O persoal da limpeza da provincia da Coruña está inmerso nun conflito laboral en demanda dun novo convenio colectivo que mellore as súas condicións laborais, marcadas pola precariedade, nun sector absolutamente feminizado, cun 95% de mulleres. As traballadoras levaron a cabo unha primeira xornada de folga o pasado 22 de abril, un paro que se repetirá por partida dobre esta semana, os días 11 e 12 de maio.
Unha representación das traballadoras en folga reuníronse no Parlamento con deputadas e deputados de BNG e PSdeG-PSOE, que lles amosaron o seu apoio
Os soldos apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional e a maioría das traballadoras ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros, resultado da suma de varios contratos. Porén, a mellor oferta da patronal é unha conxelación do salarios no ano 2020 e un incremento do 0,8% no ano 2021, ao que se engadiría a eliminación do dereito á xubilación parcial no sector ou a supresión do dereito das traballadoras a tempo parcial a ampliar xornadas cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo e na empresa.
A diferenza do sucedido noutros sectores, as empresas do sector da limpeza incrementaron a súa actividade e os seus ingresos nos últimos meses a causa da pandemia, polo aumento dos traballos de limpeza e desinfección en empresas e edificios públicos. Isto incrementou a esixencia para as traballadoras, a súa saturación e tamén os riscos aos que se expoñen, pero non mellorou as súas condicións.
“Temos unha débeda moral cunhas traballadoras que foron imprescindibles na pandemia", dixo Pontón
Este venres unha representación das traballadoras en folga reuníronse no Parlamento con deputadas e deputados de BNG e PSdeG-PSOE, que lles amosaron o seu apoio. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou a implicación da Xunta na negociación por ser cliente principal das grandes empresas de limpeza (os orzamentos de 2021 destinan 77 millóns de euros para subcontratar este servizo) e lembroulles a Núñez Feijóo que o compromiso coa igualdade “non é poñer lazos lila nas solapas nin facer declaracións retóricas, senón implicarse para mellorar a situación laboral das mulleres no cada día, e esta é unha oportunidade para pasar das palabras aos feitos”.
"Non pode ser que multinacionais como EULEN, ACS, ACCIONA ou FERROVIAL multiplicaran beneficios na pandemia e teñan a caradura de ofrecer cero euros de subida salarial en 2020 as súas traballadoras da limpeza", dixo Pontón
Así mesmo, subliñou que “temos unha débeda moral cunhas traballadoras que foron imprescindibles na pandemia". “No peor da crise as traballadoras da limpeza foron imprescindibles para saír adiante e deron o mellor de si para manternos a salvo cando a limpeza de espazos públicos e privados era o mellor antídoto contra o virus. Se antes da pandemia tiñan razón para reclamar mellores condicións laborais e salariais hoxe, ademais, temos como sociedade unha débeda moral con este colectivo maioritariamente integrado por mulleres”, afirmou Pontón.
Neste senso, a líder do Bloque denunciou que "non pode ser que multinacionais como EULEN, ACS, ACCIONA ou FERROVIAL multiplicaran beneficios na pandemia e teñan a caradura de ofrecer cero euros de subida salarial en 2020 as súas traballadoras da limpeza. E iso que falamos de salarios que na maior parte dos casos cobran menos de mil euros”.
O PSdeG reclamoulle á Xunta que abra canles de diálogo co sector da limpeza da provincia da Coruña para desbloquear as negociacións
De igual xeito, o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, mantivo un encontro no Parlamento coas traballadoras da limpeza para trasladarlles o seu apoio de cara á folga convocada os próximos 11 e 12 de maio. O Grupo socialista reclama un convenio digno para o sector e a portavoz de Emprego, Carmen Rodríguez, reclamoulle á Xunta que abra canles de diálogo co sector da limpeza da provincia da Coruña para desbloquear as negociacións. Sinalou que “non é de recibo” que a patronal intente empeorar as condicións laborais dunhas traballadoras que se teñen reivindicado como esenciais polo seu traballo durante a pandemia.
Rodríguez sinalou que o Grupo Socialista defende “tódalas cláusulas dos convenios que loiten contra a precariedade laboral que están a sufrir as mulleres de Galicia” e chamou a acadar un “convenio digno que avogue por non estender a precariedade laboral a un maior número de traballadores e traballadoras”.