As fregonas amarelas convertéronse nas últimas semanas no símbolo da mobilización do persoal da limpeza da provincia da Coruña. Este mércores as traballadoras levaron a cabo a terceira xornada de folga no último mes, nunha mobilización que reclama un "convenio digno" para un sector moi precarizado, con salarios baixos e con condicións laborais moi duras.
"O Goberno galego ten moito que dicir neste conflito", sinalan os sindicatos
Este mércores as traballadoras manifestáronse en Compostela, nunha marcha que concluíu ante a sede de Xunta en San Caetano. O escenario non foi casual. O persoal e os sindicatos que o representan levan semanas sinalando a responsabilidade do Goberno galego neste conflito, pois a administración autonómica é unha das grandes contratistas de servizos de limpeza. "O Goberno galego ten moito que dicir neste conflito", sinalan os sindicatos. Hai uns días Ana Pontón e Gonzalo Caballero, que amosaron o seu apoio ás traballadoras, sinalaron tamén a responsabilidade da Xunta e demandaron a intervención do Goberno galego para mellorar as condicións do persoal.
Se non se achegan posturas, haberá novas convocatorias de folga que, neste caso, incluirán tamén o persoal de limpeza dos hospitais das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Santiago-Barbanza
Este martes as protestas reproducíronse na Coruña, Compostela, Ferrol e outras localidades, con concentracións ante as sedes da Xunta ou ante edificios de El Corte Inglés e outros establecementos comerciais e polígonos industriais. En El Corte Inglés opera unha das empresas con máis peso na patronal do sector, EULEN, unha "das máis reticentes a recoñecer o dereito do persoal a ter salarios e condicións decentes", denuncia a CIG.
En total, máis de dez mil traballadoras estaban chamadas á folga. A novidade con respecto ao paro convocado o pasado 22 de abril foi que nestas dúas novas xornadas de protesta tamén estaban chamadas á folga as traballadora e traballadores que prestan servizo de limpeza en diferentes institucións públicas, como a Xunta de Galicia, o Parlamento, a Valedora do Pobo e a Universidade de Santiago, entre 350 e 400 traballadores e traballadoras máis. Se non se achegan posturas, haberá novas convocatorias de folga que, neste caso, incluirán tamén o persoal de limpeza dos hospitais das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Santiago-Barbanza.
Os sindicatos convocantes (CCOO, UGT e CIG) de novo denunciaron que se decretaran uns servizos mínimos "abusivos"
Nestas dúas novas xornadas de folga os sindicatos convocantes (CCOO, UGT e CIG) de novo denunciaron que se decretaran uns servizos mínimos "abusivos" que “vulneran o dereito do persoal a facer uso da única ferramenta que lles deixa a patronal para defenderse dos seus abusos”, en palabras da CIG. “É unha loita pola dignidade dun sector feminizado que reclama que o seu traballo sexa recoñecido socialmente e que se respecte o dereito a ter unhas condicións laborais, salariais e sociais aos máis de 10.000 traballadoras e traballadores", sinalou o portavoz do comité de folga e representante da CIG, Paulo Rubido.
A maioría das traballadoras ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros, resultado da suma de varios contratos
No sector da limpeza os soldos apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional e a maioría das traballadoras ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros, resultado da suma de varios contratos. Porén, a mellor oferta da patronal é unha conxelación do salarios no ano 2020 e un incremento do 0,8% no ano 2021, ao que se engadiría a eliminación do dereito á xubilación parcial no sector ou a supresión do dereito das traballadoras a tempo parcial a ampliar xornadas cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo e na empresa.
Paulo Rubido (CIG) salientou que estas empresas “ben que se lucraron durante a pandemia ao ter que reforzar servizos de limpeza e desinfección de edificios e locais”
A diferenza do sucedido noutros sectores, as empresas do sector da limpeza incrementaron a súa actividade e os seus ingresos nos últimos meses a causa da pandemia, polo aumento dos traballos de limpeza e desinfección en empresas e edificios públicos. Isto incrementou a esixencia para as traballadoras, a súa saturación e tamén os riscos aos que se expoñen, pero non mellorou as súas condicións. Neste senso, este martes Paulo Rubido salientou que estas empresas “ben que se lucraron durante a pandemia ao ter que reforzar servizos de limpeza e desinfección de edificios e locais” e demandou un cambio de posición fronte á actitude “despreciativa, impresentable e inadmisible” que está a amosar a patronal na súa opinión.