Metal, comercio ou limpeza: a loita por convenios "dignos" impulsa folgas e mobilizacións por toda Galicia

Mobilización de persoal do sector do metal, na contorna do Ifevi (Vigo), este 20 de xuño CC-BY-NC-SA CIG

No medio de dúas batallas electorais, a un mes dos comicios xerais e cos focos apuntando á liorta da permanente campaña, milleiros de traballadores e traballadoras saíron -e seguen a saír- á rúa en Galicia nos últimos días en loita por melloras no seu convenio colectivo, contra a precariedade e coincidindo con xornadas de folga que afectan xa diversos sectores. 

A última gran mobilización foi a do metal este mesmo martes en Vigo, logo das importantes marchas que hai tan só uns días tiveron lugar en Lugo e fai meses na Coruña ou Ourense. Coincidindo cunha nova xornada de paro, milleiros de persoas secundaron unha marcha que rematou diante do IFEVI, onde se celebra o Mindtech, feira internacional da industria e das tecnoloxías metalúrxicas, que organiza a patronal Asime. 

Mobilización de persoal do comercio de alimentación en Lugo CC-BY-NC-SA CIG

Traballadores do metal da provincia de Pontevedra colapsaron a feira Mindtech no Ifevi de Vigo noutra xornada de folga por un "convenio digno"

Os traballadores colapsaron o recinto, bloqueando a entrada da feira. "O metal está en loita, convenio solución", clamaban os manifestantes, cuxa mobilización provocou retencións quilométricas e atascos na AP-9, á altura da saída ao aeroporto de Peinador. 

Volveuse paralizar o sector de toda a provincia logo do éxito da folga do pasado día 15 na demanda dun "convenio digno" e despois de que a xuntanza deste luns entre patronal e representantes sindicais rematase sen acordo por, segundo as centrais, "a negativa do empresariado a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas". O conflito por un convenio que abrangue unhas 3.700 empresas e máis de 33.000 operarios e operarias e que ten prevista unha nova xornada de paro para este xoves. 

Coinciden as reivindicacións pola mellora do convenio coas que na mesma provincia leva a cabo o persoal do comercio de alimentación, que denuncia a "parálise" na negociación. A CIG, sindicato maioritario na mesa de negociación, anunciou o pasado luns a convocatoria dunha xornada de folga para este vindeiro venres 23 -véspera de San Xoán-, coincidindo coa que o mesmo sindicato convocara xa na provincia de Lugo xunto a CCOO logo dunha masiva manifestación o día 18. 

A CIG convocou folga no comercio de alimentación en Pontevedra para o día 23, data na que tamén hai paro no mesmo sector en Lugo

Serían dúas folgas históricas nun sector pouco dado aos paros. En ambos casos, é unha loita común por un convenio laboral "digno". No caso de Lugo, o persoal denuncia que o seu "é dos máis cativos do país". "Mentres as grandes empresas do sector, Gadis e Froiz, baten récords se ganancias, a maioría do persoal rolda ou nin chega ao salario mínimo interprofesional (SMI)", coinciden en sinalar Comisións e CIG, os dous sindicatos que denuncian que o "desprezo e escurantismo" que, ao seu ver, levan a cabo tanto a patronal como o sindicato UGT, que aseguraba a primeira hora deste martes ter chegado a un preacordo co empresariado e a USO. 

Mobilización de persoal do sector da limpeza, en Lugo CC-BY-NC-SA CIG

Finalmente, a patronal -Asociación de Empresarios Mayoristas de Alimentación de Lugo- e os sindicatos UGT e USO (que ostentan a representación de máis do 85% do sector) asinaron un novo convenio colectivo provincial con vixencia para o período 2022-25 e malia as críticas polas "formas" de Comisións e CIG, que entenden que a manifestación do pasado domingo deixou claro o rexeitamento do persoal ás condicións pactadas. 

"Analizaremos todas as posibilidades legais e decidiremos se segue vixente a convocatoria de folga, pero o que temos claro é que se está a vender como un grande avance un convenio que o persoal deixou claro que era insuficiente", explica a Praza.gal Juan Zas, secretario de Acción Sindical da Federación de Servizos de CCOO. 

Segundo a patronal, o novo convenio suporá un incremento salarial do 16,7% para os catro anos de vixencia, así como a redución de 13 horas anuais de xornada e incrementos lineais de pluses como os de domingos e festivos. 

O ano pasado, a aprobación do convenio na Coruña supuxo a eliminación dese grupo profesional, o de categoría máis baixa, cuxos traballadores pasaron ao grupo III. Segundo os sindicatos, en Lugo é maioría o persoal que se integra nesta categoría, con soldos precarios. O obxectivo, din, é achegarse ao conseguido na provincia veciña, onde os salarios base van dos 1.040 aos 1.340 euros mensuais, cifras baixas pero aínda máis altas que en Lugo. "As diferenzas económicas entre traballar nun Gadis ou nun Froiz de Guitiriz e traballar nun de Teixeiro chegan aos 300 euros ao mes", advertiu a CIG. 

Mobilización de persoal do sector da limpeza en Ourense CC-BY-NC-SA CIG

"O persoal deste sector en Lugo é o único que non percibe o 100% do salario en caso de baixa", denuncia CCOO, que advirte de que o obxectivo é "acabar coa indecencia de soldos próximos o SMI en empresas con grandes beneficios". 

O sector da limpeza en Ourense mobilízase por un convenio "digno" e o de Lugo foi á folga este martes: "Sen revisión salarial que fregue a patronal” 

No caso de Pontevedra, a CIG aclara que a única proposta achegada pola patronal logo de oito xuntanzas foi a dun aumento salarial do 2% en 2023 e do 1% en cada un dos tres anos seguintes, o que supón un 5% na totalidade da vixencia do convenio. “Unha autentica burla para o sector, xa que o IPC do ano anterior, 2022, rematou nun 5,7%; ademais, o empresariado négase a reducir a xornada semanal”, denuncian sobre outro aspecto que si se acadara no convenio coruñés. 

Por outra banda, o pasado venres tamén iniciou un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo "digno" o persoal do sector da limpeza en Ourense. A primeiro protesta foi diante de Eulen e a deste martes foi ante Mantelnor, mentres que para a semana está previsto que se concentren ante a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Neste caso, CIG, CCOO e UGT uníronse nas protestas contra unha proposta da patronal que supón unha suba salarial do 1,5% para cada un dos anos de vixencia do convenio (2023, 2024 e 2025) e que inclúe un plus de convenio de 500 euros anuais a cambio de eliminar o de transporte, que é de 200 euros.

Caravana de traballadoras e traballadores de Política Social CC-BY-NC-SA CIG

Segundo denuncian os sindicatos, o salario bruto anual dunha limpadora na provincia ourensá é de pouco máis de 14.000 euros, fronta a un SMI que se eleva a 15.120.

En Lugo, pola súa banda, tamén o sector da limpeza leva a cabo protestas. Este martes, segundo a CIG, houbo un seguimento "masivo" do paro que tiña convocado a central nacionalista. As traballadoras e traballadores advirten de "xustas reivindicacións" e aseguran que o seu convenio rolda os 1.800 euros por baixo do SMI. Segundo denuncian, a patronal ofrece unha suba do 12% a distribuír de aquí a 2025, incremento que consideran insuficiente e razón pola cal meditan xa se chamar a unha folga indefinida ás 1.800 persoas afectadas. 

”Sen revisión salarial que fregue a patronal” ou “basta xa de tanta explotación” foron algunhas das consignas que berraron este martes as traballadoras da limpeza. "Agardamos que a patronal tome note da resposta dada polas traballadoras e os traballadores e mude a súa postura na mesa de negociación, porque seguiremos pelexando até acadar un convenio digno con salarios xustos", dixo a representante da CIG-Servizos, Asunción Castiñeira. 

Caravana de persoal de Política Social

Tamén houbo cánticos e mobilización por parte dos traballadores de Política Social, cunha caravana de coches que percorreu varias zonas das cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Marcharon pola "recuperación dos dereitos e a dignidade". Reclaman a recuperación da xornada semanal de 35 horas, aumento de persoal, compensacións por domingos e festivos ou a recuperación da xubilación parcial anticipada, ademais dos dereitos suspendidos desde 2012 por mor da crise e que nunca lles foron repostos. 

Non rematarán aquí as mobilizacións por un convenio digno. O vindeiro xoves será o persoal dos centros de educación infantil privados e de xestión indirecta. CCOO, CIG-Ensino, UGT Servizos Públicos, SNEP e USO denuncian "o inmobilismo das patronais" na negociación do devandito convenio "en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras". 

Haberá concentracións ás 20 horas no MARCO, en Vigo, e no Obelisco, na Coruña, para a mellora dunhas condicións que, segundo denuncian os sindicatos, mantén o persoal tamén con salarios "por baixo do Salario Mínimo Interprofesional". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.