O metal volve amosar a súa forza en Galicia. As provincias da Coruña e Pontevedra viviron —e viven— nestas últimas xornadas varios días de mobilizacións e folgas "contra a precariedade" nun sector que abrangue uns 45.000 traballadores en ambos territorios.
A folga deste martes na Coruña pechou moitas empresas e practicamente paralizou a actividade nos principais polígonos industriais
Os 15.000 empregados do metal na Coruña estaban chamados este luns á folga en toda a provincia convocados por CIG, CCOO e UGT nunha xornada que foi cualificada de "éxito absoluto" por parte dos sindicatos e que pechou boa parte das empresas do sector, especialmente as grandes, paralizando practicamente a actividade en numerosos polígonos industriais.
Arredor de 3.000 persoas na Coruña e 2.000 en Ferrol protagonizaron as principais manifestacións nun día no que case non houbo actividade nos estaleiros de Navantia e onde os talleres, concesionarios e áreas industriais dos principais polígonos da provincia pararon case totalmente. Como antes fixeran os seus compañeiros no sur de Galicia.
O metal da Coruña ten convocadas novas xornadas de folga para os vindeiros 26 e 27 de maio
Os sindicatos reclaman un convenio "digno" e que a patronal desbloquee a negociación e xa teñen convocada dúas novas xornadas de folga para os vindeiros 26 e 27 de maio, unhas protestas que advirten que continuarán se non hai cambios na mesa de negociación. Segundo denuncian, a representación empresarial négase a avanzar nas materias reclamadas: "nin salarios, nin redución de xornada nin ampliar a subrogación". Ademais, ofreceron un incremento salarial do 5,5% a catro anos e logo do 8% a cinco anos que foi rexeitado polas centrais.
As reivindicacións na Coruña chegan logo de varias xornadas de folga e protesta dos seus compañeiros e compañeiras do sector en Pontevedra. Nesta provincia, CCOO e UGT acabaron pactando o pasado venres unha suba do 15% ata 2029 para os 30.000 traballadores cubertos polo convenio.
CCOO e UGT pactaron un novo convenio na provincia de Pontevedra cunha suba salarial do 15% ata 2029; a CIG rexeitou o acordo e continúa coas protestas
A CIG decidiu prolongar a folga ata este martes logo de rexeitar este preacordo que os outros dous sindicatos asinaron coas patronais Asime, Atra e Instalectra. A central nacionalista considera que a suba salarial pactada non garante o poder adquisitivo do persoal, ademais de reclamar un mecanismo que permita a xubilación anticipada no sector.
O pactado en Pontevedra supón tamén o abono de polo menos un dos conceptos de traballos especiais (penosidade, perigosidade ou toxicidade) en estaleiros, varadoiros e centros navais, así como un día máis de vacacións e a redución da xornada laboral. Tamén a subrogación, aínda que aplicable só nas empresas eólicas e de telecomunicacións.
Os sindicatos piden un incremento salarial "que permita afrontar a carestía da vida"
No caso da provincia da Coruña, os sindicatos reclaman un incremento salarial "que permita afrontar a carestía da vida", unha cláusula de revisión salarial ao IPC que opere a 1 de xaneiro, reducir a xornada máxima anual ás 1.712 horas, "combater a precariedade derivada da contratación fixa-descontinua e a o abuso das ETT", ou limitar a subcontratación en cadea.
Tamén ampliar a máis actividades o dereito de subrogación, garantir o acceso á xubilación parcial, mellorar a prevención e a seguridade, e adecuar os pluses de toxicidade, penosidade e perigosidade para que realmente os poidan percibir as persoas que traballan nestas condicións.