Persoal dos supermercados clama na Coruña por condicións dignas: "Menos cartas e máis cartos"

Distintos intres da mobilización do persoal do comercio de alimentación na Coruña CC-BY-NC-SA CIG, CCOO e UGT

O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña volveu saír á rúa este domingo para reclamar un "convenio colectivo digno" que recolla "auténticas melloras salariais e laborais". Nunha marcha doutra volta concorrida, traballadores e sobre todo traballadoras —dun sector altamente feminizado— demandaron condicións dignas e "cobrar como galegas e non como escravas". 

O persoal dos supermercados reclaman un "convenio digno" e claman contra o "inmobilismo" da patronal: "Estamos fartas de ser explotadas"

Convocadas por todos os sindicatos da mesa de negociación (CIG, CCOO, UGT e USO), centos de persoas amosaron "unidade, dignidade e forza", segundo advirten as centrais, fronte a unha patronal "que teima no seu inmobilismo". Foi un chamado a desbloquear a negociación do convenio colectivo, estancada desde hai tempo, e a resolver un conflito que se lle enquista ás grandes empresas galegas de distribución

"Non imos parar ata negociar" ou "estamos farta de ser explotadas" foron algunhas das proclamas que se escoitaron durante unha marcha con centos de traballadoras e traballadores de toda a provincia. Saíron ao mediodía do centro comercial Catro Camiño e marcharon até os Xardíns de Méndez Núñez, onde se leu un manifesto no que se relataron as precarias condicións de traballo e o desenvolvemento das negociacións do convenio.

Persoal do comercio de alimentación manifestándose na Coruña, nun vídeo difundido por UGT

A representación laboral asegura que a patronal ofrece "unha raquítica redución da xornada anual, non achega nada para o complemento de antigüidade (que si abonan no convenio sectorial de Pontevedra), quere incluír os luns nas libranzas de fin de semana e non avanza nada na conciliación da vida laboral e familiar".

Os sindicatos piden á patronal que "recoñeza o enorme esforzo do persoal dun sector que non deixa de incrementar os beneficios" e ven insuficientes as súas propostas

As propostas patronais, explica, "seguen sen responder ás principais reivindicacións da parte social", como a recuperación e mantemento do poder adquisitivo, redución da xornada anual, e a mellora da conciliación e das condicións económicas e sociais do convenio. Aspiran, aclaran, un convenio "que recoñeza o enorme esforzo que realiza o persoal nun sector que non deixa de incrementar os seus beneficios".

Ademais, lembra que, malia a súa disposición a chegar a un acordo que "peche o conflito", as mobilizacións continuarán "mentres non haxa avances reais". De feito, xa hai convocadas tres novas xornadas de folga para os días 10, 11 e 13 de outubro, nas que os sindicatos chaman a participar ante unhas propostas que consideran "insuficientes". Uns paros que volven preocupar o sector, máis aínda por coincidir cunha ponte festiva polo feriado do día 12. 

"Menos cartas e máis cartos"

A mellor mostra da preocupación é que o pasado martes, todo o persoal dos supermercados Gadis na provincia da Coruña recibiu unha carta —cada unha co nome de cada unha das traballadoras— asinada polo presidente do grupo Gadisa, Roberto Tojeiro Rodríguez. "Menos cartas e máis cartos", puido lerse este domingo nalgún cartel na manifestación. 

Persoal do comercio de alimentación, antes de saír en manifestación na Coruña CC-BY-SA UGT Galicia

A misiva, de dúas caras e á que tivo acceso Praza.gal, advirte de que o convenio "xa parte dunhas condicións salariais superiores ás da gran maioría das empresas do sector", nega que o persoal perdese poder adquisitivo durante o último convenio e gaba a última proposta da patronal —que a súa empresa lidera— porque é "boa e responsable". "Chegouse ata onde entendemos que se pode chegar sen comprometer o emprego, a competitividade e o futuro", di Tojeiro, que acusa os sindicatos de teren asinado noutras empresas "incrementos salariais inferiores aos que agora se ofrecen neste convenio". 

Tojeiro, presidente de Gadisa, envía unha carta a todo o persoal criticando a estratexia sindical e aclarando que a patronal chegou "ata onde se pode chegar" e pedindo "liberdade"

O presidente de Gadisa critica a estratexia mobilizadora dos sindicatos e pregúntase se o que decidiron "que o importante é que o conflito continúe". Ademais, asegura que a situación sófrena "traballadores, comercios locais e clientes, e beneficia a competencia, que ademais é de fóra". "Defendamos a liberdade", di, asegurando que o persoal é "libre para cambiar de opinión" e que iso "non é unha debilidade". "Non debemos aceptar que ninguén teña medo a expresar o que realmente pensa pola presión doutros", insiste. 

"Que ninguén te impida pensar por ti mesmo; infórmate, pregunta, contrasta e decide libremente", insta Tojeiro. Desde os sindicatos, a resposta veu tamén en forma de comunicación a todo o persoal, aclarando mediante datos que os beneficios de Gadisa Retail son de 30.200 euros ao ano por persoa traballadora, fronte aos 6.500 do principal competidor. Engaden tamén que "claro" que perderon poder adquisitivo nos últimos anos ao "arrastrar unha perda acumulada desde 2021 do -2,9% por debaixo do IPC. 

Ademais, os sindicatos aseguran que "na provincia do lado", en referencia a Pontevedra, "as mesmas empresas pagan entre un 10% e un 20% máis como mínimo". "As empresas gañan moito, as persoas que producimos ese beneficio, non. Os que queren continuar o conflito son os que queren perpetuar esta situación", rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.