Competencia alerta dos riscos dun sector que se contrata "en situacións vulnerables", con ameazas como o control dos crematorios nas cidades por grandes grupos ou o dominio territorial dalgunha empresa na Costa da Morte, Deza ou a montaña de Lugo
O funerario é un sector "esencial" que se contrata "en situación emocionalmente vulnerable", tras a morte dun familiar, con pouca marxe para a escolla. Así que está desde hai anos no foco das autoridades de defensa da competencia, que veñen sancionando diversas prácticas de restrición ou control do mercado.
Agora a Comisión Galega da Competencia vén de publicar un informe sobre a situación en Galicia que reflicte ameazas como o control dos crematorios nas cidades por grandes grupos empresariais ou o dominio territorial dalgunhas empresas na Costa da Morte, Barbanza, Deza ou a montaña de Lugo. Pola contra, Competencia salienta que en Ourense e algunha zona de Lugo o "modelo comunitario e público" de velorios municipais, veciñais e de comunidades de montes dificulta a entrada de monopolios privados.
O informe salienta que "o sector dos servizos funerarios presenta, desde a óptica da defensa da competencia, unha serie de riscos estruturais persistentes que xustifican unha atención prioritaria por parte das autoridades públicas". "A pesar da súa liberalización formal, a análise revela a existencia de mercados locais altamente concentrados", engade o informe, "con barreiras de entrada significativas" como o control de tanatorios ou crematorios, "e unha presenza crecente de operadores integrados verticalmente con aseguradoras de decesos" que canalizan a demanda a acabar empregando todos os seus servizos de principio a fin.
A análise da situación existente en Galicia fala dun "mercado de dúas velocidades" cun "modelo corporativo" dominante na Coruña e Pontevedra e un "modelo comunitario e público" en Ourense e parte de Lugo.
A Coruña e Pontevedra
O informe analiza o "funil" dos crematorios, "maioritariamente en mans dos grupos máis fortes de cada provincia"
Na Coruña e Pontevedra "a competencia dáse entre grandes grupos rexionais e nacionais" cunha "oferta integral onde unha mesma empresa adoita controlar o tanatorio, a empresa funeraria e, en ocasións, o crematorio", situación que non é exclusiva desas dúas provincias senón que tamén se estende ás capitais das outras dúas. Así, o informe fala do "funil" dos crematorios, situados "en polígonos industriais de cidades ou cabeceiras de comarca" e "maioritariamente en mans dos grupos máis fortes de cada provincia".
Empresas estatais ou de ámbito galego como Albia, Servisa, Emorvisa ou Grupo Memorial son algunhas das citadas para esas zonas urbanas.
Pero máis alá das cidades, o documento advirte dunha "posición de dominio territorial" con "focos de alta concentración onde grupos específicos exercen un control case total da infraestrutura na súa comarca". Así, sinala que na Costa da Morte "o Grupo Bergantiños e Pompas Fúnebres San Antonio dominan o eixo Carballo-Cee-Laracha-Ponteceso, xestionando a gran maioría dos tanatorios e servizos comerciais da zona", mentres que no eixo Noia-Barbanza "Pompas Fúnebres del Noroeste mantén unha posición dominante, controlando servizos clave en Noia, Outes, Porto do Son e Ribeira".
Na provincia de Pontevedra son as comarcas de Deza e Tabeirós onde "o grupo nacional Albia exerce un dominio claro, xestionando infraestruturas en Lalín, Silleda, A Estrada e Vila de Cruces".
Aínda así, o informe sinala que "a pesar deste dominio empresarial, persisten algúns velorios municipais (como en Ames ou Melide) e exemplos illados de xestión veciñal en Santa Comba".
Ourense e Lugo
"En Ourense o servizo funerario enténdese máis como un servizo social básico de proximidade", di Competencia
En Lugo o informe de Competencia tamén advirte de posición de dominio territorial na zona da montaña, na que "Antonio Pérez Novelle destaca como o principal provedor do eixo Cervantes-Becerreá-Pedrafita do Cebreiro". E para os principais núcleos urbanos tanto de Lugo como de Ourense o documento sinala riscos similares aos da Coruña e Pontevedra.
Pero no resto das dúas provincias máis orientais hai características propias como tanatorios e crematorios "mesmo en municipios pequenos" de Lugo, que levan a Competencia a falar de "descentralización e cobertura rural", e no caso de Ourense a poñer o foco no "modelo de xestión comunitaria".
"Ourense presenta o perfil máis distintivo debido á súa alta densidade de velorios xestionados pola comunidade", salienta Competencia, que di que "é moi común atopar instalacións xestionadas por asociacións de veciños ou comunidades de montes en municipios como Amoeiro, Avión, Baños de Molgas, Baltar ou Cualedro". Tamén fala de casos de "xestión municipal masiva" xa que "algúns concellos xestionan redes parroquiais moi extensas", como Xinzo de Limia que "controla directamente 16 velorios nas súas parroquias" ou O Pereiro de Aguiar, con 12 velorios. Barbadás, Toén, Cualedro ou Vilar de Barrio son outros dos concellos citados con velorios en varias parroquias.
"O cidadán de zonas rurais depende de pequenas empresas familiares ou da xestión comunitaria, que aínda que é máis económica, carece a miúdo de servizos de cremación propios", conclúe Competencia
"Esta estrutura suxire que en Ourense o servizo funerario enténdese máis como un servizo social básico de proximidade", di Competencia, que considera que "este modelo atomiza a oferta, especialmente no servizo de velorio, dificultando a entrada de monopolios privados na contorna rural".
O informe remata ofrecendo tres grandes conclusións :
- "Na Coruña e Pontevedra existe certa tendencia á posición de dominio por parte de grupos que controlan toda a cadea de valor en áreas xeográficas pechadas"
- "Barreiras de entrada: A densa rede de velorios veciñais en Ourense actúa como un freo eficiente á expansión de grandes grupos nacionais cara a esas zonas"
- "Mentres o cidadán de centros urbanos ten acceso a servizos integrais competitivos, o cidadán de zonas rurais depende de pequenas empresas familiares ou da xestión comunitaria, que aínda que é máis económica, carece a miúdo de servizos de cremación propios"