Santiago CC-BY-SA Imaxe: Concello de Santiago | Montaxe: Praza.gal

A sanción revelada hai uns días por Competencia diríxese contra Pompas Fúnebres del Noroeste SA e Funeraria Casablanca SL, multadas con 70.380,94 e 4.863,89 euros, o 2,78% e o 3%, respectivamente, dos seus volumes de negocio en 2025. Competencia censura que as dúas empresas concorresen unidas e como única oferta aos concursos públicos convocados en 2020 e 2024 pola Xunta para o transporte de cadáveres do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) malia que as dúas tiñan capacidade para prestar ese servizo por separado. 

Foi unha actuación "constitutiva dun cartel" co que "eliminouse a aplicación da competencia efectiva en prexuízo do órgano convocante das licitacións, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o cal prexudica en última instancia aos mesmos contribuíntes e ao interese xeral".

Desde a liberalización do sector en 1996 os organismos de control do mercado e a xustiza veñen sancionando prácticas que poden supoñer un encarecemento da factura por morrer

Ademais desta investigación agora rematada na área de Santiago, Competencia abriu ao tempo tamén outra similar da que aínda non se fixo pública a conclusión por prácticas similares nas áreas de Vigo e Pontevedra. Nese caso as empresas investigadas son Pompas Fúnebres Atlántico SA, Sepelios San Marcos SLU, Pompas Fúnebres Arosa SL e Pompas Fúnebres Santa Tegra SL. 

Unha desas empresas, Sepelios San Marcos, fora xa sancionada por Competencia xunto con outra firma vinculada, Tanatorio de Poio SL, por dificultar o uso do único tanatorio de Poio a outras empresas do sector. Os investigadores consideraron o acontecido como un "abuso de posición de dominio" e "monopolio", unha conduta prohibida "moi grave". As familias, salientara Competencia, están nunha "situación psicoloxicamente vulnerable" cando contratan servizos funerarios e priorizan o lugar do velorio sobre outros factores, polo que obstáculos para acceder a un tanatorio afectan o mercado e a cidadanía. Así, Sepelios San Marcos foi multada con 81.526,66 euros e Tanatorio de Poio con 1.888,25 euros.

Esa sanción de Competencia foi avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a finais de 2024 nunha sentenza na que lembrou que Tanatorio de Poio xa fora condenada noutro caso previo pola Audiencia de Pontevedra ante unha demanda doutra competidora, Funeraria San Mauro, por un caso no que condicionou unha familia en situación de "angustia" por unha morte forzándoa a mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio nas súas instalacións. 

Todos estes casos ratifican a visión dos organismos que velan pola competencia e o libre mercado de que o funerario, sector liberalizado en 1996, é un "servizo esencial" que debe ser vixiado para que prácticas ilegais non encareza aínda máis a factura por morrer, que ascende a uns 4.000 euros de media, segundo un estudo publicado hai tres anos pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).

Competencia alerta dos riscos dun sector que se contrata "en situacións vulnerables", con ameazas como o control dos crematorios nas cidades por grandes grupos ou o dominio territorial dalgunha empresa na Costa da Morte, Deza ou a montaña de Lugo

Nesa liña, hai uns meses a Comisión Galega da Competencia tamén fixo público un informe sobre a situación xeral do sector en Galicia que reflicte ameazas como o control dos crematorios nas cidades por grandes grupos empresariais ou o dominio territorial dalgunhas empresas na Costa da Morte, Barbanza, Deza ou a montaña de Lugo. 

Pola contra, Competencia salientou que en Ourense e algunha zona de Lugo o "modelo comunitario e público" de velorios municipais, veciñais e de comunidades de montes dificulta a entrada de monopolios privados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.