Dependentas do comercio téxtil e de calzado trasladaron este martes as súas protestas ás portas da sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago para demandarlle a sinatura dun acordo marco interprofesional que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e "impida así que se apliquen os recortes de dereitos do convenio estatal", tal e como xa se acordou no País Vasco ou en Cantabria.
Dependentas trasladan a acampada reivindicativa que mantiñan ante a patronal coruñesa desde hai dúas semanas ás portas da patronal galega en Santiago
Traballadoras e traballadores do sector dan un paso máis nas constantes mobilizacións e folgas —convocadas por CIG e UGT— que levan a cabo desde hai meses contra o convenio de ámbito estatal asinado pola patronal que agrupa as grandes multinacionais téxtiles (con Inditex á cabeza) e os sindicatos CCOO e Fetico. Trasladaron a acampada reivindicativa que mantiñan na Coruña desde hai dúas semanas á rúa do Vilar santiaguesa, xusto fronte á patronal galega.
Na Coruña, o campamento de protesta sumou quince días diante da sede da patronal coruñesa por ser, din, "a máis reticente a avanzar neste marco galego" e por negarse "de xeito sistemático" a abrir a negociación para un novo convenio provincial tras caducar o actual o pasado 31 de decembro.
Persoal reclama un acordo que blinde os convenios provinciais e evite os "recortes de dereitos" do convenio estatal
Agora, múdanse a Santiago. "Ata negociar, non imos parar", advertían ducias de persoas ante un amplo número de axentes da polícia e nunha xornada na que a CEG celebraba ás 13:30 horas a súa asemblea, coa asistencia prevista do delegado do Goberno de España ou da alcaldesa compostelá.
"Ortega, escoita, o téxtil está en loita" ou "convenios aquí e non en Madrid" foron algunhas das consignas das dependentas, que montaron as súas tendas de campaña para pedir un acordo marco galego e denunciar os prexuízos do convenio estatal.
"Retroceso en dereitos"
Desde CIG e UGT insisten en que o novo convenio estatal supón "un retroceso dos dereitos conquistados nos últimos anos" a través da mobilización e da negociación colectiva provincial, ademais de establecer "condicións diferentes" nunha mesma tenda entre o persoal xa contratado e o eventual ou de nova incorporación, "que terá peores salarios e menos dereitos".
Segundo explican, e de "maneira temporal", as condicións do persoal das provincias de Pontevedra e Lugo estarían protexidas polos convenios provinciais que se veñen de asinar, pero a aplicación do acordo impulsado pola patronal ARTE implicará "percibir entre 2.000 e 5.000 euros menos ao ano na Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade recollido nos convenios de Lugo e Ourense; a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura, reducir a planificación de horarios e calendarios ou autorizar a contratación fixa-descontinua a tempo parcial".