O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña volve á folga na semana do San Xoán por un convenio digno e ante o "inmobilismo" e a "negativa" a negociar por parte da patronal. Todos os sindicatos na mesa de negociación (CIG, USO, UGT e CCOO) convocan un paro que se prevé igual de masivo que o do pasado 29 de maio cando, segundo as organizacións, máis do 80% do persoal de Gadis e Froiz o secundaron.
O persoal de alimentación na provincia da Coruña está chamado á folga para os días 21, 22, 23 e 24 de xuño por un convenio digno e ante o "inmobilismo" da patronal
Daquela, os supermercados abriron pero na maioría dos casos só coas persoas encargadas e o persoal eventual presente, obrigando a que moitas seccións de carne e peixe permanecesen pechadas, ao igual que moitas caixas que quedaron sen servizo. A folga, polo traballo nos almacéns o domingo e algunhas aperturas previstas o festivo, está convocada para os días 21, 22, 23 e 24, aínda que a xornada de maior impacto e seguimento prevese a da previa de San Xoán, o vindeiro martes, coincidindo tamén coas manifestacións.
O seguimento masivo que se prevé ese día prepara xa as dúas grandes cadeas de alimentación galegas para importantes perdas por ser unha xornada de moitas compras para a festividade do San Xoán, especialmente na cidade da Coruña.
O día de maior seguimento da folga prevese na véspera de San Xoán, xornada na que se prevé un grande impacto nas vendas, sobre todo na cidade da Coruña
Nalgunhas tendas, de feito, as seccións de peixe recomendaban xa nos últimos días non contar con sardiña para a véspera da celebración e mesmo para o luns ante o máis que probable peche da peixería ou a imposibilidade de recibir a mercadoría polo paro.
A elección destes días para a folga por parte dos sindicatos pretende meter presión á patronal, sabedores do impacto económico e mesmo social que pode ter o paro nos días previos ao San Xoán. É, segundo explican, a resposta ao "nulo avance" da negociación e ao "inmobilismo" dunhas empresas ás que os sindicatos acusan de levar a cabo unha estratexia "moi agresiva".
"Semellante ao do metal porque, de feito, a negociadora é a mesma que nese conflito", explica Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación. "Non dan practicamente nada, non se moven da súa postura e fanse as vítimas", denuncia respecto de Gadis e Froiz, as dúas grandes compañías, das que lembra os importantes beneficios que obteñen.
Os sindicatos acusan as empresas de "provocar o conflito" ao cualificar de "inviables" as súas propostas e "facerse as vítimas"
"Son as empresas as que provocan o conflito alegando que a nosa proposta é inviable", engade quen denuncia que as compañías intentan influír no persoal con "coaccións" e "repartición de panfletos" advertindo dos prexuízos dunha folga, unha circunstancia que, segundo os sindicatos, "está a ter o efecto contrario do que pretenden". "Argumentan ademais, con demagoxia, a súa condición de empresas galegas, coma se iso lles dese carta branca para manter soldos precarios", advirte Pérez.
Así, os sindicatos auguran un seguimento "masivo" e semellante ao da folga do pasado 29 de maio. "Dificilmente se pode mellorar porque aquela xornada o paro foi case total", explica Pérez. O seu sindicato e os outros tres acusan a Gadis e Froiz de querer "perpetuar os baixos salarios e a precariedade laboral".
As organizacións sindicais advirten de salarios que apenas superan o SMI, xornadas anuais elevadísimas" ou a ausencia de libranzas os sábados
As súas demandas céntranse nas melloras de salarios e das condicións de traballo. Ante a pasada folga de maio, as súas peticións centrábanse nunha suba salarial dun 10% para 2026, 4,5% para 2027 e 4% para 2028, en todos os casos con cláusula de revisión salarial atendendo ao IPC real. E lembran que o sector "arrastra unha perda continuada de poder adquisitivo e que os salarios apenas superan o SMI". Arredor de 1.100 euros ao mes estando a xornada completa, segundo denuncian as organizacións.
Tamén reclaman reducir a xornada anual por ser "elevadísima"; melloras nos horarios e licenzas; libranzas nos sábados (o persoal traballa seis días á semana inescusablemente); ou crear un complemento de antigüidade como xa teñen recollido no convenio de comercio de alimentación de Pontevedra.
Segundo denuncian os sindicatos, a única oferta presentada pola patronal logo da folga do 29 de maio foi un incremento "miserento" do 3% para este ano e tres días máis de permiso por falecemento de parente en primeiro grao. "E anda máis: nin xornada, nin conciliación, nin complementos", advirten. A resposta, unha folga que apunta a histórica polo seguimento e polos días elixidos.