Desde o pasado 5 de outubro, e logo de dúas xornadas previas de paro a finais de setembro, traballadores e traballadoras do metal da provincia de Ourense manteñen unha folga indefinida por un "convenio digno". Cun seguimento "maioritario", segundo os sindicatos CIG, CCOO e UGT, o persoal continúa dunha mobilización que deu lugar a unha masiva manifestación o pasado martes na capital e a que os organizadores do Salón do Automóbil a celebrar esta fin de semana decidisen cancelalo ante a previsión de protestas.
As centrais sindicais critican a patronal pola súa "postura intransixente" ante unhas reclamacións que consideran "lexítimas": principalmente, un incremento salarial acorde ao IPC e o mantemento de todas as condicións laborais xa recoñecidas.
O sector do siderometal mantén unha folga indefinida desde o 5 de outubro na dunha suba salarial "para poder manter unhas condicións de vida dignas"
A folga, de feito, foi convocada polos tres grandes sindicatos logo de numerosas reunións nas que a patronal insistiu nunha oferta que suporía un aumento salarial do 4 % anual para cada un dos exercicios: 2022, 2023 e 2024. "Moi por baixo da inflación", lembran as centrais, que aseguran que "se nega a que os incrementos poidan ser revisados ao remate do ano conforme ao IPC". Aceptar estas cantidades suporía, segundo CIG, CCOO e UGT, "condenar a clase traballadora a unha desvalorización salarial inasumible para poder manter unhas condicións de vida dignas".
A última oferta das asociacións que representan o sector –Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense, Asociación de Concesionarios de Automóviles de Ourense (Acauto), Instaelectro e a industria do siderometal– elevaba un chisco a primeira: un incremento do 5% en 2022 con carácter retroactivo desde xullo e o 4% para 2023 e 2024, un incremento total do 13% ata ese último ano. Desde a representación dos traballadores mantíñase, ata este martes, a súa proposta: unha suba do 18%, cun 6,5% en 2022 e 2023 e un 5% en 2024, ademais dunha cláusula de revisión salarial no caso de que se dispare o IPC.
Unha masiva mobilización en Ourense deu máis pulo aos sindicatos, que manteñen o pulso coa patronal
A masiva mobilización en Ourense o pasado martes, con arredor de 1.500 persoas segundo os sindicatos, deu aínda máis pulo aos traballadores para continuar cunha folga que ven clave para "defender o dereito á negociación colectiva". "IPC real para o metal", foi unha das proclamas máis escoitadas.
Ademais, desde as centrais sinalan o exemplo da provincia da Coruña, onde os traballadores e traballadoras mantiveron a folga ata que acadaron "un convenio digno", no que se recoñeceu "un incremento salarial igual ao IPC real e no que se recollan auténticas melloras laborais e sociais". En Ourense, e malia a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, non houbo aínda acordo.
Cancelado o Salón do Automóbil
Por outra banda, tamén desde os sindicatos houbo críticas aos intentos de "criminalización da loita obreira", logo dalgún altercado coa policía e os piquetes durante esta semana e a pasada. Ao tempo, os organizadores do XIII Salón do Automóbil de Ourense, previsto para os días 14, 15 e 16 de outubro, decidiron cancelar a súa celebración para "evitar os graves trastornos" que a folga podería supoñer para o evento e ante a posibilidade de que "a acción dos piquetes impida celebrar con normalidade esta actividade".
Desde os organizadores aludiuse tamén á posibilidade de que "sufran danos os máis de 300 vehículos que formarán parte do salón". Desde a parte sindical advertiran de que a patronal Acauto, de concesionarios, era a principal causante do bloqueo para un acordo e anunciaran mobilizacións no salón a celebrar esta fin de semana.