O metal corta a principal entrada á Coruña cunha gran marcha en demanda dun "convenio digno"

Manifestación do metal na avenida Alfonso Molina da Coruña CC-BY-SA CCOO Industria

Cortes de tráfico e unha importante manifestación marcaron as protestas do metal da provincia da Coruña na cidade herculina. Persoal do sector volveu reclamar un "convenio digno" e clamou contra a "precariedade" nunha marcha na que houbo mesmo "un par de conatos de incendio" sen maior importancia e un altercado dunha minoría que insultou e agrediu unha xornalista. 

Arredor de 4.000 traballadores e traballadoras do metal de toda a provincia manifestáronse na Coruña e cortaron a principal vía de entrada á cidade

Foi a sexta xornada de folga —terceira consecutiva— por un convenio digno, convocada por CIG, CCOO e UGT, na que o persoal do metal denuncia o "bloqueo patronal" da negociación colectiva, ademais das súas "ameazas". Tras as concorridas mobilizacións dos últimos días na Coruña, Ferrol e Santiago, os traballadores intensificaron a protesta cunha manifestación central e conxunta que percorreu a cidade da Coruña desde a Ponte da Pasaxe, en Oleiros, ata a sede da patronal, no barrio de Monelos. 

Vídeo da manifestación difundido pola CIG

Foron arredor de 4.000 traballadoras e traballadores chegados de toda a provincia os que cortaron o tráfico de entrada á Coruña nunha importante marcha, ao transcorrer por Alfonso Molina, a principal vía de acceso á cidade. Houbo importantes afectacións á mobilidade e varios lanzamentos de petardos. 

Os sindicatos reúnense este venres coa patronal tras a convocatoria de novas xornadas de folga para as vindeiras semanas

Xa o pasado mércores, a importante resposta dos e das operarias e a convocatoria de catro xornadas máis de folga para os días 16, 17 da vindeira semana e para o 30 de xuño e 2 de xullo fixo que a patronal reaccionase propoñendo unha reunión para mañá ventres ás 10 da mañá

Os sindicatos agardan que a patronal acuda "con vontade de negociar" e traslade propostas "dignas de ser estudadas" e confían en que a xuntanza sirva para desbloquear o conflito. Segundo as centrais, a representación empresarial está a desenvolver unha "estratexia de dilación e ameazas" que imposibilitou o achegamento de posturas. 

O persoal mobilizado demanda un "convenio digno" e acabar coa "precarización" do sector

As reclamacións da representación laboral duns 18.000 traballadores na provincia baséanse nun incremento salarial "xusto", que se estableza unha cláusula de revisión salarial ao IPC que opero a 1 de xaneiro, a redución da xornada máxima anual, "combater a precariedade derivada da contratación fixa-descontinua e do abuso das ETT" ou limitar a subcontratación en cadea. 

Mobilización do metal en Ferrol o pasado mércores CC-BY-NC-SA CIG

Insultos machistas e agresión a unha xornalista

Tamén reclaman o complemento da incapacidade temporal ao 100% desde o primeiro día, ampliar a máis actividades o dereito de subrogación, garantir o acceso á xubilación parcial, mellorar a prevención e a seguridade, e "adecuar os pluses de toxicidade, penosidade e perigosidade para que realmente os poidan percibir as persoas que traballan nestas condicións".

Manifestantes lanzaron un petardo a unha reporteira, á que tamén proferiron insultos machistas. "Un ataque intolerábel contra a liberdade de prensa", di o Colexio de Xornalistas 

A masiva manifestación deste xoves estivo tristemente marcada polo lanzamento de petardos por parte dalgún traballador do metal a unha xornalista que cubría a mobilización. O Colexio Profesional de Xornalitas xa condenou os feitos: "A agresión dos manifestantes, deliberada e precedida de insultos machistas cara á profesional, significa un ataque intolerábel contra a liberdade de prensa". 

Segundo relatan algunhas das periodistas presentes, algúns dos manifestantes dirixíronse á afectado ao berro de "niñata, únete". Ante a resposta de que estaba traballando, comezou a sufrir insultos e o lanzamento dun petardo que lle provocou feridas nun xeonllo. As profesionais denuncian que non é a primeira vez que sofren actitudes "despectivas" nas protestas do metal. 

Tras estes feitos, na tarde deste xoves CIG, CCOO e UGT emitiron un comunicado conxunto lamentando o ocorrido, amosando o respecto polo traballo das xornalistas e asegurando que non comparten "ningún tipo de comportamento agresivo, machista ou violento e que estas actitudes non teñen cabida" dentro da súa acción sindical.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.