Multadas dúas funerarias por repartirse cadáveres na área de Santiago

Resolución sancionadora de Competencia sobre unha imaxe do antigo cemiterio de Bonaval en Santiago CC-BY-SA Imaxe: Concello de Santiago | Montaxe: Praza.gal

Competencia sanciona que dúas empresas fúnebres que podían competir por separado se presentasen xuntas a dous concursos públicos en 2020 e 2024 sen rebaixar nada a súa oferta, o que supuxo un prexuízo "aos contribuíntes e ao interese xeral"

A Comisión Galega da Competencia vén de facer pública unha resolución coa que sanciona dúas empresas funerarias por repartirse na área de Santiago e boa parte do sur da provincia da Coruña o transporte de cadáveres que requiren a práctica de autopsias. Pompas Fúnebres del Noroeste SA é multada con 70.380,94 euros e Funeraria Casablanca SL con 4.863,89 euros, o 2,78% e o 3%, respectivamente, dos seus volumes de negocio en 2025.

Competencia sanciona que as dúas empresas concorresen unidas e como única oferta aos concursos públicos convocados en 2020 e 2024 pola Xunta para o transporte de cadáveres do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) malia que as dúas tiñan capacidade para prestar ese servizo por separado.

Un cemiterio galego © Concello de Vigo

Foi en 2024 cando unha mesa de contratación da Xunta alertou a Competencia da posible existencia de irregularidades. A Consellería de Presidencia e Xustiza convocara un concurso público para o servizo de transporte de cadáveres e apoio loxístico nas autopsias que realiza o Imelga. Dividiuno en 11 lotes segundo áreas xeográficas galegas, á maioría das cales só se presentou unha oferta dun única funeraria. 

Pero en tres lotes, os correspondentes a Vigo, Pontevedra e Santiago, con contratos que suman uns 180.000 euros ao ano durante dous anos prorrogables outros dous, a única oferta recibida foi de unións temporais de empresas (UTE) conformadas por funerarias que "poderían contar con capacidade suficiente para concorrer individualmente", segundo a investigación que iniciou Competencia ao recibir a alerta da mesa de contratación. 

Tras recibir unha alerta da mesa de contratación, Competencia iniciou en 2024 unha investigación a sete empresas nas áreas de Vigo, Pontevedra e Santiago, e agora resolve o proceso desa última zona

O ente galego que vela polo libre mercado analizou o comportamento dun total de sete empresas nesas tres áreas xeográficas e agora vén de facer públicos os resultados da súa investigación para a zona de Santiago, onde a estendeu tamén ao contrato previo de 2020, que xa fora gañado por outra unión de empresas liderada igualmente polas dúas sancionadas. 

Segundo Competencia, Pombas Fúnebres Noroeste e Funeraria Casablanca "dispoñían das capacidades e solvencias necesarias para concorrer por si soas aos procedementos de contratación" pero constituíron unha unión temporal de empresas "para evitar competir na presentación de ofertas" e "maximizar os prezos, presentando oferta nos catro servizos licitados ao prezo máximo unitario de licitación", o que prexudicou as arcas públicas. Fixérono, di Competencia, cunha "evidente concertación de vontades" que "deixa fóra calquera dúbida razoable". Unha conclusión á que chega tras "unha ampla, numerosa e extensa cantidade de indicios acreditados".

Resolución sancionadora da Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Praza Pública

A resolución de Competencia desbota diversas alegacións formuladas polas empresas, como que se uniron "para cumprir eficientemente cos servizos requiridos" e por "sostibilidade económica, ao permitir repartir responsabilidades e custos". Tamén esgrimiron, sen éxito, a extensión territorial do contrato.

Competencia conclúe que, pola contra, "as condutas descritas deben ser tipificadas como unha infracción" da lei de defensa da competencia "constitutiva dun cartel" co que "eliminouse a aplicación da competencia efectiva en prexuízo do órgano convocante das licitacións, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o cal prexudica en última instancia aos mesmos contribuíntes e ao interese xeral". 

Nesta área ou lote de Santiago a investigación de Competencia analizou tamén unha terceira empresa, Cardelle Vaz&Rey SL, socia da unión temporal liderada polas outras dúas firmas, pero descartou que tivese responsabilidade. A resolución sinala que esa terceira empresa, ao contrario que as dúas sancionadas, "carece de solvencia técnica ou profesional para concorrer por si soa" ao concurso, polo que non se lle pode reprochar que o fixese asociada coas outras.

O director xeral de Xustiza da Xunta, José Tronchoni, e a directora do Imelga, Noemí Morte, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Competencia impón tamén a prohibición de contratar ás dúas empresas en calquera licitación pública convocada en Galicia durante seis meses

A resolución de Competencia conclúe impoñendo as anteditas multas de arredor de 70.000 e 5.000 euros en función do volume de negocio anual das empresas e acorda tamén a prohibición de contratar ás dúas empresas en calquera licitación pública convocada en Galicia durante seis meses. Porén, estas sancións impostas por Competencia poden agora ser recorridas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os contratos en cuestión analizados por Competencia incluían servizos de transporte de cadáveres a petición do Imelga por un máximo de 125 euros cada servizo, a dispoñibilidade de salas para autopsias cando estas non se poden realizar en instalacións do propio Imelga a un máximo de 60 euros por servizo ou o uso de cámaras frigoríficas das funerarias a un máximo de 25 euros por día e cadáver. No caso do lote de Santiago para o que agora chega a sanción os partidos xudiciais incluídos eran os de Muros, Noia, Negreira, Ordes, Arzúa, A Estrada, Lalín, Padrón e Ribeira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.