Dos soldos a traballar festivos: claves da loita das dependentas que volve paralizar as tendas

Mobilización contra o convenio estatal de ARTE, na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

O pasado 23 de marzo, a patronal ARTE —integrada por grandes compañías como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel ou Bimba&Lola— e os sindicatos CCOO e Fetico asinaron un preacordo histórico para o sector do gran comercio téxtil e do calzado tras máis de dous anos de negociacións. Un novo marco laboral estatal que abrangue máis de 100.000 traballadoras (a maioría mulleres), que estará vixente ata 2028 e que pretende unificar nun só os máis de 50 convenios provinciais existentes. 

A patronal ARTE, con Inditex, Mango ou H&M, asinou un preacordo de convenio estatal con CCOO e Fetico ao que se opoñen CIG e UGT en Galicia

Pero o acordo chega furado. O convenio para todo o Estado non será aplicable en Euskadi, onde o sindicato ELA impulsou protestas e paros que conseguiron incluír unha cláusula inédita que garante a prevalencia dos convenios provinciais. En Galicia, CIG e UGT levan meses mobilizándose e milleiros de dependentas —como xa fixeran antes, especialmente na Coruña— volveron saír este venres á rúa en varias cidades. Nunha xornada de folga que paralizou boa parte do sector advertindo da "perda de dereitos laborais" que suporía a entrada en vigor do preacordo, que afectaría entre 35.000 e 40.000 traballadoras e traballadores no país, e que podería ser ratificado o vindeiro luns. 

Ducias de tendas pecharon, tanto en centros comerciais como nas principais rúas comerciais de moitas cidades, e outras abriron con persoal en mínimos. O seguimento, segundo indica a CIG, foi "especialmente maioritario" na provincia da Coruña —con parodia do espectáculo de Bad Bunny na Superbowl incluído—, territorio que mantén desde hai anos en tensión a protesta, que desta vez superou as dos últimos anos. Tamén foi importante en Pontevedra. 

Traballadoras do comercio, mobilizadas este 17 de abril na contorna dos centros comerciais El Corte Inglés e Cuatro Caminos, na Coruña CC BY-NC-SA Praza.gal

Para CIG, UGT e mais para o persoal mobilizado —moi maioritariamente feminino—, este primeiro convenio estatal nas grandes cadeas téxtiles e de calzado supón centralizar a negociación colectiva "en Madrid" e afastala dos centros de traballo, restando a incidencia dos traballadores nas negociacións. Pero supón, sobre todo, un "retroceso" polas perdas salariais e laborais e o empeoramento dunhas condicións mellorables pero moito máis vantaxosas que noutros territorios, conseguidas —como lembran— hai tempo tras anos de loita, mobilizacións e folgas, a través duns convenios provinciais que agora, din, queren "liquidar". 

CIG e UGT denuncian o "retroceso" nas condicións salariais e laborais que supón o preacordo; CCOO di que "mellora as condicións do 95% do persoal"

Pola contra, CCOO-Galicia defende un preacordo que "mellora as condicións para o 95% do persoal sen perdas salariais para ninguén" e acusa a CIG e UGT de "interpretacións parciais ou directamente erróneas" e de ser "poucos rigorosos". O debate entre o persoal do sector existe pero tamén unha forte mobilización. "O que deben ser é claros; parece evidente que, por moito que haxa provincias onde melloren as condicións e poidan estar de acordo, a nós prexudícanos", reflexionaba estes días unha traballadora, entre conversas con compañeiras que dubidaban sobre secundar ou non o paro deste pasado venres, que na Coruña esténdese a este sábado. 

Condicións salariais

Así, a CIG advirte que o novo convenio suporía rebaixas de entre 2.000 e 3.000 euros ao ano, dependendo da categoría laboral, respecto ás condicións dos actuais convenios provinciais, unha perda que chegaría aos 5.000 euros no caso das tendas de Inditex. CCOO, pola súa banda, explica que o preacordo incorpora unha cláusula de complemento ad personam que garante o mantemento das condicións salariais que estivesen por riba nos convenios provinciais, polo que ningunha persoa traballadora vería reducido o seu salario actual.

Piquete na folga do comercio téxtil e de calzado contra o convenio de ARTE, en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

"Ese complemento, que é por lei, supón que non se baixe o salario á persoa que ten un contrato indefinido, pero non abrangue todas aquelas que se incorporan, que son moitas nun sector con tanta temporalidade, ou ás que son liquidades e son contratadas máis adiante", retruca Lucía Domínguez, traballadora e delegada da CIG na Coruña, que lembra que ela mesma pode pasar a traballar con compañeiras "que teñan un salario moito menor" porque acaban de chegar. 

A CIG advirte de rebaixas de entre 2.000 e 3.000 euros anuais no salario para o novo persoal contratado ou da perda de complementos consolidados

Ademais, advirte de que o acordo suporía a desaparición de complementos, como os de antigüidade en Lugo e Ourense ou o de permanencia na Coruña. "Isto tamén é perder", engade. "Teño un plus de transporte e outro de antigüidade que me van conxelar, e quen entre de novo xa non os vai ter, como que non perdemos?", intervén unha traballadora. Na CIG aseguran que tamén están en risco licenzas, días de asuntos propios, o complemento até o 100% nas baixas ou melloras na conciliación, cuestións que serán abordadas nunha nova reunión entre patronal e sindicatos o 20 de abril. 

Domingos e festivos

Respecto ao traballo domingos e festivos, CCOO asegura que o preacordo "establece a súa regulación, inclúe compensacións económicas crecentes e reforza a planificación de horarios, incorporando ademais medidas de protección en datas especialmente sensibles". A CIG, pola súa banda, di que o pacto "establece a obrigatoriedade de traballar nos domingos e días festivos de apertura"

O preacordo di que o traballo en domingos é "voluntario" pero que deberá "garantirse a prestación de traballo do persoal imprescindible se non hai suficientes voluntarios"

Domínguez teno claro: "A redacción deste punto no preacordo é a que é: son voluntarios agás que non haxa voluntarios", di. Ademais, advirte de que este cambio suporá que se poidan acabar incluíndo os festivos nas xornadas, "perdendo a posibilidade de ir traballar por algo máis de cartos". 

No preacordo, ao que tivo acceso Praza.gal, establécese un plus de traballo de domingos e festivos de 45 e 70 euros respectivamente neste ano, que subiría ata os 55 e 80 en 2028, e aclárase que se manterían as contías superiores establecidas en convenios colectivos ou polas empresas. Pero tamén advirte que "a prestación de servizos en domingos e festivos terá carácter voluntario para as persoas traballadoras", aínda que, "se non hai suficientes voluntarios, deberá garantirse a prestación de traballo do persoal imprescindible para a apertura da tenda". 

Mobilización contra o convenio estatal de ARTE, en Pontevedra CC-BY-NC-SA CIG

Redución da xornada anual

CCOO advirte da redución de xornada pero a CIG di que é "propaganda" porque nela "deixaría de computar o tempo de descanso diario como tempo efectivo de traballo"

Respecto da xornada anual pactada, establécese en 1.770 horas para 2026, 1.760 para 2027 e 1.740 para o ano 2028, o que supón unha baixada respecto dos convenios provinciais actuais. "Está por baixo da propia proposta que non puido pactar o Goberno coa CEOE en canto a redución da xornada laboral", di CCOO. Para a CIG, hai "truco" e todo é "propaganda".  

"Na realidade as horas de traballo anuais aumentarían xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo", explica a central nacionalista. Lucía Domínguez asegura que, no caso da provincia da Coruña, as 50 horas menos anuais de xornada que se prometen en 2028 "equivalen, máis ou menos, ás horas de descanso que deixan de computar". "O comido polo servido, pero aínda peor", engade. 

A resposta ao preacordo para o convenio estatal foi contundente na folga deste venres, con moitas tendas pechadas nas cidades e milleiros de traballadoras na rúa

Ademais, a CIG tamén denuncia que o preacordo reduce a cinco semanas de antelación a planificación de horarios e calendarios, recupera a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses, "disparando a pobreza salarial"; e autoriza a contratación fixa-descontinua a tempo parcial, "afondando aínda máis na precarización dun sector marcado polas elevadas taxas de parcialidade". 

CCOO, pola súa banda, defende que a redución de xornada, xunto coas novas táboas salariais —con salarios segundo grupo que van dos 18.000 euros anuais aos case 25.000 de xefe de tenda—  "implica un aumento significativo do prezo por hora", unha mellora, segundo di, que se une á "garantía de contratación mínima de 24 horas semanais, contribuíndo a unha maior estabilidade laboral". 

No preacordo establécese como norma xeral que o descanso semanal será de dous días non consecutivos e de día e medio en tendas de ata seis traballadoras, ademais de garantir que o descanso semanal coincida en sábado e domingo como mínimo oito semanas en 2026, dez en 2027 e once en 2028.

Mobilización de traballadoras do comercio en varias localidades galegas, este 17 de abril CC BY-NC-SA CIG

Con todo, a resposta a este preacordo foi masiva. A folga obrigou a pechar as tendas das grandes marcas nas grandes superficies e nas principais rúas comerciais de Galicia e mobilizou milleiros de traballadoras contra o convenio que prevén aprobar ARTE, CCOO e Fetico para máis de 35.000 dependentas e persoal do gran comercio téxtil e de calzado en Galicia. 

Ademais da "deterioración" nas condicións que denuncian, CIG e UGT tamén advirten de que a sinatura definitiva do convenio estatal suporía "a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais". E culpan o empresariado de atrasar ou negarse a renovar convenios provinciais con mellores condicións que as que tería o estatal. "O caso de Pontevedra é o máis indignante", explica Domínguez, que asegura que a patronal, "polas presións de Inditex", non dá asinado un convenio que se leva dous anos negociando "para que acabe entrando en vigor o de ARTE ao estar caducado o que debería estar vixente". "É un pau moi grande, nese caso e noutros", insiste. 

A CIG pediu á patronal galega un marco propio autonómico para blindar os convenios provinciais, como se fixo en Euskadi, pero negouse: "A presión de Inditex é moi grande"

A CIG, nun intento por evitar este empeoramento nas condicións, solicitou xa hai semanas á patronal galega, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, negociar un marco propio autonómico que "blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa fronte ao convenio estatal de ARTE". Unha proposta que busca unha solución como a lograda en Euskadi polo impulso doutro sindicato nacionalista, ELA, que logrou que o acordo a nivel de Estado non fose de aplicación nas tres provincias da comunidade autónoma. 

"A patronal galega negouse a asinar un acordo interprofesional de ámbito autonómico", lembra a CIG, malia que entre a central e UGT hai forza dabondo para poder impulsar este acordo. Preguntada Domínguez polos motivos desta negativa, teno claro. "A presión que Inditex exerce aquí na patronal é moi grande, seguramente moito máis que noutros territorios... Casualmente, a vicepresidencia de ARTE recae no apoderado de Inditex", lembra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.