Sete funerarias son investigadas por acordos contrarios á libre competencia

Un cemiterio galego nunha imaxe de arquivo © Concello de Lugo

A Comisión Galega da Competencia vén de incoar expediente sancionador contra sete funerarias "por condutas que poderían supoñer unha infracción da Lei de Defensa da Competencia" en relación cun contrato co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para a prestación de servizos forenses. 

O sector das funerarias, considerado un "servizo esencial", leva anos no foco dos órganos que velan pola libre competencia, que veñen sancionando prácticas que supoñen un encarecemento da factura por morrer.

Tanatorio de Poio, controlado por Sepelios San Marcos, que xa foi sancionada por Competencia o ano pasado © Google

A Comisión Galega da Competencia inicia un expediente sancionador "por condutas que poderían supoñer unha infracción da Lei de Defensa da Competencia" en relación cunha contratación do Instituto de Medicina Legal de Galicia

Segundo Competencia, a investigación agora aberta analiza "os acordos alcanzados polas empresas Funerarias Casablanca SL, Pompas Fúnebres del Noroeste SA, Cardelle Vaz&Rey SL, Pompas Fúnebres del Atlántico SA, Sepelios San Marcos SL, Pompas Fúnebres de Arousa SL e Pompas Fúnebres Santa Tegra SL". Unha investigación que Competencia abre tras unha denuncia do Imelga, cuxo órgano de contratación advertiu "indicios" de condutas contrarias ao libre mercado por parte das empresas no marco dunha contratación de servizos forenses.

Competencia sinala que agora ten un prazo máximo de 24 meses para a instrución do expediente e a súa resolución.

O Imelga vén contratando desde hai anos con diversas funerarias servizos de transporte de cadáveres para a realización de autopsias a través de concursos públicos divididos en varios lotes que supoñen un gasto duns 400.000 euros ao ano.

Resolución de Competencia sancionando hai ano e medio a Sepelios San Marcos por impedir a libre competencia CC-BY-SA Praza Pública

Unha das empresas agora investigadas xa foi sancionada o ano pasado por impedir a outra competidora usar un tanatorio

Hai ano e medio Competencia xa sancionou con 83.000 euros a unha das empresas agora investigadas, Sepelios San Marcos, por impedir usar un tanatorio da súa propiedade a outras firmas competidoras. Esa funeraria xa fora condenada previamente pola Audiencia de Pontevedra, que constatou que condicionara a unha familia en situación de "angustia" por unha morte facéndoa mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio onde desexaba. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.