Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USO denuncian a reclamación millonaria que a cadea de supermercados Gadis levou a cabo contra todos eles, reclamándolles 1,25 millóns de euros polos prexuízos económicos sufridos durante as exitosas xornadas de folga secundadas por centos de traballadores e traballadoras do comercio de alimentación da provincia da Coruña para reclamar "un convenio digno".
CIG, CCOO, UGT e USO acusan a empresa de "perseguir o dereito á folga" e "intimidar" o persoal tras reclamarlles 1,25 millóns polos prexuízos económicos durante os paros
As centrais sindicais acusan a Gadis de "perseguir o dereito á folga, un dereito fundamental da clase traballadora" e "intimidar" e "amedrentar" o persoal para que abandona as súas mobilizacións e paros. Este mesmo luns, traballadores e delegados dos catro sindicatos con representación na mesa de negociación concentráronse ante o SMAC (Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación) da Coruña, nunha protesta que coincidiu coa celebración do acto de conciliación previo ao procedemento xudicial iniciado pola empresa galega.
Desde o grupo Gadisa advirten que a actuación xudicial iniciada "non cuestiona o dereito de folga" senón que pretende que sexan os tribunais os que "determinen se durante o desenvolvemento das mobilizacións se produciron determinados feitos que poidan ter excedido o exercicio lexítimo do dereito de folga e, polo tanto, teñan sido ilegais" para que, nese caso, determinar "se deles se derivan responsabilidades".
Gadis asegura que a súa demanda xudicial quere aclarar se durante as protestas houbo feitos que "excederon" o dereito de folga e foron "ilegais"
A empresa alega que "precisamente" para resolver este tipo de discrepancias "existen os mecanismos de conciliación e os tribunais de xustiza". Ademais, di manter "o seu respecto a todas as partes implicadas", pero asegura que continuará "defendendo as súas posicións polas vías legais correspondentes". "Coa mesma normalidade coa que respecta o exercicio dos dereitos sindicais e laborais", explica.
Sen acordo na conciliación
Mentres, na concentración deste luns, os sindicatos advertiron de que seguirán coas mobilizacións. "Vivamos como escravas explotadas en confianza", "non imos parar até negociar" ou "convenio digno, salario xusto", foron algunhas das consignas que se corearon durante a protesta diante do SMAC que rematou sen acordo ningún entre as partes, polo que o conflito seguirá o seu percorrido pola vía xudicial.
As centrais sindicais cualifican de "irracionais" as pretensións de Gadis tras unha folga "legal e pacífica" e cren que a demanda non ten "ningún percorrido". A contorna da compañía mantén que non persegue "o dereito de folga, que é lexítimo", senón compensar prexuízos
A representación sindical asegura que a demanda presentada por Gadis responde a "unha estratexia para amedrentar tanto os sindicatos como o persoal e influír no desenvolvemento da negociación do convenio colectivo provincial do comercio de alimentación da Coruña". As organizacións insistiron, ademais, en que "non permitirán que este tipo de actuacións condicionen a acción sindical nin a participación nas mobilizacións".
O representante da CIG na mesa de negociación, Roberto Pérez, cualificou de "irracionais" as pretensións de Gadis “nun contexto de convocatoria de folga totalmente legal e pacífica, pretende reclamarlle ás persoas folguistas que lle paguen polo que deixaron de ganar”. Ademais, subliñou que o propio texto da demanda “é o relato do éxito da folga”, tras asegurar que “non ten ningún percorrido na vía xudicial” porque “o dereito á folga é un dereito fundamental da clase traballadora”.
Pérez cre que este movemento da empresa é "temerario” e un “intento moi groseiro de influír na negociación do convenio”. CCOO-Servizos, pola súa banda, considera "especialmente grave" que Gadis pretenda responsabilizar economicamente os sindicatos "polas consecuencias dunha folga legalmente convocada e secundada polas persoas traballadoras". Ao seu xuízo, este tipo de demandas buscan crear un "efecto disuasorio" fronte ao exercicio dun dereito fundamental.
Os sindicatos convocan tres novas xornadas de folga para os días 24, 25 e 26 de xullo
Non parece que se vaia conseguir. CCOO, CIG, UGT e USO xa convocaron tres novas xornadas de folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña para os días 24, 25 e 26 de xullo, "ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo". Os sindicatos reiteran que continuarán defendendo melloras salariais e laborais para o persoal do sector e advirten de que non se deixarán "intimidar" por actuacións que consideran "dirixidas a limitar o dereito de folga e a liberdade sindical".
Os sindicatos lembran que nunha das últimas reunións, a patronal —controlada por Gadis e Froiz— "moveuse un mínimo" na súa proposta económica "pero sen garantir o que reclaman as traballadoras e os traballadores que é unha suba por riba do IPC". As posturas están "moi afastadas", advirten as centrais, que aseguran que o Gadis solicitou unha nova solicitude "precipitada" de mediación no AGA (Acordo Interprofesional Galego) e que decidirán agora se aceptan ou non esta proposta.
Nese punto as posturas están moi afastadas”, indicou. Pero xusto despois da xuntanza, chegou unha nova solicitude de mediación no AGA “que nos parece precipitada”.